Do rural ao urbano. Preferencia persistente ou planeamento motivado?

Xoán Costa - Ensinante


Na pasada semana desenvolveuse en Quito a terceira edición do ONU-Habitat. Trátase da Conferencia das Nacións Unidas sobre Urbanización e Desenvolvemento Urbano Sustentábel. Os traballos desta edición, que se celebra cada 20 anos desde 1976, parten do principio de que para 2050, pouco máis de 30 anos, dúas de cada tres persoas residirán en hábitats urbanos.

Para esta conxectura tómanse como base os informes DESA (Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU) que se fundamentan en dúas premisas: Unha, a persistente preferencia da xente de mudarse de áreas rurais a outras urbanas e dúas, o crecemento da poboación durante os próximos 35 anos.

O crecemento da poboación é un dato obxectivo, mais cabería perguntarse que primitivos impulsos moven a xente a se concentrar en áreas urbanas deslocándose das rurais. E por que eses movementos, iniciados na Inglaterra preindustrial coa política de derrubar valados, mecanizar o traballo agrícola e concentrar os excedentes de poboación rural nos arrabaldos das cidades, se aceleran neste século XXI.

A xente móvese do rural para o urbano non por impulsos, mais por un modelo de produción que así o determina

Na realidade a xente móvese do rural para o urbano non por impulsos, mais por un modelo de produción que así o determina. Políticas baseadas, entre outras cousas, no consumo e na posibilidade de abastecer mercados a prezos máis baixos e, polo tanto, con máis beneficio, se están máis concentrados. Non é pois estraño concibir o urbanismo en función do agrupamento do consumo, do abaratamento de custos e de agrandamento de beneficios. Pode servirnos de exemplo o proxecto de cidade do recentemente electo alcalde de São Paulo. Pór toda a prestación de servizos, un mercado que xera millares e millares de dólares, en mans da iniciativa privada. O ensino, a sanidade, o lecer. Até a propia morte. Pagar por todo.

Mais existe outra cara desta moeda que ten a ver coa faceta máis animal do ser humano. É que necesitamos comer. Moitas das persoas que “persistentemente preferen” desprazarse para zonas urbanas eran produtoras de alimentos e, nalgúns casos, propietarios da terra. Na cidade van ter que comprar o alimento. Un alimento producido, e polo tanto propiedade de empresas que adquiriron os campos que ficaron baleiros. Pensemos na China, propietaria por compra ou canxe de máis de tres millóns de hectáreas de solo agrícola en África. Na Ucraína, a mesma China comprou o 9% de toda a terra fértil, no que é o maior proceso de venda de terras dun país a outro desde o século XIX. Este 9% supón unha superficie equivalente a toda a Galiza.

Na Ucraína, a mesma China comprou o 9% de toda a terra fértil, no que é o maior proceso de venda de terras dun país a outro desde o século XIX

No Brasil, o 2% dos propietarios agrícolas concentran aproximadamente o 60% da superficie agrícola e gandeira, sobre un total de uns 225 millóns de hectáreas.

Na Galiza, as previsións apuntan para unha importante perda de poboación nos próximos 30 anos (máis de 200.000 nos próximos 15) e nese proceso de transvase de persoas do rural para o urbano xa hoxe os anuncios de venda de propiedades agrícolas se contan por millares. Aldeas completas están en venda. E as multinacionais están atentas para esas compras. E non estamos a falar de quen ostenta a propiedade da terra mais de quen depende, ou pode depender, a soberanía alimentar do noso país. Non vaia ser que, aí si, sexamos dependentes.



x