A hipocrisía do colonizador

Xoán Costa - Ensinante


O mapa político de África é produto da colonización europea

 

O mapa político de África é produto da colonización europea e o reparto, como se de unha tarta se tratar, foi feito sen ter en consideración factores económicos, culturais nin sociais, máis ou menos cos mesmos criterios cos que foi feito o reparto provincial da Galiza no século XIX.

Franza, Bélxica, Inglaterra, Alemaña, despois de varias décadas en que a intención predominante parecía ser a exploratoria, entraron de pleno no proxecto colonizador, acompañadas de España e Portugal. Linguas e relixións europeas foron enxertadas en África, seguindo sen dúbida o espírito que alentaba a Nebrija a levar o español como acompañante íntimo do Imperio por toda a parte. 

As consideracións que levaron os estadistas do XIX a se apropiar sen máis dun continente tiveron consecuencias funestas no século XX, con conflitos e masacres inspirados polas potencias europeas de cara ao exterminio da poboación nativa, a exemplo do que antes acontecera na América, do norte e do Sur. Ou na Oceanía. Porque o colonialismo non admite outros valores, nin outras crenzas, nin outras fisionomías que as propias, as do colonizador e este só está interesado na colonia mentres a rendibilidade dela permanece activa. Cando non, abandona, deixando á súa sorte territorio, habitualmente esquilmado, e poboación, habitualmente desestruturada, pobre e sen futuro.

Países illados

Abandono é o que acababan de facer, onte mesmo, vinte e sete de agosto, os gobernos europeos, a través das compañías aéreas, antano transportadoras de riqueza para a metrópole e de promesas para a colonia; agora insensíbeis á precariedade derivada da epidemia de Ébola. Os tres países que se encontran no epicentro desta epidemia, Serra Leoa, Liberia e Guinea Conacri fican cada vez máis illados despois de que Air France acollese a solicitude do goberno francés dunha “suspensión temporal” dos voos para Serra Leoa, deixando a súa capital, Freetown, e a da veciña Liberia, Monrovia, con só un voo regular, o da Royal Air Morocco (RAM).

Suspensión de voos

A decisión da empresa francesa deuse un día despois de a británica British Airways anunciar a suspensión dos seus voos para  a Liberia e Serra Leoa até ao ano que vén. A belga Brussels Airlines, que acostumaba ofrecer catro voos por semana para a Liberia e Serra Leoa e tres para a Guinea, tamén cancelou os seus servizos.

As compañías aéreas, antano transportadoras de riqueza para a metrópole e de promesas para a colonia, móstranse agora insensíbeis á precariedade derivada da epidemia de Ébola

Esta mesma semana, o enviado das Nacións Unidas para o Ébola, David Navarro, criticaba as compañías aéreas que suspenderon as operacións en países afectados pola doenza, por illar o país e tornar deste xeito máis difícil a posibilidade de as  Nacións Unidas faceren o seu traballo.

Mais nada disto importa en Europa. Xa o dixo hai uns meses Jean-Marie Le Pen: a solución para o problema da inmigración africana sería unha epidemia masiva de Ébola en África. E mentres o Ébola actúa, Europa seguirá a vender solidariedade, relixiosamente. E armas, por se o virus non é suficiente.



x