Conmemorar estas dúas figuras defensoras e proteccionistas do medio ambiente é unha obriga na toma de conciencia ecolóxica e na denuncia global contra a alteración do planeta, por parte dos que o degradan dunha maneira ininterrompida e sistemática. Tanto Henry David Thoreau (1817-1862) como Rosalía de Castro (1837-1885), constatan as benquerenzas coa natureza e a comuñón posíbel cos espazos ecolóxicos, continuamente depredados por intereses económicos que continúan intensificando ozono e producindo cambios climáticos, dunha maneira violenta. A Henry David Thoreau e a Rosalía de Castro úneos ese matiz defensivo e proteccionista do ecosistema que eles estimularon a salvagardar a inmensidade de bosques e de paisaxes, intervindo dunha maneira pragmática en favor das bondades dos bosques, como sustentadores do clima: cordón umbilical ao que estamos ligados ininterrompidamente coa natura. Ademais, a Thoreau e a Rosalía úneos este mes de xullo. En Thoreau celebramos o día 12 o seu bicentenario, en Rosalía lembramos o día 15 o 132 aniversario do seu pasamento. Dúas datas que nos serven, como pretexto, para incidir nestas dúas figuras universais, que configuraron nas súas obras a defensa do ecosistema fronte aos intereses destrutivos do século XIX, que lles tocou vivir.

 

A Henry David Thoreau e a Rosalía de Castro úneos ese matiz defensivo e proteccionista do ecosistema

 

O libro Walden de Thoreau, como En las orillas del Sar de Rosalía, catapúltanos cara a unha realidade que incide en coidar o planeta, ese macrocosmos de que dependen millóns de microcosmos. Esa diversidade tan afectada polas agresións que produce o sistema capitalista e polas violentas respostas que a natureza dá contra quen a agride. Na lagoa de Walden, no condado de Concord (Massachusetts), no que concerne aos tratados naturalistas de Thoreau, vemos claves e respostas conxuntas, de carácter universalista que, tamén, se concretan no río Sar, observado por Rosalía, en Padrón. Dous analistas da depredación do medio no que habitan, mobilizados interesadamente, e que prognostican, tanto en prosa como en verso, as nefastas aventuras en que o capitalismo se apropia do medio afectando a súa sustentabilidade, como mantén Thoreau no caso norteamericano. Rosalía tamén detecta o abandono dos bosques e de outros espazos naturais por causa da emigración e, tamén, o corte indiscriminado das árbores autóctonas da Galiza. Que diría hoxe Rosalía desas plantacións de eucaliptos introducidos no noso país a principios do século pasado, ou os incendios masivos que desarticulan o noso medio e a nosa paisaxe! Supoñemos o que ela escribiría.

 

As observacións son moi paralelas entre Henri David Thoreau en Wolden e Rosalía de Castro, En las orillas del Sar

 

As observacións son moi paralelas entre Henri David Thoreau en Wolden e Rosalía de Castro, En las orillas del Sar, nas que magnifican as virtudes do home antigo en harmonía coa natureza. Aínda mais, estes dous autores coinciden co pensamento grego de Homero, Píndaro, Sócrates, Foción e Aristóteles, sobre a esfera visíbel da xeografía e do clima, na Grecia clásica e a fatalidade do ser humano cando este trata de someter a natureza por avaricia. Neste sentido, Thoreau pregúntase en Walden: “Por qué debemos vivir con tanta présa e desperdiciando as nosas vidas? Estamos decididos a morrer de fame antes que estar famentos". Na mesma dirección, persiste Thoreau: “Cando andamos sen présa e con sensatez, percibimos que só as cousas grandes e dignas teñen unha existencia permanente e absoluta”. 

 

Nesta persistencia existencial das grandes e dignas cousas, encontramos unha Rosalía contundente coa depredación da natura na Galiza. No poema Los Robles, en que nos fala da alma dos tempos que foron os que lle tocou vivir a ela, advertiu: “Bajo el hacha implacable, ¡cuán presto / en tierra cayeron / encinas y robles!; / y a los rayos del alba risueña, / ¡qué calva aparece / la cima del monte! / Los que ayer fueron bosques y selvas / de agreste espesura, / donde envueltas en dulce misterio / al rayar el día / flotaban las brumas, / y brotaba la fuente serena / entre flores y musgos oculta, / hoy son áridas lomas que ostentan / deformes y negras / sus ondas fisuras”. Co caos da degradación na denuncia pragmática de Rosalía, fronte á ausencia de políticas axeitadas ao noso medio, Rosalía saíu ao rescate da flora e da fauna, esclarecendo a diversidade e autenticidade do espazo galego, como nos lembra nestes versos: “Torna, roble, árbol patrio, a dar sombra / cariñosa a la escueta montaña”. Mais os apelos da nosa poeta nacional fainos con conciencia e hostilidade contra os agresores da natureza e dunha maneira instintiva. En Rosalía e Thoreau, o home e a natureza están indivisibelmente unificados. Mais as particularidades poéticas rosalianas gozan dunha sublime elevación cando rescata o ar, o sol, os ríos, as montañas e os coloca nun amplo espazo poético como necesidade a non alteralos nin profanalos. Como podemos ver nestes versos: “¡Profanación sen nombre! Dondequiera / que el alma humana, inteligente, rinde / culto a lo grande, a lo pasado culto, / esas selvas agrestes, esos bosques / seculares y hermosos, cuyo espeso / ramaje abrigo y cariñosa sombra / dieron a nuestros padres, fueron siempre / de predilecto amor, lugares santos / que todos respetaron”.

 

Tanto Rosalía como Thoreau beberon das fontes clásicas greco-latinas, renacentistas e, aínda, do barroco naturalista, no que os vencella a natureza e nela procuraron seu apousento. Nesta dimensión, os dous encóntranse co poeta inglés William Habbington (1605-1654), aquel humanista e naturalista que reiterou na súa obra: “Volta a ollada cara ti mesmo e atoparás / Mil rexións do teu espírito”. E nesta corrente de Habbington chegamos a Walt Whitman, ao filósofo estadounidense Ralph Waldo Emerson e, sen dúbida, a Henry David Thoreau. Todos eles defensores da natureza, cando esta daba os primeiros avisos da súa depredación, causada polos desastres ecolóxicos que se producían nos países industrializados. Na Galiza preindustrial, cunha sociedade ruralista, emerxeu Rosalía e proclamou as máximas de protección e denuncia que detectamos no poemario En las orillas del Sar, entre outros libros.

 

Entre Thoreau e Rosalía, encontramos outras afinidades alén da temática medioambiental, ecolóxica e panteísta

 

Entre Thoreau e Rosalía, encontramos outras afinidades alén da temática medioambiental, ecolóxica e panteísta. O libro de Thoreau Desobediencia Civil, cimeira do pensamento antiautoritario do século XIX que abriu unha longa ruta de desafíos contra o dominio dos que dominan o planeta e en favor da xustiza social popular. Neste punto hai coincidencias co que Rosalía expón no seu poema de Follas Novas “A xusticia pola man”. Un poema antisistema e contrario ás estruturas dos estados totalitarios, con achegos ás definicións de Desobediencia Civil,  que Thoreau escribiu con anterioridade a ter encetado Rosalía a súa obra. Que, de seguro, Rosalía non coñeceu a obra do naturalista norteamericano. Mais sirva de homenaxe este reencontro de ideas e de críticas precursoras do que no presente está sucedendo no sistema medioambiental e na coincidencia da data da nacencia de Thoreau e no falecimento de Rosalía.



x