O Pico Sacro é o motivo de inspiración que aglutina un amplo abano de textos, éditos e inéditos, escritos dende o Rexurdimento ata a mesma actualidade. Trátase dunha coidada edición, responsabilidade de Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, que leva por título Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda, publicada por Alvarellos Editora.

 

O sintagma que complementa o nome de tan importante paisaxe simbólica de Galiza, e que se incorpora ao título desta colectánea, é da autoría do poeta chairego Manuel María.

 

Os textos que xa foran publicados están colocados por orde cronolóxica. O máis antigo que se rexistra é un poema de Marcial Valladares, incluído no Álbum de la Caridad en 1862.

 

Dende esta data, ata a do centenario das Irmandades da Fala, abránguese un vasto repertorio que amosa o interese de moitos dos nosos creadores, en verso ou en prosa, en textos poéticos, narrativos, de ensaio ou xornalísticos, por unha fascinante paisaxe, real e alegórica a un mesmo tempo.

 

Porque, segundo se fai explícito no limiar: “O devir histórico do Pico está moi relacionado coa forma de estar e visualizar o mundo, foi e continúa a ser ese alicerce sobre o que galegas e galegos nos identificamos e construímos o noso territorio en clave histórico-lendaria”.

 

Polo que asemade respecta ao abondoso catálogo de textos inéditos que o volume tamén contén, estes correspóndense ás contribucións creativas en resposta á convocatoria levada a cabo polos editores dende a A. C. Mestre Manuel Gacio de Lestedo-Boqueixón.

 

Enxergado o conxunto na súa totalidade, pódese afirmar que integra un xeneroso repertorio de colaboracións e de colaboradores/-as, de estéticas e perspectivas, da literatura galega contemporánea, dende o seu mesmo punto de inicio ata o presente, unidos por unha arela común: a reivindicación da marabilla da nosa terra.

 

No que é o apartado gráfico, contribúe a enriquecer o volume unha fotografía —da autoría de Pedro Brei Guerra— da excursión feita a este cume en 1924 por Castelao, Otero Abelleira e García Barros. Analogamente, a obra reproduce un valioso gravado de Camilo Díaz Baliño, feito en 1923 e inspirado neste monte.

 

Parabéns, polo tanto, aos artífices desta publicación, que alarga a xeografía do universo creativo das nosas letras. Debedoras da paisaxe e paisanaxe de cada un dos recunchos desta nación, necesitados como están de se poren no mapa da actualidade con brillantes puntos de luz.