Tanto Marx como Engels alertaron en 1879, sobre o desviacionismo do Partido Socialdemócrata Alemán (SPD), cando algúns dos seus dirixentes pretenderon que o proletariado non debía espertar o odio da burguesía e que sería convinte non asustala con accións revolucionarias, senón atraela con reformas remendo pequenoburguesas. Velaí o horizonte extraordinariamente hostil ao socialismo encarnado por Marx e Engels que marcaban os seus dirixentes Carl Kautsky, con posturas oportunistas, como ideólogo centrista da socialdemocracia e Eduard Bernstein, revisionista do marxismo. Os dous sempre de maos dadas, nas concepcións burguesas de instrumentalizar a desfeita do proletariado. En 1892, Engels falaba de dúas clases de socialismo: “Socialismo consciente e inconsciente, socialismo en prosa e en verso, socialismo da clase obreira e socialismo da burguesía. En efecto, o socialismo, horror dos horrores, non só se volveu moi respectábel, incluso viste frac e deíxase caer neglixentemente nos diváns dos salóns mundanos. Isto demostra novamente a incorrixíbel veleidade da opinión pública burguesa, ese terríbel déspota da ‘boa sociedade’; co que fica xustificado unha vez mais o desprezo con que nós, os socialistas da pasada xeración, a tratamos sempre”.

Evitando os tópicos e os prexuízos que hai ao interpretar a xeración socialista de Marx e Engels e a de Kautsky e Bernstein, o oportunismo e o revisionismo destes dous últimos encarnan a domesticación do proletariado, en certas particularidades, como é a de  concederlles migallas edulcorantes, que coincidían coas posturas clasificadas na encíclica Rerum novarum de León XIII, postulando: “Non realizar violencia contra os amos e non prexudicar, de modo algún, a propiedade privada”. Este argumento do imposíbel, no contexto de loita de clases, co tempo foi arredando a dirixentes obreiros ao ideario socialdemócrata kautskysta e bernsteista, revisado e vixiado baixo posturas oportunistas, introducindo ingredientes burgueses, neste confuso amoado de guiso que cociñaron os que renunciaban ás esencias marxistas, que se deu no perídoo entre guerras do século XX, defraudando e debilitando millóns de asalariados con sentimentos socialistas. Velaí o triunfo omnímodo dos monopolios e da clase capitalista, concedendo privilexios á clase política, chamada socialdemócrata e a non poucos dirixentes sindicalistas adheridos á mesma.

O oportunismo e o revisionismo de Kautsky e Bernstein encarna na domesticación do proletariado

Se entramos en estudos confidenciais, dados á luz, sobre o transvase de oportunistas na socialdemocracia europea, non estaremos observando o ego de minúsculos monifates, senón visualizando as elites económicas como impuxeron o seu statu quo e mobilizaron os seus tentáculos, valéndose de dirixentes disfrazados de esquerdismo. Exemplo: Albert Lebrun, presidente francés de 1932 a 1940, da “Alliance Républicaine Démocratique”, foi o presidente da dereita, travestido de esquerdista, que acostumaba a dicir: “Non estou para destruír as clases dominantes, senón para transformalas”. Parte do discurso de Lebrun, aínda permaneceu no radio xiratorio da estirpe socialdemócrata dos Willy Brandt, dos Tony Blair, dos Mário Soares, dos Bettino Craxi, dos François Hollande, dos Felipe González. Como non, ese González que renunciou ao marxismo e agora pide facer alianza bipartidista entre o PSOE  e o PP, para gobernar ao estilo do SPD co CDU, polo perigo da desbandada socialista. Todos eles líderes da socialdemocracia, tan respectuosos e dinámicos coa evolución dunha Europa reaccionaria e co sistema de crise que o capitalismo creou e desenrolou, nos tempos actuais. Mais non unha crise de superprodución, ao estilo clásico do século XIX, senón creando unha crise en función da era cibernética e do dominio global, de transformación e dominio do novo modelo de produción e distribución capitalista. Nesa evolución do novo imperialismo económico e financeiro, atopamos o actual modelo de empobrecemento, insolidariedade, e explotación das clases mais deprimidas europeas. Nesta situación, vemos a socialdemocracia compartindo co sistema a proliferación da hecatombe.

Felipe González renunciou ao marxismo e agora pide facer alianza bipartidista entre o PSOE e o PP

Neste estadio de polarización, entre clase dominante e dominada, é visíbel a colisión en diversas escalas de conflito sociais e económicos. Actualmente no Estado español, os cambios que se están producindo contra a santa alianza de intereses entre a socialdemocracia e os poderes económicos, representados e escenificados polo PSOE e o PP, respectivamente, con posturas bunkerianas. Aínda que temos que distinguir entre a elite dominante socialdemócrata e a clase traballadora que aínda a sustenta. Mais o xiro copernicano é ben evidente, dos que perderon o seu traballo e poder adquisitivo, procurando outros conceptos e contidos políticos, engadindo o ideolóxico que a socialdemocracia desvirtuou con súas actuacións. Estamos ante a aparición de novos modelos de sociedade, non previstos polos que predominaron no poder. A ascensión de novos partidos están producindo unha eclosión inaudita e desafiante en todo Europa, unha verdadeira ameaza para os partidos tradicionais e dominantes que sucumbiron ante esa metástase incurábel.

Cando a sociedade ten o temor de estar confundida, ao ver onde acaba a dereita e comeza a esquerda, e viceversa, adopta o silencio e o distanciamento, un castigo moi cruel e cunha factura moi custosa. Cando vemos un Bono co paso cambiado ou Paco Vázquez, de revolucionario guerrista, servíndose do voto da dereita e converténdose en servidor do Estado “aconfesional” entre solideos e púrpuras vaticanas, é frecuente que desoriente o incondicional rabaño. Ou as disensións entre colegas do PSdeG-PSOE, por ocupar postos de dirección e representación, como aconteceu nas últimas eleccións autonómicas da Galiza, onde os intereses que emanan do poder non sexan os mellores conselleiros para as hostes de Abel Caballero, fronte ao aparello da dirección do pesedegá. Espectáculos que negan os valores sociais e democráticos dun partido mal chamado de esquerda. Neste sentido, non deixa de ser frecuente que a sociedade que se debruza sobre este tipo de feitos, despois de escandalizarse abandone o escenario e, tal vez, repetindo as palabras de Unamuno, diga: “Venceréis, pero no convenceréis”.            



x