LOMCE: os itinerarios do fracaso

Xoán Costa - Ensinante


Na LOMCE os elementos ideolóxicos son de especial relevancia e teñen como finalidade adaptar o sistema ao modelo neoliberal, xustificando as medidas postas en marcha  nun dobre argumento: a loita contra o fracaso escolar e a loita contra o desemprego

Toda reforma educativa é complexa.

Mais, por ser o sistema  educativo ante todo un servizo encargado de dar formación ás novas xeracións, ten que ollar para o futuro e asentarse en principios de actuación asumidos por toda a sociedade. Neste sentido, se algo parecía asumido por toda a comunidade educativa é que o fundamental para o éxito escolar é a comprensividade, a educación inclusiva, a equidade ou a igualdade de oportunidades e que o modelo de construción activa de coñecemento por parte do alumnado, fronte a un modelo transmisor e reprodutor de aprendizaxe, é o que garante máis firmemente o desenvolvemento persoal e as opcións reais de inclusión social.

Por iso, perante a reforma promovida polo goberno do PP, cabe facer, polo menos, dúas preguntas.

1.- Está esta reforma pensada desde a perspectiva actual da evolución e a construción de coñecemento e sabedoría ou, pola contra, prima na súa concepción a involución pedagóxica, a confesionalidade e o carácter españolizador -quer do punto de vista lingüístico e cultural quer do de lei recentralizadora de currículos que a LOMCE ten- como elementos articuladores do sistema?

2.- Cando o propio sistema neoliberal esixe cada vez máis, desde a perspectiva vital e laboral, a integración de coñecemento e capacidade de resolver situacións, ten sentido unha reforma educativa que prima a formación desde as disciplinas en vez da formación en competencias?

"ten sentido unha reforma educativa que prima a formación desde as disciplinas en vez da formación en competencias?"

A resposta é NON e coñécena os ideólogos da lei. Mais non é a súa preocupación elaborar unha lei que teña en consideración o fin último da educación, que non é outro que formar cidadáns e cidadás  cultos, críticos, solidarios e comprometidos para o cal se precisa un sistema público, laico, democrático, de calidade e galego. Podemos anticipar que ningún deste principios inspira a LOMCE. Ao contrario, as medidas propostas para a mellora da calidade educativa organízanse en torno a eixos ben diferentes, porque neste anteproxecto os elementos ideolóxicos teñen especial relevancia e teñen como finalidade adaptar o sistema ao modelo neoliberal xustificando estas medidas nun dobre argumento: a loita contra o fracaso escolar e a loita contra o desemprego. Que hipocrisía!

Confesionalidade

A LOMCE reforza o papel da Igrexa Católica no sistema educativo e -como se dun estado confesional se tratar- o adoutrinamento relixioso vai formar parte do currículo escolar, cunha carga horaria equivalente á media das materias específicas. Que se trata de adoutrinamento non hai dúbida, a propia Igrexa confirma ese carácter, segundo podemos ler nos documentos da LXXXIX Asamblea Plenaria da Conferencia Episcopal, á hora de contratar o profesorado: "el Obispo de la diócesis debe discernir si este profesor es creyente católico y puede entregarle la missio canónica, esto es, el mandato de enseñar en su nombre, como miembro de la Iglesia, de cuya misión participa con el anuncio de Jesucristo en su acción educativa" A selección de profesorado, os libros de texto e demais material será competencia das autoridades relixiosas.

"Reforza o papel da Igrexa Católica no sistema educativo e -como se dun estado confesional se tratar- o adoutrinamento relixioso vai formar parte do currículo escolar"

Españolización

O propio ministro de educación, no Congreso, aclarou cal é a razón última da reforma educativa que o goberno de Rajoy promove e o de Feijóo aplica sen cuestionar. É españolizar.

Porque a LOMCE non recoñece a configuración plurinacional. Na realidade, a LOMCE nega o actual modelo de Estado por canto recentraliza e uniformiza o sistema educativo non só restando competencias xa transferidas, senón establecendo mecanismos como as reválidas e avaliacións xerais do sistema educativo que, na práctica, evitan toda a posibilidade de autonomía pedagóxica dos centros educativos ao tempo que limitan calquera posibilidade de nos dotar dun sistema educativo propio. Por se isto non for suficiente, esta reforma elimina a posibilidade de contarmos con sistema educativo que teña o galego como lingua vehicular  e mesmo o seu estudo como materia fica por detrás da relixión ou da segunda lingua estranxeira pois esta norma, nunha maquiavélica modificación semántica do concepto, elimina para o galego o carácter de materia troncal. Pola contra, incentívase o descoñecemento do propio idioma ao lexislar que a Administración educativa debe garantir, se un alumno ou alumna se nega a estudar en galego, a escolarización nun centro privado -pagando, iso si, con diñeiro público.

"Esta reforma elimina a posibilidade de contarmos con sistema educativo que teña o galego como lingua vehicular  e mesmo o seu estudo como materia fica por detrás da relixión ou da segunda lingua estranxeira"

Está claro que con estes fundamentos non é a LOMCE a lei que necesitamos para combater o fracaso escolar e garantir o futuro das novas xeracións. É evidente que ningún sistema educativo é capaz de asegurar o éxito ao cento por cento da poboación, porque non existe a sociedade perfecta e igualitaria e o sistema educativo é espello da situación socioeconómica en que se acha o alumnado. 

As desigualdades sociais na Galiza son cada vez máis visíbeis. A nosa especificidade nacional  é un estorbo para as políticas uniformizadoras do neoliberismo. Por iso resultan incomprensíbeis as políticas dirixidas a orientar todo o sistema educativo cara ao fracaso. Fracaso, si, que non outra cousa se procura cando se promulgan normas que pretenden masificar as aulas, impedir a atención personalizada do alumnado ou atender as necesidades educativas específicas sacrificando a pedagoxía no altar do mercantilismo. Fracaso escolar e fracaso social porque o Goberno da Galiza está a ollar para outro lado.

E aínda hai quen cuestiona as razóns de facermos folga!



x