E a culpa, de quen é...?

Xoán Costa - Ensinante


Aí fica, no ar, a pregunta. A resposta, non agarden que eu a desvele. Mais repasemos, anecdotalmente, tres situacións producidas recentemente e que poden verter luz sobre a cuestión.

Aí fica, no ar, a pregunta. A resposta, non agarden que eu a desvele. Mais repasemos, anecdotalmente, tres situacións producidas recentemente e que poden verter luz sobre a cuestión.

"A evidencia mostra que a culpa é das familias. Si, das familias. Cada vez hai máis incomunicación. Dío o Presidente Feijóo".

1.- Informe sobre a alarmante perda de falantes do galego. Que o galego perda falantes pode obedecer a moitos factores. Pode ser debido ao efecto invernadoiro ou ás enchentas en África do Sul, mais non pensemos, non temos por que o facer, que é responsabilidade do Goberno por tantos cortes na política lingüística. Non.  A evidencia mostra que a culpa é das familias. Si, das familias. Cada vez hai máis incomunicación. Dío o Presidente Feijóo. E non imos desconfiar da palabra do Presidente “Antes non estudabamos galego pero falábase na casa. Agora estudámolo pero non o falamos na familia” Está ben a cousa, non? Primeiro o PP lexisla para converter o galego en lingua de segunda; logo alenta sobre a pouca practicidade de o falar e mesmo de o coñecer e, cando xa logra todo iso, unha máis: a culpa é túa e túa é a responsabilidade de que a lingua de noso perviva ou non. Algo de neroniana ten a política feijoniana. Primeiro incendia todo. Logo, xa se verá.

2.- As urxencias colapsadas. Agora si que acertaron ..... a culpa é dos doentes. Dío, desta volta, a Conselleira Mosquera. Hai un volume de gripe tan alto pola falta de responsabilidade das persoas que a padecen por non se teren vacinado. É así de claro. Se se vacinaren non terían gripe e o sistema funcionaria con total normalidade. Está claro, non? O sistema como mellor funciona é se non hai doentes.

"Se se vacinaren non terían gripe e o sistema funcionaria con total normalidade. Está claro, non? O sistema como mellor funciona é se non hai doentes".

3.- O terceiro caso procede de Bruxelas que, coma quen di, está aí ao lado. De novo un informe, o que analiza as principais preocupacións da UE e estados membros no ámbito laboral e social. E que constatan en Europa, neste caso referido ao Estado español xa que Galiza non conta, non existe, nos planos da UE máis que para a privar, co aval específico de España, de producir, quer leite, quer barcos. Pois resulta que se constata que desde 2008 hai “un aumento significativo das persoas inactivas que desisten de buscar un emprego”. A cousa ten graza. Se España está á cabeza do desemprego non é por o goberno non se empeñar a fondo na creación de emprego -mesmo asinando acordos con aquelas centrais sindicais que saben o valor da responsabilidade de Estado. Non. É porque os traballadores son tan preguiceiros que á hora de pedir traballo, como as empresas non o ofrecen, non queren molestar e daquela non insisten. Mellor ser un desempregado pacífico e ben visto polo chefe que un traballador revoltoso demandando melloras nas condicións de traballo.

E a culpa de quen é ... ?