Quen non me coñeza, ou mesmo quen non saiba moito de min, poda sorprenderlle a miña admiración pola figura política de Salvador Allende. A miña afinidade con el vai alén do espazo partillado do socialismo e da democracia. Del admirei tamén o seu sentido do humor e a súa teimosía.

 

Cando perdeu por terceira vez consecutiva as eleccións presidencias chilenas, disque pediu que na súa lápida esculpiran como epitafio un retranqueiro “aquí repousan os restos do futuro presidente de Chile”. Curiosamente gañou, a duras penas, a xefatura do Estado ao cuarto intento, sen esquecer que na súa primeira tentativa non apañou sequera o 6% dos votos.

 

Para Allende alcanzar a súa cuarta nominación consecutiva foi moi difícil. O feito de perder tres veces seguidas, a súa avanzada idade e a falta de apoio entre o aparello do seu propio partido eran dificultades moi severas para superar. Máis esa afouteza vital e ideolóxica fixo que ao final chegara a encabezar o máis exemplar goberno de esquerdas da América Latina.

 

Cando perdeu por terceira vez consecutiva as eleccións presidencias chilenas, disque pediu que na súa lápida esculpiran como epitafio un retranqueiro “aquí repousan os restos do futuro presidente de Chile”

 

Quizás hoxe non o conseguiría. Non porque a presión dos medios de comunicación sexa maior hoxe que entón ou porque xa non estean presentes os intereses dos Estados Unidos sobre aquel continente. Hoxe a esixencia  do éxito inmediato impedirían que puidera perseverar en máis de dúas oportunidades. Vivimos tempos nos que a urxencia do triunfo dálle prioridade ao urxente fronte ao importante, nos que a ansiedade ante o fracaso obriga antes a buscar un contedor de ideas que a elaboración dun proxecto solvente. Algo que ten marcado moi vivamente os últimos anos da vida política galega.

 

Compromiso por Galicia vén de cumprir cinco anos de vida. Pouquiños anos, inzados de dificultades, pero cheos da serena certeza de quen está seguro do seu paso lento e firme

 

Compromiso por Galicia vén de cumprir cinco anos de vida. Pouquiños anos, inzados de dificultades, pero cheos da serena certeza de quen está seguro do seu paso lento e firme. Si, ben sei que algún descastado xa nos dá por rematados, e máis despois de negarnos a sucumbir ante os cantos mariñeiros das sereas. Acontece que a cultura política que se está a construír en Compromiso alenta o debate democrático, sosegado e respectuoso, algo que escasea na vida política galega.

 

Compromiso por Galicia é un proxecto aínda en construción, de camiñar silente e heroicidades cotiás. Un traballo permanente que xa é visible non só no traballo como oposición responsable en moitos concellos do noso país, senón como unha realidade nos gobernos municipais de Muros e Lalín. Precisamente é o noso xeito de traballar a nosa mellor carta de presentación, o argumento definitivo para que Compromiso vaia medrando de xeito paseniño. Velaí que maio do 2019 vaia ser un fito na historia de Compromiso por Galicia. E máis dun se verá sorprendido polo resultado dese labor calado e continuado.

 

Ao fin e ao cabo somos un alumnado aplicado de Salvador Allende, aquel que deixou dito que “coas dificultades propias dos que camiñan nun Ford do ano 1920 e por un camiño malo, imos a tombos, pero avanzando, avanzando”.

 



x