O artigo 155 da vixente Constitución faculta ao Goberno do Estado para intervir o Poder autonómico no marco da autorización que lle outorgue o Senado. Inspirouse na “coerción federal” do artigo 37 da Lei fundamental de Bonn  (norma constiitucional alemá) e non constitúe un título competencial para anular, suspender ou suprimir os Gobernos e/ou Parlamentos autonómicos, nin moito menos para disolver éstes e convocar eleccións.

 

Outros ordenamentos federais ou de Estados compostos, como as Constitucións italiana e austriaca, si prevén a posibilidade de suspender ou anular Gobernos e Parlamerntos territoriais en casos extremos.  Mais as normas constitucionais española ou alemá non, senón que prevén con carácter aberto a posibilidade de intervir as Institucións autonómicas, a medio mesmo do resgate temporal de determinadas competencias, pero non constitúen autorización ningunha para que os Gobernos centrais ocupen as Institucións territoriais ou destitúan ninguén. De feito, o Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Manuel Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver Parlamentos ou cesar Autoridades autonómicas. Unha decisión que amosa nidiamente a intención dos constituíntes. 

 

O Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver Parlamentos ou cesar Autoridades autonómicas

 

Cómpre clarexar que estes argumentos foron xa publicados hai anos por relevantes xuristas unionistas como José María Gil-Robles y Gil Delgado ou o profesor García de Enterría. Nos últimos días foi tamén a tese do Consell de Garantías Estatutàrias da Generalitat, o mesmo que declarou ilegal a aprobación das leis catalás de referéndum e transitoriedade. Velaí as evidencias desta arbitraria inconstitucionalidade. Porque, mesmo que se declararan consonte co artigo 116 da Constitución o estado de excepción ou o estado de sitio esta declaración non podería nunca disolver o Parlament nin cesar o Govern.

 

A aprobación deste 155 vén de liquidar as poucas garantías de autogoberno para Galicia e demais nacionalidades, definidas na Constitución e nos Estatutos. O Goberno do Estado, seguindo a Carl Schmitt, vén de se situar por riba da Constitución ao lexislar sobre o estado de excepción á marxe da mesma, enviando a mensaxe de que, no futuro, considerarase legal todo o que acorde o Poder Central do Reino de España.  



x