O éxito acadado pola campaña de crowdfunding do ente investigador Oncomet para o desenvolvemento da biopsia líquida amosou como a sociedade civil galega, cando loita por obxectivos concretos e de ampla base , é quen de suplir a vergoñenta incapacidade dos políticos da Xunta.

Porque non é certo que a nosa historia sexa unha historia de individualismos. Na nosa tradicional economía, o comunitario abrolla con forza nas rogas (facermos en común as seituras, etc.) e na propiedade mancomunada dos montes, así como na explotación cooperativa da pesca antes da chegada dos cataláns. Os nosos emigrantes fundaron un enxame de sociedades que promoveron a nosa identidade nacional, cultura e a educación das crianzas, suplindo tamén aquí as carencias do Estado centralista. A redención dos foros e o progreso da agricultura viñeron dadas pola extraordinaria potencia do movemento agrarista, fortemente reprimido polo Estado centralista en moitas ocasións.

Non é certo que a nosa historia sexa unha historia de individualismos

A salvaxe represión franquista e o fomento xeralizado da emigración (favorecida, entre outras medidas, pola forestación de terras de pasto e cultivo) esfarelou en grande medida o espírito comunitario galego, mais aínda éste abrolla con forza nas loitas de Castrelo de Miño, As Encrobas, Baldaio ou Xove. Pero a verdadeira madureza da concienciación cívica faise presente na crise do Prestige. Non só nas 200.000 persoas do Obradoiro o 1 de decembro de 2002, senón en toda a continua enxurrada de mobilizacións en Galicia, Madrid, Barcelona, Euskadi e Bruxelas. Nunca Máis concienciou ambiental e politicamente milleiros de galegos e galegas de varias xeracións, as máis das veces en clave de País.

Nos nosos días, as mobilizacións polas preferentes  amosaron que cando a sociedade civil actúa unida por obxectivos concretos xérase conciencia e modifícase a axenda política e social. Os avances na presenza mediática e éxito xudicial teñen moito a ver co esforzo das plataformas de afectados.

A verdadeira madureza da concienciación cívica faise presente na crise do Prestige

Porén, a sociedade civil galega precisa de continuidade asociativa. Precisa que as plataformas dean en axentes sociais permanentes e apartidistas, mais con obxectivos políticos e sociais nidios e concretos. E, se ACOUGA puido nacer da loita das preferentes, outras organizacións permanentes haberían xurdir desta xenerosidade da cidadanía galega.