A última entrega narrativa de Antón Riveiro Coello constrúese sobre un exercicio memorialístico de homenaxe. Esta vontade xa se fai explícita dende as primeiras liñas d’ A ferida do vento.

Na obra establécese asemade unha sorte de diálogo literario entre a voz narradora —que non agacha a identificación autorial— e o escritor Carlos Casares. E isto lévase a cabo nunha dobre vertente.

Dunha banda, no plano real do presente. Nel alúdese a unha conversa de sobremesa entre ambos os escritores, a principios deste milenio, sobre personaxes senlleiros ou fóra do común que se adoitaban alcumar de tolos.

Doutra banda, no plano da ficción literaria tamén se reitera o diálogo. Isto acontece, en terras limiás, territorio orixinal dos dous creadores, a mediados dos pasados anos setenta. Entre un adolescente narrador e o escritor en quen se celebran as Letras Galegas deste ano.

E como elo condutor destes dous planos, real e ficcional, unha caste de obxecto máxico, ou de talismán sagrado, que, dende o interior das páxinas, proxecta a súa luz inextinguíbel. O libro Vento ferido, dedicado polo seu autor a un rapaz “que sabe contar historias”.

Como elo condutor destes dous planos, real e ficcional, unha caste de obxecto máxico, ou de talismán sagrado

Unha opera prima da que se conmemora este ano medio século da súa publicación, que lle valeu de estímulo a Riveiro Coello a rematar A ferida do vento, encarga do propio Casares, segundo se declara no “Limiar” deste libro.

“Escribir debe de ser algo así como perseguir sombras alleas ou reconstruír ruínas”, confésase na narración. E así é este exercicio literario, catálogo de seres memorábeis, compendio de idiomas intraducíbeis, que acompaña a existencia e se converte nunha rendíbel metáfora de reivindicación das orixes e en contra da alienación.

Xinzo de Limia é o epicentro dun espazo creativo no que conflúen e de onde despegan as traxectorias vitais e literarias destes dous poderosos creadores da narrativa galega.

“Escribir debe de ser algo así como perseguir sombras alleas ou reconstruír ruínas”, confésase na narración

A benquerenza pola literatura, polo contar de historias, está presente ao longo das páxinas da novela. Tanto no que é a invocación aos clásicos máis universais -eis a funcionalidade d' A Odisea- coma a atracción por tantos personaxes locais estrafalarios que foxen das marxes do común da existencia e que asemade formulan o seu relato a través da fantasía da oralidade.

Na reivindicación do poder fabulador da palabra, esta obra contribúe tamén a achegar a técnica da escrita entre Casares e Riveiro Coello. E isto débese a que o libro está construído a partir dun sinxelo fío argumental, que o primeiro elevou a categoría artística para se referir ás cousas miúdas. E isto reforza o sentido da homenaxe que se aludía ao comenzo.



x