31/03/1881. Pi, pipipi... Velaí vén ... E hoxe que?

Xoán Costa - Ensinante


Os galegos, polo visto, somos ricos para pagar, pero pobres para merecer!Iso di Castelao en artigo publicado en 1946, en Galeuzca, a respecto do problema ferroviario de Galiza.

Os galegos, polo visto, somos ricos para pagar, pero pobres para merecer!Iso di Castelao en artigo publicado en 1946, en Galeuzca, a respecto do problema ferroviario de Galiza. Ora, como diría Rajoy, non politicemos e pensemos que desde hai douscentos anos o tren sempre nos fascinou. Sempre. No diario percorrer das nosas vidas; na literatura, con Dickens, George Eliot, Twain, Víctor Hugo, Zola ou Dieste; no cinema co Asasinato no Orient Express, O tren, O tren das 3:10, O maquinista da Xeneral ou A lista de Schindler onde hai un tren, varios trens, que viaxan sen fin por camiños de ferro que morren nos fornos crematorios.  Incomoda, asusta, priva de tranquilidade ver esa estraña forma que é o tren a camiñar por dúas liñas paralelas e a deitar sobre nós “salaios de condenados, sichos brancos, topadas, trasacordos” como nos lembra o vello do relato de Dieste para que axiña todo fique “ en grande silencio diante dos ollos abraiados dun labrego vello e dun neno que aquel día estreara uns zoquiños novos”; ou viaxar “Pi, pipipi, pipipi, pipipi, pi, pi, a....,a....,a....,a....,a..... con Andrés Dobarro pola beira do Miño na confianza de que “alguén pode ser que me espere na estación”. 

"Un dos máis coñecidos é o de Curros ao lembrar que un 31 de marzo de 1881 entra en Ourense unha locomotora, modelo 030, que pasou á historia porque un poeta comprometido co progreso do seu país a inmortalizou"

Esa é a historia dos camiños de ferro na Galiza. A coñecida ou a que non é coñecida; a que  está chea de desgrazas ás que non se lle acha nunca responsábel, embora saibamos que ten; unha historia na que tamén hai cantos de esperanza que identifican camiños de ferro e progreso. Un dos máis coñecidos é o de Curros ao lembrar que un 31 de marzo de 1881 entra en Ourense unha locomotora, modelo 030, que pasou á historia porque un poeta comprometido co progreso do seu país a inmortalizou (moitos anos antes de que Marinetti cantase o automóbil con aqueles versos “Deus vehemente dunha raza de aceiro/automóbil ebrio de espazo/que piafas de angustia, co freo nos dentes estridentes! Oh, formidábel monstro xaponés de ollos de fragua, /nutridos de chamas e aceites minerais ...) nun texto, publicado para a ocasión uns días despois, o 18 de abril, en La Ilustración Gallega y Asturiana acompañada, tres páxinas máis adiante, por unha ilustración de Tiberio Ávila Rodríguez.

Foi ese 31 de marzo o derradeiro día dun proceso iniciado moitos anos antes, e que permitiu que os  diversos tramos da liña en dirección á cidade de Ourense se fosen abrindo progresivamente. O 25 de setembro de 1879 ábrense os sete quilómetros de vía entre

 Salvaterra e As Neves, agardando máis dun ano a prolongación da liña até a localidade de Arbo, que se abre o 14 de outubro de 1880, se ben non se pon en explotación até decembro dese mesmo ano. O 25 de febreiro de 1881 celébrase con grande entusiasmo a chegada do ferrocarril á ponte de Ribadavia. E un ardor similar rodeou a entrada da primeira locomotora na estación de Ourense o día 31 de marzo de 1881. O ferrocarril, ese “Cristo dos tempos modernos” como o alcumou Curros, chegaba a Ourense desde Vigo, 17 anos despois de inauguradas as obras na praia de Guixar. Os traballos, e a concesión do servizo, foron para a Compañía del Ferrocarril de Medina a Zamora y de Orense a Vigo (MZOV, posteriormente Cubiertas MZOV, fusionada en 1997  con Entrecanales y Távora de onde surxe  Acciona S.A., empresa que hoxe segue a ter unha moi notábel participación nas obras da denominada Liña de Alta Velocidade Madrid – Galiza, que forma parte do Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade. Este corredor arrinca na bifurcación da liña de Madrid - Valladolid en Olmedo e finaliza en Santiago de Compostela,  onde enlaza co Eixo Atlántico galego cun percorrido total de 420 km. )

Mais non divaguemos. O Faro de Vigo escribía para aquela ocasión: “Dezasete anos pasaron desde que se inauguraron os traballos desta liña. Referir as irregularidades, os atropelos, as iniquidades, as miserias de todas as liñaxes na máis completa impunidade realizados durante este longo período por homes que, unhas veces contando coa benevolencia dos gobernantes, e outras co carácter por demais bondadoso e sufrido do noso pobo, a todo se atreveron e nada respectaron, longa tarefa sería e tan enoxosa xa como inoportuna nestes momentos en que, aberto o corazón ás osixenadas correntes da popular alegría, só parece sentirse bon e san mentres olvida con olvido” Con todo, un día antes, o 30 de marzo, Faro cualificaba de memorábel a inauguración desta liña. Razón: “Vigo e Ourense serán como dous corpos fundidos nunha alma pois en breves horas, o mesmo poden os de alá vir a estas praias que os de aquí subir ás súas ribeiras”

Isto é o que día a prensa, mais sen dúbida a crónica mellor, a mellor das crónicas, é a de Curros acompañada da ilustración de Tiberio Ávila:

Velaí vén, velaí vén avantando 
cómaros e corgas, e vales, e cerros. 
¡Vinde vela, mociños e mozas! 
¡Saludaina, rapaces e vellos! 
Por onde ela pasa 
fecunda os terreos, 
espértanse os homes, 
frolecen os eidos. 
Velaí vén, velaí vén tan oupada, 
tan milagrosiña, con paso tan meigo, 
que parece unha Nosa Señora, 
unha Nosa Señora de ferro. 
Tras dela non veñen 
abades nin cregos; 
mais vén a fartura 
¡i a luz i o progreso! 
II 
Catedral, demagogo de pedra, 
dun pobo fanático erguida no medio, 
repinica esas chocas campanas 
en sinal de alegría e contento. 
Asocia esas voces 
ao son dos pandeiros, 
¡ás santas surrisas 
de terras e ceos! 
E ti, río dos grandes destinos, 
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos, 
requeimadas as fauces de sede 
vén o monstro a beber no teu seo. 
Bon samaritano, 
dálle auga ó sedento; 
que a máquina é o Cristo 
dos tempos modernos. 

"Estamos, sen dúbida, perante a mellor reportaxe-crónica-información dun acontecemento de todo o século XIX, porque Curros era un xornalista capaz de ofrecer información en verso". 

Estamos, sen dúbida, perante a mellor reportaxe-crónica-información dun acontecemento de todo o século XIX, porque Curros era un xornalista capaz de ofrecer información en verso. 

Mais voltemos aos nosos camiños de ferro. O servizo diario entre Vigo e Ourense implantouse en xuño, tanto de viaxeiros como de mercadorías e as  primeiras locomotoras de vapor que entraron en servizo foron as do tipo 030, encargadas de traccionar os correos e os mixtos entre ambas as cidades. Desde aquela outras conexións foron chegando, mais o problema dos camiños de ferro na Galiza non acabou alí e segue presente. Poderíamos acudir a moitas citas de hoxe en día, a moitas autoridades que frivolizan sobre o problema dos camiños de ferro, mais, lamentabelmente, parece que o tempo non pasa por esta terra e temos que nos encontrar co que dicía Castelao en 1946:  “ A deplorábel situación de Galiza,  canto a comunicacións, podería explicarse pola pobreza do Estado, se outras rexións, sempre privilexiadas, non dispuxesen de excelentes servizos ferroviarios, feitos, en grande parte, á nosa costa. Tamén a pobreza de Galiza podería desculpar, discorrendo torpemente, o abandono en que a ten o Estado, se tal Estado, por outra parte, non a obrigase a tributar como rica. Os galegos, polo visto, somos ricos para pagar, pero pobres para merecer!

Galiza non pode nin debe renunciar ao seu ferrocarril; porque se o pagou, se axuda a enxugar unha anualidade de moitos millóns de débeda pública, contraida en atencións que lle son alleas; se contribúe a cubrir gastos que lle repugnan porque de nada aproveitan, se vén sufrindo as graves consecuencias económicas do arancel protector de outras rexións españolas; se os seus problemas peculiares, pola diferenciación con que se caracterizan, escapan sempre a iso que chamades “intereses nacionais”, xusto será que os poderes públicos fixen a súa atención nas nosas apremiantes necesidades. Galiza ten dereito a que as obras do camiño de ferro se leven a cabo no tempo máis breve,  sen regatear un diñeiro que en nada sería mellor empregado, porque tales obras son de vital importancia para nós e para todos, que, ademais, xa pagamos con exceso e non son máis que unha pequena compensación a tantos e tantos sacrificios como sempre nos foron esixidos”

Pois iso. Moitas son as cousas que se levan dito. Moitas as que se poden dicer. Mais en materia de infraestruturas, os galegos, polo visto, somos ricos para pagar, mais pobres para merecer! Mais tamén é verdade que isto non é inmutábel, e que depende só de nos.