Cada palabra ten un contido que recolle moito máis que a etiqueta que a sinala. Velaí que me atreva a facer a seguinte afirmación:  a derrota da socialdemocracia é o abandono da propia socialdemocracia.

 

Tratarei de explicarme ao longo das vindeiras liñas na esperanza de ser quen de explicarme.

 

Ao longo da historia da socialdemocracia poden distinguirse tres etapas ben definidas: a do seu xurdimento, a da postguerra mundial e a da chamada Terceira Vía. Non é o obxecto destas palabras debullar as características de cada unha destas etapas, pero si indicar de vez que a Historia vén a demostrar que as dúas primeiras etapas foron de claro avance para a sociedade, namentres que a última foi un efémero éxito antecedente dun enorme fracaso.

 

Berstein e Kaustky sinalaron que a profecía marxista dun capitalismo que estaba a cavar a súa propia tumba non era dese mundo

 

Berstein e Kaustky sinalaron que a profecía marxista dun capitalismo que estaba a cavar a súa propia tumba non era dese mundo. E xa que logo, que as condicións obxectivas para o desenvolvemento dun proceso revolucionario non era cousa tan factible como o propio Don Karl estimaba. Ao tempo, estes primeiros revisionistas do marxismo vían que as democracias liberal burguesas deixaban un espazo para gañar no avance social, na mellora da calidade de vida dos menos favorecidos e transformar o marco de relacións laborais. De feito, a loita polo sufraxio universal e os dereitos dos traballadores foron o camiño para poder asumir actuacións desde as primeiras vitorias electorais e a acción de goberno.

 

Estes primeiros revisionistas do marxismo vían que as democracias liberal burguesas deixaban un espazo para gañar no avance social

 

Non procede explicar aquí as consecuencias da crise do 29 e da II Guerra Mundial, máis alá do xurdimento do Estado do Benestar e a determinación deste obxectivo dunha nova socialdemocracia do seu tempo (uns 40 anos de maior crecemento económico no mundo occidental). Ao mesmo tempo, a propia socialdemocracia, na súa segunda formulación, contribuíu a diluír o concepto de clase social, a propiciar unha extensa clase media, que non se sentía chamada polo clásico discurso obreiro, senón que se localizaba en espazos máis moderados e menos contundentes. No pecado foille a penitencia. O neoliberalismo comezou a facerse atractivo a esa nova clase media e un segmento moi importante da socialdemocracia comeza a pensar que debía amornar o discurso e o xeito de facer política.

 

Se no Programa de Bad Godesberg se asumía o principio de “tanto mercado como sexa posible, tanto Estado como sexa necesario”, a Terceira Vía alteraba a orde de factores para asumir “tanto mercado como fose necesario, tanto Estado como fose posible”. E, claro, neste caso si que se alteraba o produto. As sucesivas e profundas crises económicas fixeron asumir que a xeración de riqueza era imprescindible para o sostemento do Estado do Benestar. E que para iso era obrigado facilitarlle o labor ao grande capital na xeración de emprego. Comezou a asumirse que a rebaixa fiscal e a reforma laboral á baixa estimularía a creación de emprego e que, con máis xente traballando, xa se recuperarían recursos económicos para o Estado a través de cargar a responsabilidade fiscal sobre o lombo das rendas do traballo.

 

Blair e Guiddens e os seus secuaces empurraron a socialdemocracia e ser a ala máis benévola do liberalismo

 

Blair e Guiddens e os seus secuaces empurraron a socialdemocracia e ser a ala máis benévola do liberalismo, a limitar o seu espazo propio de actuación ao da defensa dos dereitos civís, e a reclamar que o Estado de benestar era só educación, sanidade e pensións. Xa que logo, desnaturalizou a propia socialdemocracia. Deixou de ser o que tiña que ser, até o punto de que se poda dubidar que aquilo fose socialdemocracia.

 

Non son eu quen de indicar cal é a saída ao camiño trazado pola socialdemocracia. Pero atrévome a indicar que basta con mirar o que as mellores etapas históricas que este movemento ten alumeado. Atrévome a suxerir que cómpre volver atrás. Cómpre reiniciarse. Volver a asumir como argumento central a redistribución da riqueza e o da construción dun Estado forte que axude a quen máis o necesita e que lle esixe a quen máis ten. A pular polos servizos sociais como un piar máis do Estado do benestar. En definitiva, volver a ser. Con adaptación aos tempos que vivimos. Tal e como veñen de demostrar ese dúo de vellos rockeiros chamados Corbyn e Sanders

 



x