Os dados do crecemento do PIB galego no terceiro trimestre do 2016 amosan dúas compoñentes esenciais: Galicia exporta máis mercadorías ca España (nomeadamente por mor de Citroen, Inditex e os tecidos empresariais xurdidos arredor das mesmas) e o substancial incremento dos ingresos por turismo.  Como país exportador, como país turístico (ben que cun modelo que ten que ser alternativo do masificado de sol e praia), Galicia necesita xestionar con plena independencia os seus portos e aeroportos, hoxe mal dirixidos polo Goberno do Estado baseándose nese título xurídico, propio da lei do funil, que lle chaman o “interese xeral”. Un interese que nunca coincide co interese galego, ao mellor por sermos só o 6% do PIB estatal e o 5,5% da súa poboación.

E, precisamente por sermos un país exportador, para Galicia é prioritario o tren de mercadorías. O eixo ferroviario cantábrico, que  comunique os nosos portos coa Europa transpirenaica é a aposta estratéxica deste país. Somos a escala natural entre a Canle de Panamá, os portos americanos e os da Europa do Norte e temos unhas infraestruturas portuarias modernas. Só precisamos xestión autónoma e profesional e conexión ferroviaria.

Por sermos un país exportador, para Galicia é prioritario o tren de mercadorías

Isto non quere dicir que o eixo atlántico e a conexión ferroviaria con Madrid non sexan tamén importantes. Mais o AVE deseñouse só como AVE de pasaxeiros, sen que poida axudar á exportación das nosas mercadorías ao Centro, Sur e Leste da Península Ibérica. Axuda, pola contra, á exportación de servizos de Madrid, propios da recentralización financeira, publicitaria e da consultoría. 

E temos, tamén o ten de proximidade, que é a principal prioridade. O 75% dos desprazamentos dende ou a Galicia son desprazamentos internos. A Xunta habería de lle esixir ao Goberno do Estado, a carón da transferencia da AP-9, a transferencia igual de fulcral do servizo ferroviario rexional e de media distancia.

Non trabuquemos, pois, as prioridades. Porque somos centrais ollándonos dende o mundo e periféricos se nos ollamos só dende Madrid. A radialidade das comunicacións ibéricas só beneficia á recentralización económica a prol dun MegaMadrid que xa engoliu a Meseta toda e vai camiño de nos engolir ao resto.