Son  persoa de orde e, xa que logo, non gosto de queimar bandeiras, rachar fotos ou asubiar himnos como medios de expresión política. Existen mellores vías para comunicar o desacordo coa deriva recentralizante e autoritaria do Estado.

 

Mais si contextualizo esta expresión nunha enxurrada represiva que acada non só ao soberanismo catalán senón ás máis variadas manifestacións da liberdade de expresión. No 2015 o bipartidismo dinástico PP-PSOE agravou a xa rigorosísima lexislación de Aznar a respecto dos delictos de opinión vencellados ao terrorismo. No 2015 e 2016 as condenas por esta caste de delictos sobardaron, absurdamente, en máis do 600% as do 2011, cando actuaba aínda a ETA. Mais a Unión Europea promulgou a Directiva 2017/541 que vén de deslexitimar a xurisprudencia a respecto da lexislación penal española neste eido. Os tempos do “todo é ETA” xa pasaron para os lexisladores europeos.

 

Tamén os delictos de odio están sendo interpretados retortamente por ese Tribunal de excepción que é a AN e, ás veces, por ese Tribunal Supremo que escolle indirectamente a maioría parlamentaria e o Goberno estatais. Estes delictos naceron para protexer minorías e colectivos minorizados, non para xuíces, avogados, políticos ou policías. Velaí a grave restrición das liberdades que sofrimos dende que o PP accedeu no 2011 ao Goberno do Estado, coa total complicidade do PSOE e Cs.

 

Os tempos do “todo é ETA” xa pasaron para os lexisladores europeos

 

Canto ao Xefe do Estado, a súa intervención parcial na crise catalá, o pasado 3-O e a súa falla de pronunciamento a respecto dos graves problemas das sociedades que convivimos no Estado teñen definido unha Coroa que exclúe millóns de cidadáns españois, tamén a moitos que profesamos a nosa confianza nos valores da orde e da lei. No aceno de Luís Bará, sen dúbida, abrolla esa desafección de tantas persoas que confiaron no réxime de liberdades que disque tiñamos cando descobres de súpeto que esa Coroa neutral non existe. Lembren vostedes que a raíña Elisabeth II non quixo falar contra a independencia escocesa para non ser percebida como raíña de parte.

 

Velaí que non goste de todo do aceno do deputado Bará, mais que o entenda no contexto da regresion de liberdades e da parcialidade sobrevida da Xefatura do Estado.

 



x