A tentación de morder

Xoán Costa - Ensinante


 

A Conferencia Episcopal presentou en días pasados unha campaña tendente a convencer o alumnado -e as familias- para elixiren  a materia de relixión e moral católica nos seus estudos, e  iso a pesar de que segundo afirma a propia Conferencia episcopal 2/3 do alumnado está matriculado en aulas de relixión católica.

En soporte videográfico, e utilizando a mazá como elemento simbólico, preséntase unha imaxe para as aulas de relixión ben diferente da que recolle, e obriga,  o currículo de relixión e moral católica aprobado pola Conferencia episcopal en abril de 2007.  No vídeo, a materia de relixión -impartida por un profesor pulcramente vestido sen que iso impida mostralo como próximo ao alumnado, é presentada como algo apaixonante, cuxo estudo e coñecemento se sitúa na base de todas as profesións de prestixio e pode, mesmo, evitar “crises como as que estamos a vivir”

Mais no vídeo non se fala realmente do currículo, fálase do elemento relixioso católico como substrato da cultura occidental. Son ben consciente, como seguramente o somos todos e todas, de que a nosa xenealoxía cultural se fundamenta, mais non en exclusiva, no papel que a relixión e a súa simboloxía desempeñaron ao longo do tempo e a forte presenza que segue tendo na actualidade, até o punto de mesmo seren as festas relixiosas as que configuran o calendario laboral, o escolar e o noso tempo de lecer. Sabemos que non se pode entender Castelao, ou Leonardo a quen se alude no vídeo, á marxe dun certo grao de coñecemento de cultura relixiosa. Iso é certo, mais non é necesario que ese coñecemento sexa confesional. Senón, pola mesma lóxica, para entendermos a cultura exipcia deberíamos profesar a fe de Osiris; para entendermos os Xogos Olímpicos facer votos aos deuses gregos. 

"No vídeo a materia de relixión é presentada como algo apaixonante, cuxo estudo e coñecemento se sitúa na base de todas as profesións de prestixio e pode, mesmo, evitar “crises como as que estamos a vivir”
 

Desde a miña experiencia podo asegurar que non comprende mellor a Demanda do Santo Graal, ou as Cantigas de Santa María, ou Na Noite Estrelecida ou calquera outra obra -literaria ou non- en que o fondo cultural relixioso estea presente, o alumnado que ten aulas de relixión católica do que aquel que non as ten. 

Por iso este spot resulta enganador, e a publicidade enganosa non debe ser a norma de que se reclama como guía moral da sociedade. O que anuncia o vídeo non ten nada a ver co currículo. O currículo ten como obxectivo adoutrinar, e así o demostran  os obxectivos, contidos, criterios de avaliación e demais elementos aprobados pola Conferencia episcopal. Sirva de exemplo, o tema 11 de 3º de ESO titulado: "Moral da vida humana e problemática actual: manipulación xenética, aborto, eutanasia, lexítima defensa, pena de morte, drogas, e alcoholismo"

Outra cousa é que nos presente o lobo vestido con pel de ovella. E a mazá, por máis que o profesor diga que é a de Newton, representa claramente a tentación de mordermos. Mordermos a mazá para sermos levados polo camiño da sumisión.



x