Cando Alberto Núñez Feijóo comparece alporizado ante os medios pola aprobación do cupo para o País Vasco e o eventual establecemento dun modelo de financiamento singular para Catalunya non cabe pensar que descoñeza as características que posúe o sistema de concerto e a traxectoria histórica rexistrada nos mecanismos do financiamento público territorial no Estado español. Xa se sabe que a ignorancia é moi atrevida, mais neste caso resulta impensábel considerar tal circunstancia a menos que supoñamos que o staff de asesores do presidente da Xunta acada o máximo nivel de incompetencia.

 

Non. Feijóo sabe ben o que hai, pero ten que facer o papel de ofendido e aparentar unha ameaza de suposto enfrontamento con Montoro -mais que con Rajoy- para cumprir esa imaxe publicitaria de “militante de Galicia” que patentou na campaña electoral do ano pasado.

 

A discución sobre a aplicación concreta do sistema de concerto entre as autoridades vascas e as estatais nunca se reduciu a un terreo estritamente técnico. Se fose así non existirían dificultades especiais para fixar a contía da aportación anual da Facenda vasca aos recursos públicos que administra o goberno do Estado. A dimensión política sempre estivo presente nesas negociacións, con dous factores condicionantes: a conxuntura pola que atravesaba a vida pública de Euskadi e a capacidade de pacto do PNV -a forza nacionalista cunha maior continuidade histórica na gobernanza daquel territorio- co partido hexemónico no Congreso dos Deputados. E todo iso cun pano de fondo indiscutíbel: a existencia dun notábel consenso entre as formacións políticas do Parlamento de Vitoria -tradución dun reiterado e amplo acordo social- a respecto do mantemento deste específico modelo de financiamento.

 

Non. Feijóo sabe ben o que hai, pero ten que facer o papel de ofendido e aparentar unha ameaza de suposto enfrontamento con Montoro -mais que con Rajoy-

 

En Montepío tamén coñecen o papel destacado que xogaron as institucións de Catalunya na determinación do sistema que rexiu para as restantes comunidades durante os últimos trinta anos. Como ten trascendido en diversas ocasións, CiU non quixo apostar polo mecanismo do concerto porque os seus dirixentes non desexaban asumir os riscos asociados ao mesmo: unha eventual insuficiencia de recursos por mor dunha evolución negativa das variábeis económicas e o custo social derivado do exercicio da capacidade normativa sobre as distintas figuras fiscais. Esta demostración práctica de “realpolitik” por parte de Jordi Pujol tivo repercusións prácticas cando o PSOE e o PP necesitaron o apoio parlamentar desa formación nacionalista. Os sucesivos sistemas de financiamento seguiron o mesmo procedemento: a negociación principal estaba protagonizada polos executivos do Estado e da Generalitat, certificando posteriormente os seus resultados no foro multilateral do Consello de Política Fiscal e Financeira. A lóxica política dominaba o escenario: as demandas e as razóns exhibidas polos gobernos da Xunta ficaban subordinadas ao que se acordaba nesa real -e nunca admitida oficialmente- negociación bilateral. Fraga e, agora Feijóo, tiñan dúas saídas: protestar aparatosamente cando os socialistas ocupaban a Moncloa -lémbrese que, na metade dos anos 90, a Xunta presentou un recurso de inconstitucionalidade contra o modelo pactado entre González e Pujol- ou buscar algunhas contrapartidas que lle permitiran salvar a cara cando Aznar ou Rajoy dispuñan da chave da Facenda estatal.

 

En Montepío tamén coñecen o papel destacado que xogaron as institucións de Catalunya na determinación do sistema que rexiu para as restantes comunidades durante os últimos trinta anos

 

Se o presidente da Xunta quere pasar da sobreactuación teatral a unha posición dotada da suficiente credibilidade debería optar por unha folla de ruta substancialmente diferente: utilizar a maioría absoluta do pazo do Hórreo para esixir ao goberno de Rajoy un modelo de financiamento adaptado ás necesidades específicas da sociedade galega. Abandonar a obsesión con Euskadi e Catalunya e confrontarse cos que toman as decisións na Administración do Estado. Mesmo, se quere, pode estudar a experiencia da UPN (“Unión do Pobo Navarro”): gobernou durante moitos anos a Comunidade Foral, defendeu sen ningunha dúbida o concerto daquel territorio e pactou habitualmente co PP estatal.



x