A convalecencia dunha doenza doa posibilidades gorenteiras e insospeitadas. Permite recapacitar con profundidade encol de temas que sempre asaltaron o ser humano, a fugacidade da saúde e, por conseguinte, da vida. Ademais ofrece tempo dabondo para dedicarse a lecturas, moitas veces aparcadas no garaxe da desidia por mor dos inmediatos imperativos cotiáns da existencia. 

Xa fai algúns anos lin o ensaio El crepúsculo del deber: La ética indolora de los nuevos tiempos democráticos, do filósofo e sociólogo francés Gilles Lipovetsky, publicado no ano 2005 en castelán, aínda que a edición orixinal pertencía a 1991. O autor recoñecía que a sociedade actual posuía una ética débil e mínima  e o “deber” sostido por criterios razoados e xerador de virtude, a partir da posmodernidade fica relevado polo pracer que procura a felicidade individual e subxectiva. Gilles analizou tamén outros temas recorrentes e moi vinculados e moi presentes na sociedade,  chamada posmoderna, como o narcisismo apático, o consumismo, o hiperindividualismo, a deserción dos valores tradicionais, a cultura de masas e a súa indiferenza,  a abolición do tráxico, o hedonismo instantáneo, a perda e fraxilidade da conciencia histórica, a moda e o efémero, o culto ó ocio e a cultura como mercadoría e a pose social. 

Estas tardes outonais, asoballadas pola chuvia e polo vento, ofrendáronme a oportunidade de acercarme a outro pensador,  un filósofo polaco, Zygmunt Bauman (Poznan, 1925), que incide en facianas xa analizadas por Gilles, pero afonda noutras

En marzo deste ano saíu do prelo un libro seu, sorprendente e desacougante, titulado A Cegueira moral. Denuncia a insensibilidade e o deterioro moral progresivo que, segundo el, estase  convertendo en algo inherente ao noso tempo.

Para identificar o que está acontecendo, Bauman bota man dun neoloxismo grego, Adiáfora, que define como o feito de situar certos actos ou categorías de seres humanos fóra do universo das  avaliacións e obrigas morais. Segundo Bauman, a ética non existe para certos eidos do quefacer e do comportamento humano. Os actores de eses campos, p.e. os da política, ignoran ou prescinde de todo compromiso moral. Poden facer o que queren e lles convén aos seus intereses, sen que se lles ocorra nin permiten que a outros se lles ocorra intervir para sancionar os seus comportamentos corruptos.

Bauman bota man dun neoloxismo grego, Adiáfora, que define como o feito de situar certos actos ou categorías de seres humanos fóra do universo das  avaliacións e obrigas morais

Semella que Bauman se inspirou no Estado español para escribir sobre a cegueira moral, onde se empoleiran no poder coñecidos políticos e administradores públicos, envolvidos por tódolos poros do corpo nunha corrupción sistémica. O sociólogo polaco parece que tamén previu o que ía a acontecer nos EEUU, ca inesperada subida ó trono imperial de auténticos “trampulleiros”, cuxos únicos fundamentos morais son a defensa do dereito inalienable de cada un a facer o que lle dea a gana, e fritir aos que non comungan cas súas ideas, segundo o xornalista Pablo Pardo. E se os Fados non o remedian a epidemia pode ampliarse, pois dicía un xesuíta, coñecido meu e xa finado, ”estamos mal, pero temos a esperanza de estar peor”. 

Mais a cegueira non só se acha nos ollos morais dos actores mencionados, está tamén contaxiándose a toda a sociedade, que contempla pasiva e permisiva a corrupción e non fai ren para impedila, incluso a cegueira é tan intensa que á hora das eleccións para escoller aos responsables políticos os cidadáns non son capaces de ver que volven a elixir aos mesmos corruptos, que lles roubaron o diñeiro, as oportunidades e a esperanza. Polo tanto, segundo Bauman, a sociedade semella atoparse nun estado de aboubamento, perdeu a sensibilidade moral e olla como normais feitos, autores e comportamentos que lle fan un dano grave a todos.

A cegueira é tan intensa que á hora das eleccións para escoller aos responsables políticos os cidadáns non son capaces de ver que volven a elixir aos mesmos corruptos

Esta sensibilidade adurmiñada realiméntase co comportamento insólito de moita xente, tamén nenos e adolescentes, que gozan dedicando o seu tempo libre, de entretemento e acougo, pagando diñeiro, para ver sen présa violencias, mortes, asasinatos, crimes, destrucións masivas, violacións en películas de cine e de televisión, que ofrecen con descaro a crueldade e o terror, convertidos en espectáculo. 

Estamos bombardeados por innumerables e constantes estímulos de tal xeito teimudamente insistentes que a nosa sensibilidade remata por desfigurarse e acostumarse a mirar o sufrimento tráxico dos demais sen que a nosa conciencia e afectividade se vexan inquietadas ou dalgunha maneira implicadas. O sufrimento de moitas persoas da nosa contorna social resulta esbrancuxado e irrelevante  para as sensibilidades aboubadas e ofuscadas.

A postmodernidade depuxo do seu catafalco a deusa razón e instalou o sentimento e o pracer no seu trono, alimentados por un consumo atroz. A hipermodernidade capitalista neoliberal está acelerando o consumo de tal xeito que xa superou a simple adquisición de consumo material e empurra a sociedade actual á procura, ás veces compulsiva, do consumo de emocións, a cada paso máis exóticos e extravagantes, turismo erótico, turismo de aventuras, consumo de drogas, espectáculos de terror.

A ética debilitouse tanto que estamos cegos e nin a vemos, nin a precisamos nin a botamos de menos, prescindindo, polo tanto, dela. As normas do deber deveñen ríxidas, a virtude é cousa do pasado. O que importa é o pracer persoal vivido a xeito de individualismo excluínte. É tan exclusivo que non asume responsabilidade nin compromiso nin sequera coa parella na experiencia do amor. A volatilidade é o pan noso de cada día en tódalas facianas da vida. 

A ética debilitouse tanto que estamos cegos e nin a vemos, nin a precisamos nin a botamos de menos, prescindindo, polo tanto, dela

Estas reflexións son as máis interesantes que poden extraerse da apaixonante lectura do libro de Bauman, un lúcido ancián que brinda un análise clarividente da sociedade actual dende unha ollada preocupada e comprometida. Como historiador só podo engadir que, mutatis mutandis e salvando os valados do tempo, a conxuntura de hoxe lembra moito a situación dos anos 30 do século pasado, previa á II Guerra Mundial. Non son profeta nin quixera ser paxaro de mal agoiro, pero estamos aínda no intre de tomar medidas axeitadas para recompoñer a retina desta cegueira.

Os riscos desta cegueira moral, ou sexa, dunha sociedade sen ética son tan graves, que xa os sociólogos, filósofos e intelectuais están alertando dos perigos que esta situación conleva. Nese sentido o fai Adela Cortina no seu libro Para que serve a ética.

Esta cegueira moral explica moitos comportamentos electorais recentes que doutro xeito son inexplicables.