Coñecín a Bautista de preto a raíz dun mitin que me tocou organizar en Cerdedo e no que só estabamos nos os dous e un único asistente. Pensei en que se suspendería o acto pero el non contemplou esa posibilidade senón que interviu con normalidade. Ao final o público, que era só un señor maior, dirixiuse a el pedindo desculpas porque apreciara o seu esforzo pero tiña un problema de xordeira que lle impedira escoitalo. A impresión que tiven é que as súas conviccións eran tan firmes que non as ía mudar só porque estiveran máis ou menos de moda e tiveran maior ou menor recepción. En definitiva, que cría no que dicía, dicía o que pensaba e pensaba que a liberdade de Galiza merecía dedicarlle todo o seu tempo, toda a súa vida, todas as súas enerxías. E así o fixo.

 

A última vez que estiven con el, ao ilo buscar e levar ao acto de entrega do premio da Federación Galiza Cultura a Francisco Rodríguez, volvemos sobre as continuas discusións que mantiñamos sobre actuacións do nacionalismo, que el quixo ter as mans libres para criticar nos seus últimos anos, sen que se vira sometido a ningunha posición oficial nin que se considerase a súa como oficial por vir de quen viña. É certo que berraba con todos nós porque consideraba que non facíamos dabondo pola normalización da nosa lingua, pola defensa dos nosos dereitos nacionais, polos intereses económicos do país, etc... e até último momento non deixou de alterarse por cada noticia que saía no xornal na que consideraba que o nacionalismo non acertaba nas súas actuacións e que non priorizaba a cuestión nacional a respecto doutras que el consideraba secundarias. E lembro como contaba nesta viaxe as súas chamadas a Ana Pontón nese sentido, pero sobre todo recordo a admiración coa que falaba dela e doutros cos que mantiña discrepancias como do propio Paco Rodríguez que viñamos de homenaxear. Contábanos como nos sotos dunha comisaría na Coruña, logo dunha manifestación, a policía que lle tomaba declaración queríalle obrigar a que o fixera en castelán a base de golpes e Paco mantívose até o final falando en galego. Diante do que o propio Bautista -vendo a escena- non puido senón pedirlle que falara castelán ou en chinés se facía falta con tal de que pararan de mallar nel.

 

Cría no que dicía, dicía o que pensaba e pensaba que a liberdade de Galiza merecía dedicarlle todo o seu tempo, toda a súa vida, todas as súas enerxías

 

Porque o único que non soportaba Bautista era a falla de dignidade, os “chaqueteiros”, os oportunistas e os arribistas. Con eses non perdía o tempo en discutir. Sabía que non tiña sentido argumentar fronte a quen defendía un ideario en función da súa pertinencia para a súa carreira política persoal ou intereses particulares. Con toda a demais xente era un discutidor constante, e trataba de convencela e gañala para a causa do país e das clases populares do mundo. Non só de maneira oral senón tamén escrita. Por iso é tan valiosa a súa achega teórica para forxar o ideario e programa das organizacións políticas nacionalistas de posguerra. Dando continuidade ao pensamento dos autores de esquerda e antiimperialistas de todo o mundo, mais sobre todo dos galegos e, especialmente de Castelao, que lía e relía permanentemente.

 

Bautista é inesquecíbel e continuamente van vir a mente de quen o coñecemos anécdotas vividas directamente ou contadas por el que nos dan conta dunha personalidade auténtica e imprescindíbel

 

Toda esa obra da súa autoría, moita da cal vén de ser reeditada, vai permitir que no plano teórico siga a prolongar o seu labor de activista político. No plano organizativo, as estruturas das que se dotou o nacionalismo e das que el foi fundador e promotor aínda seguen en pé e gozan de boa saúde. No plano humano, Bautista é inesquecíbel e continuamente van vir á mente de quen o coñecemos anécdotas vividas directamente ou contadas por el que nos dan conta dunha personalidade auténtica e imprescindíbel. Nós, os que o tratamos, non o esqueceremos, e se algunha vez esta é unha patria que lembre aos seus patriotas, todo o país o recordará como se merece e agradecerá o que a el lle debe polas súas liberdades conquistadas.