Saltar ao contido
11:33 h. Cuarta feira, 22 de Outubro do 2014

Opinión

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

Avogado e analista político.
Vota:

O sexto sentido

Na longametraxe “O sexto sentido” o neno protagonista comunícase con persoas xa falecidas que “non saben que están mortas” e “non son quen a se ver entre si, porque só ven o que queren ver”. Conto que ben se lle podería aplicar aos relatos de Rajpy e Rubalcaba no último debate de política xeral no Congreso.. Porque ambos os dous políticos executaron unha representación teatral que semellaba dirixida a unha sociedade inexistente. Unha representación que, á forza de falar como si non ocorrese, pasaba por alto a crise de credibilidade institucional (nomeadamente do modelo de ocupación bipartidista do Poder), a corrupción sistémica asfixiante e a mesma deslexitimación do Xefe de Estado.

"As opcións da oposición parlamentaria , polo de agora, confunden o ruído coa eficacia e a retórica revolucionaria cun discurso coherente de transformación"

Como os mortos d’ ”O sexto sentido“, Rajoy pensou que calando sobre a corrupción, Barcenas e a moi fonda crise política e institucional e actualizando algunhas promesas electorais incumpridas recuperaría o seu crédito cidadán e superaría o k.o. técnico xerado a partires das revelacións de “El País” e “El Mundo”. Pensou que a cidadanía segue a confiar nel e que só él pode salvar a crise. E non ponderou a extrema gravidade da fenda aberta nin a necesidade de ofertar e dirixir un programa rexeneracionista extraordinario para un deterioro institucional extraordinario. Porque pensa, canda Rubalcaba, que seguimos no 2009 e que o sistema é quén de porlle canle ao malestar cidadán e á desesperanza de crecentes sectores sociais que sofren o drama da exclusión social que trouxeron as políticas de ZP e Rajoy dende a primavera do 2010.

Hai, pois, unha realidade que morreu e outra que está a substituila e nin PP nin PSOE son quén a ver esta remuda, que ameaza con levar por diante a súa hexemonía bipartidista a xeito de “tsunami”. Mais, no caso concreto da Galicia, non se albisca- aínda- unha alternativa de goberno, un relato galego do País e da sociedade, que poida ofrecer rexeneración democrática, integración social e políticas de crecemento. Porque as opcións da oposición parlamentaria , polo de agora, confunden o ruído coa eficacia e a retórica revolucionaria cun discurso coherente de transformación.

 

Outros artigos
Outras voces