A derradeira actividade realizada en Galiza polas Misións Pedagóxicas foi a mediados do 36, uns días antes do estouro da guerra incivil, no concello de Ramirás.

A derradeira actividade realizada en Galiza polas Misións Pedagóxicas foi a mediados do 36, uns días antes do estouro da guerra incivil, no concello de Ramirás.

"Quen fora alumno daquel ilusionante proxecto educativo —e tamén da letra con sangue entra franquista que a sucedeu— manifestou que se trataba dunha moi importante biblioteca, custodiada na escola polo mestre" 

Logo da pescuda de testemuños orais ao respecto, recollidos entre a veciñanza de Escudeiros —parroquia pertencente ao dito concello da bisbarra de Terra de Celanova—, este verán por fin atopáronse alí diversos libros da biblioteca daquela proposta republicana. Nalgún deles pode verse con claridade o selo do Padroado das Misións Pedagóxicas. Organismo que, como é sabido, fora creado ao abeiro do goberno da Segunda República, en maio de 1931.

Os títulos rescatados, nunha vella arca dun palleiro, conservados coma o mellor tesouro,  gardados coma o mellor segredo, son varios de historia e xeografía —entre eles Historia de la economía. II. Desde el siglo XVII hasta la actualidad, Lecturas geográficas. I. Asia y África e El amanecer de Rusia—, e senllas narracións, unha delas unha especie de novela social titulada Los que vivimos e mais Los miserables, de Víctor Hugo.

Quen fora alumno daquel ilusionante proxecto educativo —e tamén da letra con sangue entra franquista que a sucedeu— manifestou que se trataba dunha moi importante biblioteca, custodiada na escola polo mestre —que realizaba o servizo de empréstimo—, e á que tamén tiña acceso a xente que xa non estudaba alí.

Conservouse ata que algunha mestra que chegou con posterioridade deixou de exercer o control sobre ela, feito que provocou a desaparición masiva dos libros —entre os que estaba, dende a súa afectuosa recordación, o de As mil e unha noites—.

Pola contra, os que si desapareceran decontado da circulación, ao seren queimados tan pronto se produciu o golpe militar, foran os exemplares do volume titulado Camarada, que editara o goberno daquel entón.

Ata mediados do 36 todas as existencias que, amais dos libros, había na escola eran de acceso gratuíto: pizarras, silabarios, pizarríns… A partir desta data xa terían que mercar todos os materiais, caso dos cadernos ou das enciclopedias de adoutrinamento.

"Outros significativos elementos de contraste entre os dous modelos educativos —republicano e fascista—, lembrados polo alumnado protagonista daquel tempo de involución, eran a quita do cristo da escola e a súa posterior reposición ou a educación nunha escola mixta, que, ao pouco, foi separada por sexos".

Outros significativos elementos de contraste entre os dous modelos educativos —republicano e fascista—, lembrados polo alumnado protagonista daquel tempo de involución, eran a quita do cristo da escola e a súa posterior reposición ou a educación nunha escola mixta, que, ao pouco, foi separada por sexos.

O mestre da escola chamábase Elixio —orixinario dun lugar do veciño concello de Gomesende—. Igual ca outros docentes da República, como ben preto de alí exercía Luís Soto no Reguengo —tamén en Ramirás—, puñan en práctica unha pedagoxía unicamente fundamentada nos intereses da infancia e no seu progreso material.

Tal é así que, xa andada a segunda metade do pasado século, na taberna da aldea, era ben frecuente ouvir, entre os que estaban a botar a partida, un significativo dito, “mira que eu fun á escola do D. Elixio”, querendo dicir, quen así se manifestaban —e por contraste dos que sufriran a instrución posterior—, que si sabían contar.

Aínda hai uns días, o máximo mandatario estatal —dun goberno non precisamente republicano— declarou, na inauguración do curso escolar, que había que adecuar a oferta formativa á demanda da economía.

Traducida esta sentenza ás leis imperantes —si, do imperio— dos negocios do gran capital, isto significa (de)formar as persoas en valores como a obediencia, a submisión ou a resignación perante a explotación laboral.

O que cómpre, entón, é termos unha escola libre, ceiba de complexos, prexuízos e escuros intereses —nacionalcatólicos ou empresariais—, entre outras lacras. Á vasalaxe gregaria dos súbditos contraponse a formación íntegra dos cidadáns.



x