O escritor Marcos Calveiro constrúe con este libro un universo literario auténtico, enxergado dende o que é máis propio. Isto é así tanto polo escenario elixido no que se desenvolve a trama narrativa, polos elementos autoficcionais tratados, coma polo exercicio metaliterario que entretece a historia.

 

A Vilagarcía de Arousa orixinaria do autor é o territorio que, nas primeiras décadas do século XX, habitan os personaxes que poboan a narración. Unha sociedade cosmopolita, de oficiais e cabaleiros, mais tamén de damas e madamas, na que a brutalidade do fascismo porá a proba o firmamento da condición humana.

 

A faciana dos máis débiles —encarnada na figura dunha desvalida moza aldeá— será quen sufra con máis dureza as súas consecuencias e, como non podía ser doutro xeito tamén, onde se enxendre a forza da liberación. “Na súa loita está a súa vitoria, non se renderon”, apunta unha voz nun intre do relato.

 

A metaliteratura faise presente ao longo das páxinas e, dende o plano presente, contribúe a velar e a desvelar a trama da narración. Xa que logo, no proceso de construción da novela a voz narrativa fai sentir as súas dúbidas e as súas pescudas, nun proceso de desenmarañamento de intrahistoria familiar.

 

Para tal efecto o creador-narrador, nun work in process que ten moito de revisión e revisitación dun pasado escuro e incómodo, valerase do labor de plataformas —como a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica— que, aínda hoxe, loitan, contra vento e mar, por sacar á luz, á marxe do cómodo abeiro que lle presta a impunidade aos nomes do terror, tanta vítima esquecida e vindicar a súa honra.

 

A voz narrativa fai sentir as súas dúbidas e as súas pescudas, nun proceso de desenmarañamento de intrahistoria familiar

 

“Combater a ignorancia, instruírse é o primeiro paso para que os traballadores acaden a súa dignidade” é a sentenza lapidaria, de valor universal e atemporal, que enuncia un personaxe.

 

Neste propósito acada gran rendemento na obra o inmenso labor cultural protagonizado na República. De aí a presenza, en Vilagarcía, de Lorca e do teatro de La Barraca naquel tempo de “soño igualitario”. E o culto oculto por parte do protagonista da historia, da familia dos humildes —mais que foi quen de aprender a ler—, cara ao marabilloso universo dos libros. En cuxa casa había, coma un relicario, dous exemplares: un do autor d’ O divino sainete e o outro do creador dos Seis poemas galegos.

 

Resulta magoante revivir, logo de rematada a lectura desta meritoria proposta narrativa, a indefensión das clases populares. E decatarse, como saibo final, da actualidade, como única alternativa, dos versos rosalianos d’ “A xustiza pola man”: “as leises, na man que os ferira”.


 



x