A resposta que as autoridades e cidadanía catalás deron aos últimos atentados artellouse en clave propia, sen lle pedir permiso a ninguén. A información centralizouna o corpo policial catalán e foi a Generalitat, secundada polo concello barcelonés, a que monopolizou a achega de información. O Goberno central reaccionou serodiamente, eludindo toda imaxe de coordinación e unidade até o venres, cando a actuación policial de Cambrils obrigou Rajoy a asumir visíbelmente a primacía da Generalitat na coordinación das respostas policiais á crise.

 

Os Mossos levaron adiante un despregamento rápido e eficaz dos seus medios, previndo a posibilidade de novos incidentes e atendendo non só á represión, senón sobre todo á prevención de novos incidentes e á protección cidadá. Asemade, reaccionaron proporcionalmente á agresión terrorista de Cambrils, onde a gravísima agresión múltiple de elementos armados xustificaba o uso letal das armas de fogo.

 

Os Mossos levaron adiante un despregamento rápido e eficaz dos seus medios, previndo a posibilidade de novos incidentes e atendendo non só á represión, senón sobre todo á prevención

 

Varios medios estatais cuestionaron o rexeitamento da Generalitat a bloquear con bolardos a Avenida das Ramblas, na liña do recomendado hai oito meses polo Ministerio do Interior para toda caste de rúas e avenidas. No caso das Ramblas, ese bloqueo é impracticábel. Poderíase facer na Praza de Catalunya, no seu comezo ou no seu remate a carón do mar, máis nunca impedir o acceso ás Ramblas de todas as rúas laterais ao longo dos seus 1,2 kms. de percorrido, alén das necesidades de limpeza, seguranza e subministracións da vía e dos seus negocios. Xa que logo, estas críticas tentan politizar o debate para desprestixiar as autoridades independentistas catalás e a actuación da súa Policía.

 

Os Mossos amosáronse diante da Europa e o mundo todo como unha policía profesional e eficaz. Mais o certo é que até de agora o Goberno do Estado fixo todo o posíbel por subordinar e secundarizar este Corpo policial, negándolle todo acceso á información de Europol, rexeitando durante oito anos a convocatoria da Xunta de Seguridade e impedindo a convocatoria de 500 prazas máis de Mossos que a Generalitat xulgaba precisas para atender á ameaza terrorista no actual nível 4. 

 

Na Europa todos precisamos de todos na resposta á agresión yihadista. Mais Catalunya vén de demostrar que sabe e pode dirixir localmente esta resposta. 



x