O Plano Forestal de Galiza non é un plano de ordenación. Está considerado como un plano reitor de carácter estratéxico para a planificación e a execución da política de montes no territorio galego. Ten rango de Decreto e, polo tanto, será aprobado polo Consello da Xunta. Un documento estratéxico que afecta os 2/3 do territorio galego, vai ser aprobado sen debate parlamentar e mesmo sen debate sectorial. É certo que no debate previo participaron as entidades e organizacións relacionadas co monte e co medio rural, que forman parte do Consello Forestal. Non cabe dúbida de que estas entidades e organizacións son representativas. Mais no Consello Forestal non están representadas todas as entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o monte e o medio rural. Por pór dous exemplos, non están representados nin os sindicatos agrarios nen as centrais sindicais.

 

A Consellaria do Medio Rural xa ten aprobado o texto para a Primeira Revisión do Plano Forestal de Galiza (o de aínda estar en Borrador é un trámite burocrático que ten que pasar). No que fai respeito ao monte veciñal en man común o documento para a revisión do plano forestal de Galiza é nítido. Plantexa sen ningún subterfuxio a eliminación da figura singular dos montes veciñais en man común, co fin de proceder á sua incautación e a entregarllos case debalde ás empresas forestais privadas. Por dicilo dun xeito sinxelo, esta revisión do plano forestal de Galiza pon o ramo que viñan buscando dende fai tempo os intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos. Isto é, a privatización dos montes veciñais.

 

O texto plantexa a eliminación da figura singular dos montes veciñais en man común, co fin de proceder á sua incautación e a entregarllos case debalde ás empresas forestais privadas

 

Os ideólogos neoliberais, como os que redactaron o texto para a primeira revisión do plano forestal de Galiza, saben que a lingoaxe non é neutra, que encerra unha ideoloxía. Saben que a mellor forma para que desapareza unha cuestión é deixar de nomeala polo seu nome. Rebaptizala. Neste documento, os montes veciñais en man común transfórmanse en montes colectivos. Equiparándoos aos montes das Sociedades de fomento forestal, aos montes de varas e aos montes españois de socios. Como se poden equiparar estes tres últimos tipos de montes, que son montes de titularidade privada, cos montes veciñais en man común que son de titularidade comunitaria? Non se pode. Fano para autoxustificarse e así ter máis doado o seu obxectivo central, sacarlle estas terras comunitarias á veciñanza comuneira. Deste xeito, os montes veciñais en man común deixan de ser outra forma de posuír que temos os galegos e as galegas, unha seña de identidade da nosa nación. Serán como os montes de socios da provincia española de Soria.

 

Os ideólogos neoliberais, como os que redactaron o texto para a primeira revisión do plano forestal de Galiza, saben que a lingoaxe non é neutra, que encerra unha ideoloxía

 

Os redactores do texto (a Consellaría do Medio Rural) para a primeira revisión do plano forestal de Galiza, na súa fixación enfermiza de incautar monte veciñal en man común para entragarllo debalde ás empresas forestais privadas (eles usan e eufemismo”xestión profesionalizada”), non se paran en barras. Válelles todo. Válelles que unha comunidade de montes se retrase un chisco na elección da nova xunta reitora. Válelles que logo dunha noite de alegría calquer alto cargo da consellaria competente en materia de montes se levante eufórico/a e diante dun bombo con números e diga ”imos hoxe a incautar 5 montes veciñais porque o precisan as empresas forestais”. Mesmo válelles que unha comunidade de montes infrinxa algún preceito da lei de montes ou da lei de prevención de lumes forestais. Estamos diante dunha aberración xurídica. Até o de agora, a infracción dun preceito da lei levaba, como é lóxico, unha sanción. Agora leva tamén á perda da xestión das súas terras. Curiosamente, esta aberración xurídica non se lle aplica nen aos montes de particulares nen aos montes de varas nen aos montes das sociedades de fomento forestal. Somentes se lles aplica aos montes veciñais en man común. Queda algunha dúbida do obxectivo da Consellaría do Medio Rural? 

 

Até o de agora, a infracción dun preceito da lei levaba, como é lóxico, unha sanción. Agora leva tamén á perda da xestión das súas terras

 

A todo isto hai que engadir o cinismo co que foi redactado este Borrador. Namentras neste documento di que se establecerá o procedemento para as posíbeis declaracións dun monte veciñal en estado de grave abandono (cousa que semella lóxica) o Partido Popular, en solitario, vén de aprobar no Parlamento Galego a Lei da Acompañamento mediante a cal modifícanse varios artigos da lei de montes veciñais en man común actualmente vixente. Mediante estas modificacions  os montes veciñais en mán común, e a partir dos criterios que mellor entendan os xestores do Banco de Terras (é dicir, de xeito arbitrario) ,poden ser declarados en estado de grave abandono. Esta declaración siñifica a incautación deste monte veciñal para entregarllo a unha empresa forestal nada máis e nada menos que por un periodo de 50 anos. Convirten en lei unha proposta que aínda está en borrador .

 

Os redactores do borrador para a primeira revisión do plano forestal de Galiza -alumnos (ou profesores) do candidato do Partido Popular á presidencia de Catalunya- puxéronse diante do papel e lanzaron a consigna: A por eles, a polos montes veciñais. Se cadra pódelles pasar o mesmo que ao candidato do Partido Popular, cair derrotado. Isto é moi posíbel, xa que a defensa dos montes veciñais en man común depende de nós. Da veciñanza comuneira, da maioría social do pobo galego.

 



x