Lorenzo Varela é unha figura principal na cultura galega do século XX. A pesar disto a repercusión do seu legado, tanto intelectual coma literario, dista moito de acadar o relevo do que é merecente de seu. Expoñente paradigmático da diáspora galega en América, veu ao mundo en chegando os seus proxenitores á Habana hai agora un século.

Nunha esquematísima síntese da súa intensa actividade cómpre citar a súa participación na fundación da Federación de Mocidades Galeguistas, o vencello co grupo PAN (Poetas Andantes y Navegantes), a implicación no proxecto das Misións Pedagóxicas, o compromiso político coas Milicias Populares e as Brigadas Internacionais ou o folgo prestado á Alianza de Intelectuales Antifascistas.

Mantivo unha frutífera e constante relación con numerosos intelectuais do seu tempo. Dende 1941 desenvolverá un intenso labor en Bos Aires, canda outros senlleiros protagonistas do noso exilio, como Luís Seoane ou Arturo Cuadrado. Con quen, por certo, compartiu a dirección do Correo Literario, unha empresa editorial xestionada na década dos corenta na capital porteña. A súa contribución en numerosos proxectos editoriais sería asemade constante ao longo dos seus días. Vallan como mostra as citas de El mono azulGalicia Emigrante ou De mar a mar.

A súa contribución en numerosos proxectos editoriais sería asemade constante ao longo dos seus días

Polo que respecta á vertente creativa é autor dos seguintes poemarios: Torres de amor (1943), Catro poemas pra catro grabados (1944), Lonxe (1954), Homenaje a Picasso (1963). Todos estes títulos foron recollidos nun imprescindíbel volume póstumo, publicado en 1979 en Ediciós do Castro por Isaac Díaz Pardo, co título de Poesía, que inclúe ilustracións orixinais de Luís Seoane e un limiar de Rafael Dieste.

A esta obra pertencen os versos que seguen, comprendidos no poema “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados”, que constitúe unha enxergada dolorosa poética do ocaso dunha terra á que lle segaron, con sangue, os seus mellores froitos: “¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,/de todos nós co mundo!/Faciamos un feixe de campos e de estrelas,/e ó pisar ise chao que latexaba/sentíamos subir pola sangue o misterio./O noso corpo era o camiño da maxia,/a escada pola que viña a lúa”.

O Concello de Monterroso, de onde é orixinario, para honrar a memoria dun intelectual sempe comprometido, ten convocado un certame literario-pedagóxico sobre a súa poesía dirixido a docentes. Resulta alentador que, alén de datas sinaladas, se actualice a vixencia dun valioso testemuño intelectual que, dende 2005, intre en que a celebración das Letras Galegas reivindicou o seu nome, practicamente, ficou no esquezo.