Inicíabase 1928 cun forte pulo na cultura galega. Era debido á creación dun novo e decisivo obradoiro para o libro galego. É mágoa, dende unha ollada actual, que a conmemoración desta efeméride senlleira pasase desapercibida por completo no eido das nosas letras.

 

Polo descoñecemento xeral da data precisa e pola especial significación do acontecemento, paga a pena reproducir o texto, incluído no número 240 —do 1 de setembro de 1927— d’ A Nosa Terra, titulado “A Editorial Nós”. Eis o seu contido íntegro:

 

“Unha grata nova temos de lles comunicar aos nosos lectores, a quenes, como a nós, producirá sin dúbida unha gran ledicia o seu conocimento: Referímonos a haberse estabrecido unha imprenta que baixo o rubro que encabeza estas liñas adicaráse ao patriótico labor de impulsar a impresión de obras literarias e toda crás de traballos que teñan por finalidade a exaltación da nosa cultura.

 

A este labor, que pol-a grande altura ideolóxica que o move merece ser ollado cos máis grandes entusiasmos por todol-os bós patriotas, adicará por enteiro os seus manifestados entusiasmos o que é Director – Xerente do novo estabrecimento, noso irmán Anxel Casal, a quen —non creemos que sexa necesario decilo— desexamos os millores éisitos na sua nova empresa pra ben das letras e da Terra galegas”.

 

O resultado sería, andado o tempo, o dunha obra sen par, quer do punto de vista cualitativo, quer do punto de vista cuantitativo. O primeiro título en saír do prelo fora a Historia Sintética de Galicia, de Ramón Villar Ponte, do que se realizaría unha tiraxe inicial de 500 exemplares, vendíbeis cada un ao prezo de cinco pesetas.

 

A primeira obra de “NÓS. Pubricacións Galegas e Imprenta”, a xeito de emblema do nacemento da colección, levaba na cuberta un gravado de Castelao. Aquel que representaba un canastro e ao pé del dous cativos: unha nena que le e un neno que escoita. Esta lámina ía, orixinariamente, acompañada dun pé que dicía “fartura pr’o corpo e fartura pr’o esprito”.

 

Como deixou escrito Francisco Fernández del Riego  —nun dos primeiros títulos doutra impagábel colección, “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”, de Ediciós do Castro— no volume Ánxel Casal e o libro galego: “Cría ese home no porvir máis que no presente que vivía”. De aí o sentido da sentenza lapidaria que, a tan egrexio editor, asemade lle dedicou Castelao: “Fixo por Galicia máis que todos nós”.

 

Mostra do dito, como se apuntou ao comezo, é a intensa actividade editorial que rexistran as principais cabeceiras da época, exercitada en variados rexistros e en diversos xéneros. Exemplo dun consciente labor de ampliación de horizontes e dunha firme arela normalizadora para a cultura en galego.

 

Repárese, logo, no repertorio de posíbeis pedidos que, ao pouco de aparecer, se ofrecían xa dende o obradoiro —e lugar de residencia— emprazado no primeiro andar do número 36 da coruñesa rúa Real, segundo se podía ler, ese mesmo nadal de 1927, no número 48 da revistaNós.

 

Eles son os que deseguido se detallan: Historia Sintética de Galicia (de Ramón Villar Ponte), Dibuxos en Linoleum (de Xaime Prada), Estebo(novela, de Xosé Lesta Meis), A Rosa de Cen Follas (poemario, de Ramón Cabanillas), Margarida a da sorrisa d’aurora (pioneiro conto infantil, de Evaristo Correa Calderón), A tola de Sobrán (comedia, de F. Porto Rey).

 

Asemade anunciábase a inmediata aparición dos seguintes volumes: Pelerinaxes (libro de viaxes, de Ramón Otero Pedrayo), Obras teatraes(de Antón Villar Ponte, Xavier Prado “Lameiro”, Gonzalo López Abente e Ramón Suárez Picallo, entre outros), A escadeira de Xacob (novela, de Eduardo Blanco Amor), O Mariscal (segunda edición da obra dramática de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte).

 

Ao cal lle habería que engadir aínda a imprimación do Diccionario enciclopédico gallego-castellano, de Eladio Rodríguez González, en cadernos mensuais, dada a súa extensión e viabilidade económica (A Nosa Terra, núm. 241, 1º de outono de 1927).

 

Este trepidante comezo non sería máis ca o anticipo dun esforzado labor —coa axuda constante da súa dona, María Miramontes— que remataría, a sangue, no 36, cun pulso firme ao que lle acae, de xeito marabilloso, o epitafio pondaliano “déixoche unha lingua de ouro”.

 

Velaquí, entón, na Galiza de arestora, o exemplo de “os homes, os feitos, as verbas” como xurdio modelo a seguirmos.



x