Alcaldes, barcos e rotondas

Xoán Costa - Ensinante


Na metade da década de sesenta do pasado século no agro galego comezaron a se producir  grandes mudanzas, máis tecnolóxicas do que ideolóxicas. Os tractores comezaron a substituír os carros e estes pasaron a ser axiña elementos decorativos en vivendas de segunda residencia deseñadas ao modo da moda urbana, mais para un contexto rural. 

Na metade da década de sesenta do pasado século no agro galego comezaron a se producir  grandes mudanzas, máis tecnolóxicas do que ideolóxicas. Os tractores comezaron a substituír os carros e estes pasaron a ser axiña elementos decorativos en vivendas de segunda residencia deseñadas ao modo da moda urbana, mais para un contexto rural. Alí, naqueles xardíns recén semeados de gramíneas italianas, de  formas non definidas e, en todo o caso mal coidados, aguantaron, os carros, sol, choiva e xeada.  E acabaron por esmorecer. Por podrecer. Por renunciaren á existencia. 

"Coa prepotencia de quen se sabe colaborador na destrución do sector naval, o alcalde de Vigo, Caballero el, batalla agora por pór un barco nunha rotonda.  Até aí nada novo. A teima de levar barcos terra a dentro é moi antiga".

Pasaron os anos. Pasaron os carros e, coa prepotencia de quen se sabe colaborador na destrución do sector naval, o alcalde de Vigo, Caballero el, batalla agora por pór un barco nunha rotonda.  Até aí nada novo. A teima de levar barcos terra a dentro é moi antiga. Tanto como a idea de secar o mar. Noe empeñouse en varar no alto da montaña o seu barco cargado de bichos e aínda hoxe Indiana Jones  anda  á procura daquela nave. O Azor, o buque insignia do franquismo e de Franco, e das súas descomunais capturas de pesca, no que Felipe González se deu un garbeo desde Rota até Lisboa antes de entrar no consello de administración de Gas Natural, está agora medio enterrado por terras de Burgos, non lonxe de Santa Gadea, "do juran los hijos d´ algo". E algúns ferrollos que del sobraron andan convertidos, disque, en obras de arte.

Levar barcos terra a dentro. Retiralos do mar. Unha encomenda difícil que nin Ulises podería garantir. Só ao alcance duns poucos.  Encomenda como a que Herzog e Klaus Kinski recrían en Fiztcarraldo. Con máis de mil persoas, Fiztcarrald acometeu a subida do casco da lancha "Contamana", por un camiño de máis de dez quilómetros e a case cinco centos metros de altitude. 

Mais nada de cine ten a argumentación de Caballero, o alcalde de Vigo,  para colocar un barco na rotonda de Coia. El quere ter un barco en seco porque na Coruña tamén teñen un. Así de simples. Ao mellor tamén quere colocar na Coruña unha cruz como esa que rexeitan en Vigo, total, rotondas non faltan.

"O futuro do País non está en traer barcos terra a dentro para visualizar, como se de un museo se tratar, un pasado no que Galiza era potencia"

Mais deixemos o alcalde a pór flores na rotonda. E consideremos que o problema non é transportar un barco a terra firme, colocalo nunha rotonda ou no medio dunha rúa, nunha varanda ou ao lado da piscina das novas urbanizacións. O problema é perder, como perdemos,  a capacidade de construír barcos. E unha vez construídos, ter posibilidades de faenar con eles. Galiza perdeu, ou está a perder, ambas capacidades. Nin podemos construír nin podemos faenar.  O futuro do País non está en traer barcos terra a dentro para visualizar, como se de un museo se tratar, un pasado no que Galiza era potencia

O futuro está en recoñecer que a construción naval posúe unha enorme importancia estratéxica e cría tecnoloxía avanzada con repercusión noutros sectores. Por iso é un sector polo que apostan moitos gobernos e por iso na maior parte dos países con construción naval as institucións apoian a construción de buques. 

É obvio que para percorrer o mar se precisan barcos e que en terra son inúteis. A cuestión está en definir se os construímos e reparamos aquí ou se nos contentamos con velos pasar, xa que nisto, como en moitas outras cousas, podemos ser protagonistas ou espectadores. Todo dependerá da percepción que teñamos de Galiza, como a fin da Terra ou como o principio do Mar. Mais sexa cal for a percepción, non podemos permitir que os barcos fiquen varados nunha rotonda. Non.



x