O Santander vén de lles ofrecer aos consumidores e pemes que mercaron na ampliación de capital do Popular da primavera do 2016 unha compensación a medio da entrega de bonos perpetuos pola mesma cantidade investida para os que investiron 100.000 € ou menos. Estes bonos perpetuos poderían ser amortizados unilateralmente polo Santander, pagando o seu valor nominal, despois de sete anos. Sete anos nos que rendírían un canon do 1% anual, de pagamento discrecional e, xa que logo, non asegurado

 

Adicionalmente, o Santander obrigaralles a estes accionistas a renunciar non só ás accións xudiciais pola nulidade da suscrición destas accións, senón a calquera actuación contra estes bancos e os seus anteriores administradores, tamén pola perda de valor das accións adquiridas antes e despois da devandita ampliación.

 

Estes bonos perpetuos son unha trampa. No mellor dos casos, se investimos 20.000 € en xuño de 2016 recebiremos o vindeiro setembro bonos por 20.000 € que só nos renderán 50 €/trimestre de xuros durante sete anos. Dende setembro de 2024 o Santander poderá resgatar estes bonos pagando 20.000 €, mais isto depende da súa libérrima vontade, os bonos son perpetuos. Como bonos perpetuos accederán a un mercado de débeda secundaria. Mais pola limitada contía da súa emision e pola súa falla de atractivo o aforrador que precise vendelos para obter cartos líquidos vaino ter moi difícil. Haberá compradores cando poidan mercar cun forte desconto. Do 40% ou 50% ou quizais maior.

 

No mellor dos casos, se investimos 20.000 € en xuño de 2016 recebiremos o vindeiro setembro bonos por 20.000 € que só nos renderán 50 €/trimestre de xuros durante sete anos

 

A evidencia das graves insuficiencias, contradiccións e falsidades da información que o Popular facilitou aos investidores da súa ampliación en maio de 2016 determina que estes accionistas poidan recuperar todo o seu investimento, xunto cos seus xuros ao 3% dende xuño de 2016 e custas, a medio dunha demanda xudicial. Porque contrataron mediando un erro substancial xerado pola información do Banco. Un moi previsíbel resultado xudicial que non é novo. Xa o vimos canda o axuizamento da saída a Bolsa de Bankia. 

 

A oferta do Santander é gravemente prexudicial para os accionistas da ampliación de capital do 2016 do Popular, condenados á falla de liquidez dos seus bonos, cando non a vendelos a graves perdas.

 



x