Cen anos de xornalismo centrado na Galiza

Xoán Costa - Ensinante


Fai hoxe cen anos que apareceu o número un do boletín A Nosa Terra. Foi na Coruña a terza feira 14 de novembro de 1916. Oito páxinas sob a dirección de Xosé Iglesias Roura. Aquel número un titulaba, a dúas columnas, A bandeira ergueita un artigo que na realidade ocupa as tres columnas e que vai asinado por Antón Vilar Ponte. Saían á luz, ademais do texto de Vilar Ponte, textos de Manoel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas, o propio Iglesias Roura, Vázquez Gundín, F. Martíns, Asieumedre (seudónimo de Lugrís), entre outros.

Vilar Ponte sitúa como un elemento estratéxico para o nacionalismo nacente a necesidade de contar con medios de comunicación escritos en galego, centrados na Galiza e para a Galiza.

Contar con medios de comunicación escritos en galego, centrados na Galiza e para a Galiza foi elemento estratéxico do nacionalismo nacente e é imperiosa necesidade do actual.

Vilar Ponte (que con este título enlaza claramente coa intencionalidade de Rosalía expresada no prólogo de Follas Novas “N'era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado”) é consciente do valor estrátexico para o nacionalismo nacente, identificado cos Amigos da Fala, e co ideario das Irmandades, de contar con medios de comunicación de comunicación propios, entendendo por propios estaren escritos en galego, centrados na Galiza e ao servizo dos intereses galegos.

Considera este feito tan transcendental como dotar o país de escolas e fai un chamamento a colaborar economicamente no mantemento do medio, aínda nacente:

“ Fundar e soster escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Mais axudar á vida deste boletín é corolario obrigado daquelas iniciativas loudabres. As escolas son pros nenos; o boletín, trala xuntanza dos enxebres, espertará o sentimento e o pensamento da mocedade que comeza a xurdir na loita. A nosa terra percisa un boletín, xa que hastra o de agora hai xornais e revistas de gallegos, mais nin un soio de Galicia, esquirto en gallego e en Galicia, pra Galicia. Hoxe bule polos nosos eidos e polas nosas vilas un sospeitoso andacio rexionalista. Hai que peneirar as intencións, pra separar a palla do grao. Chegou a hora de definirnos. Nós expoñemos cartos e traballo. Dámolo exempro. Quen non faga o pequeno sacrificio económico de axudarnos a erguer esta folla enxebre, que de chegar a ser diaria resolvería moitas cousas de fondo interés patriótico, non terá dereito a chamarse bo gallego”.

Pagaría ben a pena transcribir o texto íntegro, seguramente descoñecido para a inmensa maioría de galegas e galegos. Pagaría a pena, mais abonda con este fragmento para reflexionarmos. Sobre o concepto de prensa galega; sobre o compromiso individual, militante, poderíamos dicir, para termos medios “pra Galicia” e sobre a necesidade de facer viábel, do punto de vista económico, os medios existentes, embora isto supoña un “sacrificio” económico.

Falaba Vilar Ponte da utopía de Galiza contar cun xornal diario, en galego, de Galiza e para Galiza. Cen anos despois esa utopía parece aínda moito máis afastada do que en 1916

Para Vilar Ponte, e para a Galiza de 1916,  contar cun xornal diario, en galego, de Galiza e para Galiza era unha utopía por máis que o sentisen como unha necesidade. Cen anos despois esa utopía parece aínda moito máis afastada do que en 1916 e no horizonte só se ven os restos de naufraxios de cabeceiras xornalísticas que afundiron, ou foron afundidas, polos torpedos da frota inimiga, nun macabro xogo de barcos.

Que cada quen pense sobre as derradeiras palabras do fragmento de Vilar Ponte e xulgue á luz das verbas citadas de Rosalía.