Saltar ao contido
16:37 h. Sexta feira, 24 de Outubro do 2014

Opinión

Xavier Vence

Xavier Vence

Portavoz Nacional do BNG e profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na USC.
Vota:

Sermos en tempos tépedos

É difícil atopar no tempo vital da nosa xeración, das xeracións vivas e mesmo das máis anellas, un momento tan cargado de sombras. As inevitábeis incertezas de todo tempo de cambio son hoxe angurias provocadas por un devalo que semella pór en causa moitas conquistas civilizatorias que por momentos crimos definitivas e destinadas a seren rapidamente superadas por novas conquistas. Todo sabía a pouco e o optimismo permitía manter aceso o facho da utopía.

Moitos sabiamos que o capitalismo non ía ser a nave que nos achegara a esa utopía mais mal podiamos imaxinar que o “impasse” deste sistema nos ía envolver nunha espiral regresiva sen sermos quen de romper o molde e abrir un mundo de novas posibilidades. Os que pilotan a nave souberon emprender a ceavoga sen deixar o temón. Puxéronnos a andar a ceacú e non fomos quen de arrepoñernos con valentía. Desde logo aínda non o fixemos. Aínda non fomos quen de desfacernos desa plutocracia encastrada no poder grazas ao habelencioso manexo dos fíos invisíbeis do diñeiro ficticio, das ideas placebo construídas coa astucia do ministerio da verdade e do medo a perder a tutela dos que se consideran chamados a seren os amos do mundo. 

A principal habelencia que lles permite ese exercicio de pilotaxe suicida de millóns de individuos convertidos en átomos sen poder foi ternos convencido de que a soberanía era unha antigalla de Westfalia e que nada mellor que convertérmonos en mónadas nun inmenso mercado global. Desprovistos do poder colectivo expresado soberanamente, os individuos acaban sendo átomos inermes nas mans do grandes megapoderes concentrados no posto de mando dun reducido número de consellos de administración. Se os países renuncian á soberanía que lles permite o exercicio do poder colectivo e empodera aos individuos que o forman, os individuos por si só convértense en seres inermes fronte aos megapoderes económicos. Ao renunciar á soberanía as propias institucións vense igualmente deslexitimadas para actuaren respondendo primordialmente aos intereses do pobo que encarnan e vense sometidas ás condicións impostas por eses poderes extraterritoriais. Dito doutro xeito, a recuperación para os cidadáns do poder e a autonomía para tomaren nas súas mans a capacidade para decidiren e, por esa vía, desfacerse eventualmente deses pilotos suicidas, pasa inexorabelmente por recuperar a soberanía e, polo tanto, a lexitimidade para tomar as decisións que como sociedade máis lle interesan. Fronte a un capitalismo predador e regresivo como é o neoliberal, a recuperación da soberanía é a condición esencial para salvagardar as conquistas civilizatorias da sociedade e, en último extremo, protexer á sociedade mesma fronte aos excesos dun mercado que exclúe da vida produtiva digna a un volume cada vez máis amplo de individuos.

Avanzar nesa dirección require reapropiarmonos das ideas, da información e das ferramentas básicas que permitan repensar autonomamente o mundo, a sociedade e a vida. Precisa romper a muralla invisíbel do pensamento único, que en realidade é pensamento cero adobiado dunha potente explotación dos temores e instintos primarios da poboación. E para romper esa muralla é preciso un, dous, tres... miles de plataformas que sirvan de vehículo de creación e circulación de ideas. Ideas libres e libertadoras.

Por iso, moitos saudamos con ledicia o agromo de Sermos Galiza. 

Saudámolo, ademais, por outras razóns igualmente basilares. No xa longo e parsimonioso percorrido cara á recuperación das nosas liberdades colectivas como galegos vivimos tamén tempos de ceavoga. Violenta e insidiosa ceavoga. O neocentralismo reavivou con forza na última década; os vellos poderes do estado, institucionais, políticos, económicos, culturais e mediáticos concertaron unha estratexia que cultivan con esmero e perseveranza para estender a hexemonía española/madrileña sobre as demais culturas ibéricas. Como, por desgraza, no noso país nunca deixaran de contar cunha persistente adhesión da elite provinciana, os avances dese movemento nos últimos tempos son considerábeis. Os esforzos por destruíren as bases esenciais da autoestima son realmente intensos. O actual goberno galego e toda unha lexión de poderes locais, económicos, sociais e mediáticos que están a despregar unha campaña sistemática para frear a eclosión de iniciativas da sociedade civil enraízada nos nosos sinais de identidade de xeito que o que por momentos semellaría unha primavera cargada de esperanza vese pouco a pouco murchada por unha tépeda xeada. A produción cultural en todos os eidos sente unha severa asfixia, que procede non só dunha crise inmisericorde senón tamén dunha estratexia deliberada de abandono e asfixia por parte dos poderes que hoxe se apropiaron do país. Polo tanto, tamén nese sentido vivimos un tempo cheo de ameazas para o noso autogoberno e para as nosas aspiracións. 

Por iso, é preciso pular por todas as iniciativas que nacen da xenerosidade rebelde. Cómpre facelo desde a xenerosidade aberta e cooperativa, sumando todas as enerxías para crearmos e recrearmos un ecosistema diverso que alimente o reverdecer do pensamento, da creación cultural e das ideas políticas que axuden a erguer a nación. Todos os que fan algo nesa dirección son, sen dubidalo, os mellores. Todos, cada un coa súa impronta e personalidade.

Adiante con Sermos Galiza para aquecermos estes tempos tépedos.

Outros artigos
Outras voces