El Ebro guarda silencio ...

Xoán Costa - Ensinante


Hai menos de quince días anunciouse que a arquidiócese de Zaragoza ficaba vacante. 
Oficialmente por "problemas de saúde" do titular, monseñor Ureña. 

"Non espertes a serpe, non sexa que
ignore cal é o camiño a seguir
"

                          (Percy B. Shelley)

Hai menos de quince días anunciouse que a arquidiócese de Zaragoza ficaba vacante. Oficialmente por "problemas de saúde" do titular, monseñor Ureña. A saúde, xa sabemos, é todo, é o primeiro, e hai que a coidar. Sobre todo se un é bispo, ou arcebispo. A saúde é o primeiro. Tamén está o diñeiro e o amor, como dicía a canción, mais a saúde non hai quen a pague. O bispo púxose doente e a doenza resultou ser encubridor de abusos sexuais. E isto non ten cura. E cando se pagan máis de cen mil euros para gardar silencio, até o Ebro cala, claro. Ora, a auga flúe, "panta rei" que dicía Heráclito e non se pode impedir que o río chegue ao mar.

"A igrexa católica ten un grave problema co seu corpo dirixente, o que comunga e o que ordena excomungar, o que neste estado aconfesional dita día a día, en materia de moral, a política do PP"

E chegou. Ora ben, non é o Mediterráneo un mar bravo, mais ben é cemiterio desoutros desherdados que chegan do sur.

A igrexa católica ten un grave problema co seu corpo dirixente, o que comunga e o que ordena excomungar, o que neste estado aconfesional dita día a día, en materia de moral, a política do PP, e non só, que tamén hai outros que van da man da sotana.

O que desde o púlpito, subvencionado e restaurado con diñeiro público, di protexer a vida dos non natos mais goza, vaia se goza, con enganos e abusos, dos corpos dos natos e das natas. 

A castidade é o que ten. 

E logo calan. Silencio mudo, como o dun corazón entre dous latidos. Ou pagan con diñeiro o sixilo.

"E o máis grave, se aínda pode existir ese grao, é a cumplicidade do Estado e dos seus poderes"

E o máis grave, se aínda pode existir ese grao, é a cumplicidade do Estado e dos seus poderes, especialmente do lexislativo por regulamentar e permitir estas situacións. Por permitir que a serpe siga a se deslizar polos montes, por entre a herba dos prados.

Tamén en Granada a serpe se desliza polos vales e polos montes mentres o bispo se deita no chan a pedir perdón da "ferida producida a Cristo".

Está ben. Os pederastas feren a Cristo. Os abusadores feren a Cristo. Non hai contacto humano. Non hai delito.

E o Ebro cala e cala a Alhambra.

Mais non pode calar ninguén que milite do lado da decencia.

 

 



x