A ocupación simbólica e temporal do Pazo de Meiras por activistas do BNG levou polo mundo adiante a reivindicación cidadá de que o Pazo sexa devolto á cidadanía galega. A ocupación tivo un carácter fundamentalmente político e non poderá ser sancionada penalmente, ao non existir nos activistas ningunha caste de intencionalidade de apropiación patrimonial, invasión da intimidade persoal e familiar de ninguén nin de mantemento da ocupación.

 

O despoxo patrimonial sofrido polos galegos no 1938 en beneficio do patrimonio persoal do ditador Franco levouse adiante a medio de tres instrumentos fundamentais: o desconto obrigatorio de parte do soldo en moitas entidades públicas e empresas privadas, as “doazóns voluntarias” dos veciños, exaccionadas polos concellos coa colaboración da Falanxe e da Garda Civil, e a ocupación sen contraprestación de moitos dos terreos adxacentes. 

 

A ocupación do Pazo por parte de activistas do BNG tivo un carácter fundamentalmente político e non poderá ser sancionada penalmente

 

A  respecto deste último instrumento de despoxo patrimonial (o menos coñecido), o historiador sadense Babío Urquidi vén de relatar que moitos dos paisanos de Meirás foron obrigados a subir a camións militares que os levaron á sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno coruñes onde asinaron cadanseus contratos de compravenda por prezos moi baixos en relación coa calidade das terras transmitidas. Porén, a meirande parte non puideron cobrar nin o que se consignou como prezo, porque a chamada “Junta Pro Pazo” que coordinaba as Administracións Públicas e forzas vivas que facían a recadación, deu en creba, por mor do custo elevado das obras de mellora continuamente requiridas polo ditador e a súa dona, Carmen Polo.

 

Velaí a ilexitimade de orixe da propiedade da familia Franco. Ilexitimidade que, de xeito absolutamente inédito, vén de recoñecer o PPdeG a medio do seu voceiro parlamentario Pedro Puy. Un recoñecemento que habería abrir a porta ao estudo por parte do Parlamento e da Xunta, coa colaboración do Concello de Sada e a Deputación coruñesa, dos procedementos xurídicos precisos para poderlle devolver o Pazo á cidadanía.

 

A devolución do Pazo é á única reparación posíbel a este despoxo. Despoxo que  se mantivo até de agora só pola longa duración do franquismo e pola intensidade da súa represión.



x