As desigualdades sociais xa o son por lei

Xoán Costa - Ensinante


 Neste 17 de maio, na Galiza, millares de persoas manifestámonos para esixir maiores cotas de uso para o galego, para poder vivir na nosa lingua e non sermos estranxeir@s na propia Patria, en paráfrase dos versos de Rosalía, porque a nosa Patria é a nosa lingua, que dixo Pessoa. E mentres estabamos en Compostela anunciando que non imos renunciar nunca aos nosos dereitos, en Madrid, un consello de ministros presido por un home nacido en Pontevedra e que ten a menos sentirse galego daba luz verde á tramitación dunha lei, a LOMCE, que supón unha labazada, como contou  Sermos Galiza, para o futuro do noso idioma.
Mais non é da lingua do que queremos falar. Iso xa o fixemos nas rúas de Compostela. É dunha lei que ten como obxectivo conformar un modelo social en que primen as desigualdades, tamén, por suposto, as derivadas de termos unha lingua que é un estorbo para as pretensión do centralismo predominante.

Nos derradeiros tempos as reformas dos sistemas educativos abórdanse segundo as concordancias dos resultados dos informes PISA. A maior parte das informacións que saen á luz sobre os dados do informe PISA ao longo dos anos detéñense  na comparación de resultados medios entre diferentes países nas áreas de Matemáticas, Ciencias  ou Lectura.
Mais existen outras aspectos destes informes que non se divulgan e que, con todo, son os máis considerados polos gobernos á hora de aplicar reformas que tendan cara a unha sociedade máis igualitaria ou cara a unha con máis diferenzas sociais, segundo sexa a ideoloxía gobernante en cada momento. Este parámetros coñéceos ben o ministro Wert ou o conselleiro Vázquez, xa que nos Informes PISA, unha inmensa base de datos construída en base as respostas de  máis de 300.000 alumnos e alumnas pertencentes a máis de 10.000 centros de ensino en máis de 50 países, desde os máis ricos do mundo até algúns dos máis pobres, poden analizarse máis de 1000 variábeis, moitas delas non divulgadas polos analistas da OCDE,  que informan da orixe social do alumnado, do entorno cultural, da lingua,  do pasado escolar,  verdadeiros condicionantes dos resultados escolares, artífices do éxito ou do fracaso.

Os Informes PISA fornecen unha serie de datos que nos permiten  aprezar a orixe social do alumnado tendo en conta variábeis como a profesión e o nivel de estudos dos pais, así como outros diferentes indicadores do nivel de riqueza material e cultural, ligados, por exemplo ás características da vivenda ou a posesión de libros, lectura de xornais ou conexión a internet.

Os investigadores de PISA estableceron un “estatuto social, económico e cultural” (ESCS, na abreviatura en inglés) que permite situar o alumnado nunha escala numérica que reflicte a súa pertenza social.


Sobre estas bases os investigadores de PISA estableceron un “estatuto social, económico e cultural” (ESCS, na abreviatura en inglés) que permite situar o alumnado nunha escala numérica que reflicte a súa pertenza social.
Análises dos resultados PISA tomando en consideración estas variábeis téñense feito en varios países e resulta decepcionante  comprobar como existe unha relación directa entre os resultados e o medio social, mais, ao mesmo resulta esperanzador comprobar como parece posíbel conciliar un ensino eficiente canto á obtención de resultados cun ensino equitativo. Aquí aparece de novo o caso de Finlandia: non só é o sistema máis eficaz en resultados senón que tamén se consolida como sistema educativo que xera ou transmite menos desigualdades sociais.
Que terá logo o sistema finlandés para ser o mellor en resultados ao tempo que é o que cría máis igualdade social?
Para comezar é gratuíto para todos, incluídos transporte e comedor; sistema case totalmente público; o Estado dedica ao ensino unha importante parte do PIB (máis do 6%), garante o coñecemento e estudo nas diferentes linguas do país, elementos que, obviamente, se poden pór en práctica en calquera outro sistema.

A verdadeira democratización dos sistemas educativos está aínda por chegar e as reformas insisten en afortalar  aqueles aspectos nos que se orixinan  as desigualdades sociais

Mais, coñecidas as causas, polo menos algunhas, que confirman que a verdadeira democratización dos sistemas educativos está aínda por chegar, sería bon que as reformas que agora se inician cunha lei deostada por toda a comunidade, insistisen en corrixir aqueles aspectos nos que se orixinan  as desigualdades sociais, ao tempo que deberían afortalar aqueles outros que levan o sistema cara a unha maior equidade.
Non foi esta - a equidade- a opción que tomou o goberno de Rajoy, secundada polo goberno Feijoo. Fronte á igualdade e a equidade promoven, por lei,  as desigualdades sociais. E iso nun día en que centenares e centenares de galegos e galegas reclamamos do noso goberno equidade e igualdade para a lingua que usamos cada día.
En calquera caso, talvez haxa que considera a máxima dun liceo finlandés, posta en letras grandes na fachada :
“No noso sistema, o valor do ensino non  é ter en conta o que os alumnos non lograron, senón pola contra, considerar o que fixeron ben”.
Consideremos pois o que facemos ben, única maneira de nos aproximar ao que aínda non logramos e pensemos que, para o lograrmos posibelmente teñamos que voltar, como hoxe fixemos, ás rúas.

 



x