A vontade de termos futuro

Xoán Costa - Ensinante


A imaxe dunha crianza que dá os primeiros pasos, primeiros mais decididos,

 

A imaxe dunha crianza que dá os primeiros pasos, primeiros mais decididos, proxectando a sombra do seu corpo nun fondo verde en que salienta un mapa da Galiza, e o lema "Por unha Galiza con futuro", preside a mesa do VI Congreso da CIG-ensino.

Un congreso realizado só dous días despois de que máis de 65.000 persoas convocadas pola Plataforma galega en defensa do ensino público reclamamos na rúa, baixo a chuva, a retirada da Lomce. Daí que este asunto, a Lomce, tivese unha ampla presenza quer no informe de xestión da Executiva quer nos documentos a debate no propio Congreso.

Os datos dunha afiliación en crecemento e nunha franxa etaria maioritariamente situada por baixo dos 50 anos son garantía desa Galiza con futuro que serve de lema ao Congreso.

A contextualización da actual reforma educativa no marco das políticas económicas neoliberais, baseadas no predominio do capital financeiro sobre a economía produtiva e sobre as necesidades das maiorías sociais; a mercantilización e a privatización da educación, utilizando a crise como desculpa, non teñen outro obxectivo que privar de formación unha parte considerábel da poboación para así afianzar os mecanismos de explotación e de dominación, de propagación dos valores clasistas, relixiosos, competitivos e sexistas.

A análise rigorosa e clara deste contexto e dos propósitos en que se fundamenta a Lomce nos documentos congresuais e no informe de xestión xustifican por si sós o éxito da convocatoria de folga e axudan a explicar e comprender a implantación social do sindicato maioritario no ensino nos derradeiros 30 anos, desde que hai eleccións sindicais no ensino. Os datos dunha afiliación en crecemento sostido e nunha franxa etaria maioritariamente situada por baixo dos 50 anos, é garantía desa Galiza con futuro que serve de lema ao Congreso.

A crianza que camiña cara ao futuro, nunha Galiza en sombra, simboliza ben as prioridades do sindicato para os próximos anos. Verémolo no VII Congreso.



x