No Diario Oficial de Galiza de data 29 de Agosto de 2017 vén de publicarse o Decreto 81/2017, de 3 de Agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos. Coa creación desta Axencia, dependente da Consellaría de Economía e Industria, a Consellaría do Medio Rural queda baleira de contido e de orzamentos para levar adiante unha política de montes. Somentes queda nesta Consellaría o Servizo de defensa contra incendios forestais onde os orzamentos xa fican hipotecados dun ano para outro. A vella idea da industria forestal e da madeira, de impor a súa lei na política de montes que debe imperar na nosa nación, é unha realidade. Mais non mediante inter pares como até o de agora, senón directamente e sen atrancos de ningún tipo.

 

A Axencia Galega da Industria Forestal é considerada como interlocutor cualificado na elaboración dos instrumentos de planificación, ordenación e mellora dos aproveitamentos dos recursos forestais. E ao mesmo tempo é entendida como garante dunha xestión “sustentábel” (vivan os eufemismos!) dos terreos forestais. Será a encargada de outorgar e xestionar todas as axudas (agás as de prevención e loita contra os lumes forestais), relacionadas coa posta en valor dos montes.

 

A vella idea da industria forestal e da madeira, de impor a súa lei na política de montes que debe imperar na nosa nación, é unha realidade

 

Fica nas mans da industria forestal e da madeira o deseño do futuro do monte galego. Non somentes disporán das ferramentas de planificación e ordenación, senón que tamen terán a chave da caixa dos cartos. Se algún titular dun monte (sexa particular ou veciñal) quere ser beneficiario dunha axuda pública, non pode selo para pór en valor o monte que el decida. Pode solicitar a axuda para pór en valor o monte que decida a industria forestal e da madeira.

 

A finalidade da Axencia Galega da Industria Forestal é a de actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio das súa funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal. Un dos seus obxetivos é a promoción dos cultivos enerxéticos, aínda que -seguindo cos eufemismos- eles falan de “solucions estruturais verdes que contribúan co ambiente”. É de todos coñocido que o monte que ten deseñado a industria da madeira e forestal é un monte somentes forestalista a través da plantación de especies de crecimento rápìdo e de cultivos enerxéticos. Boa proba diso é o ataque feroz que lle lanzaron a Consellaría do Medio Rural cando tentou de xeito tímido (case insignificante) regulamentar as novas plantacions de eucaliptus.

 

A Axencia Galega da Industria Forestal finiquita a posibilidade de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentabel axustado en primeiro lugar ás demandas da veciñanza comuneira e, en segundo lugar, axustado ás demandas da sociedade galega no seu conxunto. Un modelo de monte eficaz a medio e longo prazo na loita conta os lumes forestais, xa que ataca as causas estruturais que os provoca.

 

A Axencia Galega da Industria Forestal finiquita a posibilidade de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentabel

 

Para a industria da madeira e forestal (se se quere, para o Partido Popular que os ampara), non é suficiente dispor das ferramentas e dos cartos para impor o seu modelo de monte. Queren tamén poder facelo de xeito prácido e cómodo. E se hai que pasar por riba dos principios de participación e da democracia, pois pásase. Só así se pode entender que todos os compoñentes do Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal sexan representantes das administracions (10 da Administración Autonómica e 1 da Administración local). Nin representación dos sindicatos nin das entidades medioambientais nin dos colexios profesionais. Por non haber, nen hai representación dos titulares dos montes.

 

A creación da Axencia Galega da Industria Forestal, facendo un símil cinematográfico, semella aquelas escenas dunha das películas dos Irmáns Marx, onde buscaban madeira de calqueira sitio para manter o lume. E logo virán os creadores políticos da Axencia Galega da Industria Forestal a se laiaren hipocritamente de que os lumes forestais arrasan co territorio galego. Daquelas choivas, estas lamas.



x