Pode que un teña saudades daquela Compostela con identidade e respiros galegos, que moitos notamos a faltar, fronte a ese enorme volume de turistas desordenados que absorben a autenticidade das cousas, e son capaces de desconfiguralas e depredalas dunha maneira sorprendente, que rematan por integrarnos, dunha maneira pasiva, nese desorde da Babel bíblica, que hoxe representa Santiago de Compostela. O desorde é progresivo sen que ninguén alerte desa aglomeración que continúa erosionando a fidelidade identitaria desa Compostela milenaria, con respiros universais que se foi deteriorando de mil maneiras. A Compostela de rigor cívico e místico perdeu a súa autenticidade e, porque non, a súa autoridade de ser ela mesma, brasón identitario da Galiza, da fala e da cultura. Hai anos que un escoitaba os acentos do noso idioma polas rúas composteláns, hoxe vese engulida por outros acentos que restan á apoteótica cultura orixinal da Galiza, inmorredoira e popular. Os barullos desordenados fomentan inquedanza en nós, os que vemos que a nosa Compostela fica alterada dunha maneira brutal, sen que ninguén poña coto ao desconcerto que produce a masificación que invade unha cidade tan agradábel e tan chea de encantos como era Compostela. Unha cousa eran os visitantes ordenados e descubridores da autenticidade dos monumentos e da personalidade que emitía esta cidade. Outra ben distinta son os turistas que crean hábito de desorde. As cidades ou complexos monumentais como o compostelán, están para observalos e dialogar con eles, como froito dunha cultura identitaria e non só para almacenala en vídeos e fotografías.

 

O predominio do foráneo prima xa mais que o que debemos cultivar os de dentro, os galegos. Se damos un percorrido polo epicentro da cidade, a catedral, veremos o desorde servido en tantos desusos que nos privan de saborear o calor desa autenticidade galega que respira o románico de Mateo, anunciando novos tempos con recursos propios dentro da universalidade xacobea. O panteón de raíñas e reis da Galiza que deron futuro á nosa nación nos séculos XII e XIII, e agora eses rótulos infórmannos de que eran de León. A historia secuestrada. O idioma tamén, ignorado nas pantallas das naves, nos anuncios, etc., así como os oficios relixiosos están en diversos idiomas europeos e en castelán, o galego non aparece por ningún lado. A Igrexa compostelán, mais que desatendendo, está ignorando o idioma orixinal do noso pobo, o que falaron eses reis e algúns arcebispos, como Manuel Lago González. Señores xerarcas, volvan ao rego comunitario e sexan orixinais falando galego á comunidade relixiosa, en algunha desas capelas reservadas aos idiomas estranxeiros.

 

Retomen o idioma da Galiza, no que cantaron os trobadores composteláns e procuren a cantiga premonitoria de Airas Nunes, a ver se os reconduce, señores xerarcas, a lexitimar a verdade  advertida por Airas Nunes: “Porque no mundo mengou a verdade, / punhei um dia de ir buscar, / e, u por ela fui [a] preguntar, / disserom todos: -Alhur la buscade, (...) Nos mosteiros dos frades negrados / a demandei, e disserom-m’assi: / -Nom busquedes vós a verdad’aqui”.  Señores da clerecía non se enroquen no famoso versículo de S. Xoán 18, 36: “O meu reino non é deste mundo”. Volvan á realidade e pode que a verdade os asista.            



x