Nas últimas semanas rexistráronse tres feitos relevantes no ámbito da política municipal. Nas cidades de Pontevedra e Santiago acadaronse acordos entre o BNG e as Mareas que van permitir ás equipas encabezadas por Miguel Lores e Martiño Noriega dispor de novos orzamentos para o presente ano. Mentres, na Coruña, a carencia dun acordo entre Marea Atlántica e PSdG provocou a posta en marcha do mecanismo legal da cuestión de confianza vencellada á aprobación das contas do concello. A inviabilidade dunha eventual moción de censura conxunta de PP e do grupo socialista asegura, en todo caso, a vixencia definitiva dos orzamentos presentados pola equipa que preside Xulio Ferreiro.

O problema da gobernabilidade das sete cidades galegas ten a súa orixe nos resultados dos comicios de Maio de 2015. As urnas só proporcionaron a maioría absoluta á candidatura encabezada por Abel Caballero en Vigo. A investidura dos alcaldes de Ferrol, A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra e da alcaldesa de Lugo só foi acompañada dun acordo de goberno conxunto no caso de Ferrol. Nos demais casos non houbo pactos explícitos e permanentes que permitiran asegurar, dende o comezo, a maioría necesaria para aprobar os orzamentos da institución municipal.

As dificultades derivadas desa inexistencia de pactos afectaron a todas as forzas políticas aínda que a meirande parte dos medios de comunicación centraron a súa atención -e a maior carga das críticas dos seus analistas habituais- nos gobernos onde están presentes a Marea Atlántica, Ferrol en Común e Compostela Aberta. Para semellantes observadores, Ourense practicamente non existe e  o alcalde do PP que preside esa Corporación non atura a correspondente responsabilidade pola inexistencia de orzamentos e pola incapacidade na adopción de medidas de impacto estrutural no desenvolvemento da cidade. Esta “obxectividade” informativa encaixa adecuadamente coa estratexia establecida pola dirección do PPdG despois da vitoria do pasado 25 de Setembro: reconquistar o goberno das cidades, sobre todo daquelas administradas polas Mareas.

Para tratar de acadar semellante obxectivo Feijóo está aproveitando calquera circunstancia que permita sementar dúbidas sobre a capacidade de goberno das equipas municipais e sobre a viabilidade futura das mesmas. A falta de sintonía ou a división reiterada que se rexistra entre as Mareas, o PSdG e o BNG alimenta un clima social pouco favorábel ás expectativas dunha colaboración futura entre as forzas que conforman, hoxe, a oposición na Cámara do Hórreo.

Ou na vindeira cita electoral municipal, o partido de Feijóo acada a hexemonía que anda buscando ou terá que existir un acordo de gobernabilidade solvente entre os grupos da esquerda e do nacionalismo

A forza electoral acadada polas Mareas no 2015 -sobre todo nas tres cidades da provincia da Coruña- pode explicar a reacción defensiva daquelas organizacións -PSdG e BNG- que viron emigrar unha parte relevante dos seus apoios electorais cara estas novas formacións.Tamén é coñecida a tradicional resistencia dos dirixentes socialistas a compartir gobernos que non son encabezados por persoas pertencentes á súa sigla. Pero o volume de coincidencias programáticas e o interese común de cortocircuitar un hipotético avance do PP no 2019 ofrecen incentivos moi sólidos para buscar unha colaboración permanente entre as tres organizacións. Porque, de duas unha: ou, na vindeira cita electoral municipal, o partido de Feijóo acada a hexemonía que anda buscando ou terá que existir un acordo de gobernabilidade solvente entre os grupos da esquerda e do nacionalismo. Mais aínda: para que no 2020 exista algunha posibilidade críbel de substitución do PP na Xunta será condición imprescindíbel un entendemento plural nos concellos. Alguén podería acreditar na viabilidade dun goberno alternativo en San Caetano se perviven as situacións de conflito e desencontro que hoxe se viven nunha boa parte das cidades do noso País?

O Partido Socialista deberá solventar a dúbida que está no escenario político dende a abstención que posibilitou a investidura de Rajoy: prefire compartir a oposición municipal co PP para erosionar o goberno das Mareas ou está disposto a buscar aquelas fórmulas que aseguren unha colaboración construtiva ate o 2019? A resolución deste dilema terá unha grande transcendencia na evolución da política galega nos vindeiros anos.

 



x