Rosalía, a rebeldía contra a tristeza

Xoán Costa - Ensinante


Neste 12 de novembro presentamos en Ferrol, na Escola de Idiomas, o derradeiro dos traballos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega que teñen Rosalía como centro de atención.


Neste 12 de novembro presentamos en Ferrol, na Escola de Idiomas, o derradeiro dos traballos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega que teñen Rosalía como centro de atención. Trátase da curtametraxe I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares, unha iniciativa xestada seis meses atrás cando Marina Chiavegatto e Millán Castro se dirixen á AS-PG para presentar un proxecto de guión sobre a autora. O entusiasmo con que defenderon a idea, e a claridade con que vían o proxecto, fixo que  inmediatamente comezasen os traballos de elaboración do guión. Non lles debo ocultar que ese entusiasmo naceu, en boa parte, grazas a unha serie de páxinas que, patrocinadas por Medulio, se publicaron ao longo de 2013 no semanario Sermos Galiza. Segundo nos manifestaron, fronte ao coñecemento que tiñan de Rosalía, adquirido no ensino regrado, descubriron agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como se mostra no vídeo, conscientemente galega coa que eles se identificaban moito máis que coa aborrecida e triste visión académica que dela tiñan. E o que máis os ilusionaba era a posibilidade de poder trasladar esta visión aos seus compañeiros e compañeiras de xeración, mozas e mozos galegos menores de trinta anos que naceron ao amparo da Lei de Normalización Lingüística e comprobaron como o sistema educativo os afastaba cada vez máis do coñecemento do propio para desde el acadar o coñecemento do universal.

"Fronte ao coñecemento que tiñan de Rosalía, adquirido no ensino regrado, descubriron agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como aparece no vídeo, conscientemente galega" 

Mais esta iniciativa promovida e patrocinada pola AS-PG non é algo isolado. Culmina, polo de agora, unha longa traxectoria, iniciada hai máis de 25 anos. Inclúe ese camiño obras que,  afastadas do sensacionalismo con que agora algunhas institucións contemplan a obra de Rosalía,  constituíron un fito na interpretación da obra rosaliana que foron postas á disposición do público lector pola AS-PG logo que editoras comerciais rexeitasen a súa publicación. 

Primeiro,  Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988), tese de doutoramento de Francisco Rodríguez -a primeira presentada nunha universidade galega sobre a escritora- que significou un salto cualitativo no coñecemento do mundo e da experiencia rosalianas; coñecemento e experiencias nas que se afonda con outro libro do mesmo autor, Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (A persoa e a obra de onte a hoxe).  

Mais tamén as tecnoloxías da información e a comunicación e as novas formas de lectura teñen atraído a atención da AS-PG para divulgar a obra rosaliana. Neste sentido, cabe salientar o portal titulado Daquelas que cantan (http://bitaculas.as-pg.com/literaria/) onde, semana a semana, se foron publicando todos os poemas de Follas Novas e Cantares Gallegos, con posibilidade de cada lector deixar o seu comentario particular, chegando deste xeito a unha "critica literaria" colectiva e non pautada por moldes académicos. Os dous textos citados, Follas novas e Cantares Gallegos, foron tamén publicados pola AS-PG en papel. 

"As tecnoloxías da información e a comunicación e as novas formas de lectura teñen atraído a atención da AS-PG para divulgar a obra rosaliana"

O interese da AS-PG por Rosalía levou a entidade a crear plataformas de relación aberta e de intención claramente pedagóxica e social, entre a sociedade e o sistema educativo, dando lugar a actividades tipo “cazas do tesouro” e outras destinadas ao uso escolar e mesmo a incluír no Trivial.gz, un xogo en liña con máis de oito mil usuarios e usuarias rexistradas, un tema sobre Rosalía con varios centos de preguntas.

De igual maneira que esta curta foi unha iniciativa non programada pola AS-PG, aínda que hai tempo que tiñamos pensado un documental sobre Rosalía, na liña dos que xa temos, e que poden ser visionados na web nesta  entrada, sobre Seoane, Castelao, Otero, Carballo, Cunqueiro ou Celso Emilio, tamén Os ollos que falan se debeu á iniciativa de Tempo Catro, e particularmente á das persoas que puxeron música aos textos, Andrés Pazos e Suso Iglesias. Esta música, e estes textos, serven de fondo musical a este video, na voz de Begoña Lorenzo, que tamén recita ao lado de Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Marica Campo, Andrea Ramos, Xabier Campos e Fran Barcia. A voz en OFF de Mónica Pérez contextualiza e enmarca os comentarios de  Pilar García Negro e Francisco Rodríguez, encarregados de derrubar os tópicos máis asentados sobre Rosalía e a súa obra.

Acredito que con traballos como os aquí mencionados, e con outros que a AS-PG está xa preparando, como o certame de curtametraxes Curtas para Rosalía,  a Galiza conseguirá proxectarse no futuro como a pensaba Rosalía, e nós, galegas e galegos do século XXI, deixaremos de ser estranxeiros na propria patria. 



x