Unha das cuestións que amosan o desequilibrio do Estado das autonomías é a absurda centralización do ingreso, que atenta contra a relativa descentralización do gasto. De resultas deste paradoxo, tres piares fulcrais do Estado do Benestar (a sanidade, os servizos sociais e a educación), fornecidos polas autonomías non teñen garantido o seu financiamento, dependendo en último de contas do diñeiro que transfira Madrid.

 

Os supostos expertos e opinadores do dependentismo explican que este sistema beneficia Galicia, porque disque recebimos solidariedade. E poñen como exemplo o déficit das pensións e prestacións da Seguridade Social, porque os nosos pensionistas cobran máis do que recada o sistema dos nosos traballadores e empresarios. Mais os nosos pensionistas son titulares do seu dereito con carácter persoal, sexa cal fór o país onde cotizaran. O argumento é, pois, falso.

 

Mais do que non falan estes supostos expertos é de que Galicia recada uns 13 mil M€/ano, mentres a Administración da Xunta só gasta 9 mil M€. Valen os servizos prestados polo Estado na Galicia 4 mil M€? Non o cre ninguén. Por outra banda, como demostrou dende Somos Nós Xosé Antón Jardón, Galicia recebe do Estado para o financiamento local só o 3,2%, perdendo deste xeito 500 M€/ano, porque o Estado non fai o que debía que era transferirnos o 5,5% que por poboación nos cumpre e financia máis os concellos de máis habitantes. Si, a solidariedade.

 

Mais do que non falan estes supostos expertos é de que Galicia recada uns 13 mil M€/ano, mentres a Administración da Xunta só gasta 9 mil M€

 

Velaí que cumpra abrir un debate sobre cartos e servizos públicos, mais sen a caste de trampas argumentais decote usadas polo unionismo. Por exemplo, fixar os servizos que ha prestar o Estado e asignarlles o seu financiamento. O que non é sostíbel e ademáis atenta contra o espirito constitucional é que o Estado, sen ter competencias de vivenda, incida nas políticas autonómicas repartindo fondos de xeito máis ou menos discrecional. Se non ten competencias non habería poder distribuir diñeiro público.

 

O debate lévanos á viabilidade da xeralización do sistema de concerto económico, que vén de propor Urkullu. Un sistema no que recadaríamos todos os tributos e lle pagaríamos ao Estado unha cota polos servizos que prestase. Sendo os territorios máis abastados os que fornecerían dous Fondos de solidariedade para a nivelación de servizos e para infraestruturas.    



x