Son dos que penso que o AVE radial dende Madrid, só para pasaxeiros, deseñado polo PP, PSOE e grandes construtoras madrileñas, non constituía nin constitúe a máxima prioridade ferroviaria de Galicia. Neste senso, a falla de priorización da conexión con Porto e Lisboa determinou que Galicia ficase illada da grande conexión entre o Atlántico portugúes, o “Y” basco e Francia. A conexión ferroviaria dos portos, a media distancia do Eixo Atlántico, o tren de proximidade e o corredor cantábrico apto para mercadorías haberían ser prioridades a respecto dun AVE que só conecta pasaxeiros con Madrid.

Mais cómpre traballar coa realidade que temos e o estado do desenvolvemento do AVE galego, logo de tantos anos de atrasos e mentiras, obriga a que rematalo sexa unha prioridade de País, asumida hoxendía por case toda a cidadanía. Rematar o AVE á maior brevidade é, quizais, o interese galego en infraestruturas  que conta con máis consenso social neste país. As dúbidas e vacilacións a respecto da prioridade do AVE galego son politicamente incorrectas na Galicia.

Os órganos reitores de En Marea deben coordinar o labor da súa representación en Madrid como coordinan o do seu grupo no Parlamento de Galicia

Velaí que o rexeitamento da única senadora de En Marea á moción sobre infraestrututuras que consensuaran no Senado PP, PSOE e PNV constitúa un evidente erro, propio da inmadurez politica, que amosa a necesidade de que os órganos reitores deste partido coordinen o labor da súa representación en Madrid (cinco deputados e unha senadora), como coordinan o labor do seu Grupo no Parlamento de Galicia.  Os deputados e senadora mareantes representan unha forza galega, que existe, entre outras cousas, para defender os intereses de Galicia. Ou sexa que cando estes intereses galegos non coincidan cos xerais ou cos intereses cataláns, por exemplo, os representantes de En Marea haberían explicar a súa discrepancia e voto discordante a respecto das decisións de Unidos Podemos e En Comú Podem. Con toda naturalidade.

En Marea require con urxencia dos níveis de institucionalización que lle permitan unha acción parlamentaria útil e eficiente. No caso de Madrid, ademáis, require  que a poidamos visualizar como unha ferramenta política galega, totalmente autónoma. Non como unha forza auxiliar de Pablo Iglesias.

 



x