Tristeza não tem fim, felicidade sim

Xoán Costa - Ensinante


Algúns lembramos o que foi aquel grande éxito de Palito Ortega, "la felicidad, ja, ja, ja". Logo chegou Rafaela Carrá con "Felicittà." E Vinicius de Morais (A felicidade é como a gota de orvalho nunha pétala de flor...)

Algúns lembramos o que foi aquel grande éxito de Palito Ortega, "la felicidad, ja, ja, ja". Logo chegou Rafaela Carrá con "Felicittà." E Vinicius de Morais (A felicidade é como a gota de orvalho nunha pétala de flor... Tristeza não tem fim, felicidade sim) E así fomos medrando. Sen máis. Sen que ningún organismo, nin público nin privado, se encarregase de medir o noso índice de felicidade. Mais iso acabou. Xa hai uns anos. O mercado ten que saber todo sobre nós. Controlar todos os parámetros. Se somos felices ou non. A que hora almorzamos e que comemos. Por iso, cada fin de ano aparezan múltiplos informes, resumos e avaliacións do período que remata e millentas previsións sobre as tendencias e as posibilidades do ano que comeza. 

"O mercado ten que saber todo sobre nós. Controlar todos os parámetros. Se somos felices ou non".

Un destes informes é o que avalía a felicidade no mundo. Si, a felicidade. Segundo o «Índice da Felicidade Mundial» (Happy Planet Index - HPI)) publicado anualmente pola New Economics Fundation, ONG asentada no Reino Unido, Costa Rica e Vietnam son os países que aseguran aos seus cidadáns as condicións de vida máis agradábeis e sustentábeis. Pola contra, Mali, Botswana e Chad ocupan, por esta orde, os últimos lugares dunha lista de 150 países. 

O HPI pretende ser unha alternativa ao índice do desenvolvemento humano (IDH) do PNUD (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento), pondo o acento sobre o impacto ambiental co obxectivo de relativizar os bos resultados obtidos polos países máis desenvolvidos en relación aos criterios adoptados para o cálculo do IDH. Criterios como a esperanza de vida e a satisfacción das necesidades sociais básicas (percepción do benestar). 

 "Moitas entidades están a nos acompañar no camiño da felicidade. E a medila. Aínda que algunhas sexan especialistas en lanzar bombas sobre as súas -e as nosas- cabezas"

Os resultados do informe HPI son sorprendentes. Sen dúbida. A Alxeria aparece como o país máis feliz de África e do mundo árabe; dos BRICS, os máis felices son a India e o Brasil; e o país da Amazonía é o mellor clasificado dos membros da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.
A maior parte dos países da África Subsahariana pertence ao grupo dos países "menos felices" mais non se preocupen, están en "boa compañía", xa que os Estados Unidos forman parte do mesmo grupo, o dos "infelices"; a Europa (incluíndo os países escandinavos), Canadá, Rusia e China están un pouco mellor situados na escaleta da felicidade e sitúanse no segundo grupo "menos feliz". En relación á percepción do benestar, o máis subxectivo dos tres criterios adoptados, o informe salienta que a liberdade política, a ausencia de corrupción e unha sociedade civil organizada e activa son máis determinantes do que o PIB dun país para a felicidade dos seus habitantes. Deste punto de vista, europeos e norteamericanos apreséntanse como os máis felices, con Dinamarca, Canadá, Noruega e Suíza no cume da táboa.

Así é o informe. Xa non temos que nos preocupar de máis nada. Xa podemos ser felices sabendo que nese empeño non estamos sós. Moitas entidades están a nos acompañar no camiño da felicidade. E a medila. Aínda que algunhas sexan especialistas en lanzar bombas sobre as súas -e as nosas- cabezas. Tanto dá. Os informes dirán que pertencemos ao grupo de felices. Aos máis ou aos menos, pero felices.



x