Música, cinema, ensaio para espallar verdades agachadas

Xoán Costa - Ensinante


Na quinta feira 23 de xaneiro vaise presentar na Coruña, no teatro Rosalía o último dos traballos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega que teñen Rosalía como centro de atención. Trátase da musicación que, por encargo da AS-PG, realizou o sexteto Tempo Catro de once poemas de Cantares Gallegos e que leva por título, Os ollos que falan. Rosalía de Castro

Na quinta feira 23 de xaneiro vaise presentar na Coruña, no teatro Rosalía o último dos traballos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega que teñen Rosalía como centro de atención. Trátase da musicación que, por encargo da AS-PG, realizou o sexteto Tempo Catro de once poemas de Cantares Gallegos e que leva por título, Os ollos que falan. Rosalía de Castro.  O concerto segue aos xa celebrados en Ferrol (organizado por Medulio), en Lugo ( Círculo das Artes) e Compostela (O Galo e Solfa) e precede aos que van vir en Ribadeo, Pontevedra ou Carballo. Neste traballo Tempo Catro mostra unha Rosalía actual e viva, capaz de comunicar con nós a través de temas como a conciencia sobre Galiza e o seu estado,  o amor e o desamor, a parella, o erotismo e a sexualidade, en claves nada convencionais, por certo. Todos estes temas, e moitos máis,  abrollan nestes cantares agora feitos música con ritmos de valse ou de fado; de salsa ou de xota; de mazurca ou pasodobre.

"Tempo Catro mostra unha Rosalía actual e viva, capaz de comunicar con nós a través de temas como a conciencia sobre Galiza e o seu estado,  o amor e o desamor, a parella, o erotismo e a sexualidade, en claves nada convencionais, por certo".

Mais esta iniciativa promovida e patrocinada pola AS-PG non é máis unha das moitas que no pasado ano de 2013 aparecen sobre Rosalía, e das que Sermos Galiza dou boa conta, mesmo coa publicación dunha páxina semanal desde xullo a decembro, porque a AS-PG non desaproveitou nunca a ocasión de espallar e pór en valor a obra  de Rosalía de Castro. 

Non é propio deste artigo facer un relatorio exhaustivo, mais si mencionar algunhas obras que,  afastadas do sensacionalismo con que agora algunhas institucións contemplan a obra de Rosalía,  constituíron un fito na interpretación da obra rosaliana que foron postas á disposición do público lector pola AS-PG logo que editoras comerciais rexeitasen a súa publicación. Habemos de comezar por Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988), tese de doutoramento de Francisco Rodríguez -a primeira presentada nunha universidade galega sobre a escritora- que significou un salto cualitativo no coñecemento do mundo e da experiencia rosalianas; coñecemento e experiencias nas que se afonda con outro libro do mesmo autor, Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (A persoa e a obra de onte a hoxe).  Este libro hai que inserilo dentro do esforzo colectivo por nos facer conscientes do noso propio valor, neste caso do valor dunha obra literaria e dunha muller, Rosalía de Castro, que transcenden o campo da literatura por seren sintomáticas da aspiración e do dereito á existencia do pobo galego, e tamén dunha perspectiva da historia e do mundo xenuína e moi esclarecedora, imprescindíbel. Mantendo o rigor analítico e o manexo de fontes históricas abondosas, característicos do seu autor, topamos cun texto de fácil, entretida e suxerinte lectura, un libro que nos vai descubrir a personalidade auténtica de Rosalía, libre dos prexuízos e estereotipos aínda dominantes. Da súa man, e grazas á súa experiencia e obra, chegaremos a ter resposta a moitos interrogantes sobre nós mesmos, como pobo, e a nos orientar mellor no medio de tanta confusión. Sendo unha análise específica dunha obra literaria concreta, que tamén axuda a visualizar, de forma efectiva, á súa autora, é, ademais, este libro unha ventá aberta para comprender un mundo, aínda en grande maneira rosaliano.

"Acredito que con traballos como os aquí mencionados Galiza conseguirá proxectarse no futuro como a pensaba Rosalía, e nós, galegas e galegos do século XXI, deixaremos de ser estranxeiros na propia patria".

Mais tamén as tecnoloxías da información e a comunicación e as novas formas de lectura teñen atraído a atención da AS-PG para divulgar a obra rosaliana. Neste sentido, cabe salientar o portal titulado  Daquelas que cantan (http://bitaculas.as-pg.com/literaria/) onde, semana a semana, se foron publicando todos os poemas de Follas Novas e Cantares Gallegos. A AS-PG abriu esa  bitácula coa intención de publicar textos literarios galegos para poderen ser lidos directamente sobre o computador e ao mesmo tempo que os lectores e lectoras poidan aportar os seus comentarios a través da bitácula, chegando deste xeito a unha "critica literaria" colectiva e non pautada por moldes académicos. Os dous textos citados, Follas novas e Cantares Gallegos, foron tamén publicados pola AS-PG en papel. 

O interese da AS-PG por Rosalía levou a entidade a crear plataformas de relación aberta e de intención claramente pedagóxico-social, entre a sociedade e o sistema educativo, dando lugar a actividades tipo “cazas do tesouro” e outras destinadas ao uso escolar e mesmo a incluír no Trivial.gz, un xogo de trivial en liña con máis de oito mil usuarios e usuarias rexistradas, un tema sobre Rosalía con varios centos de preguntas.

Convencidos de que o cinema é unha forma ideal para a divulgación literaria, desde o ano 2010 a AS-PG organiza e xestiona o certame de curtametraxes Curtas para Rosalía que alcanza a cuarta edición. O certame, que nun principio atendía unicamente obras de Rosalía, está hoxe aberto á participación con calquera temática da literatura galega

Os ollos que falan e a próxima resolución do certame de curtas son as últimas, mais non serán as derradeiras, achegas da AS-PG á difusión da obra de Rosalía. Acredito que con traballos como os aquí mencionados Galiza conseguirá proxectarse no futuro como a pensaba Rosalía, e nós, galegas e galegos do século XXI, deixaremos de ser estranxeiros na propia patria.



x