Así comeza e remata a Oda a Espanya, que compuxo o poeta Joan Maragall en 1898, ano da independencia de Cuba. Un poema que nos resulta premonitorio do que actualmente acontece en Cataluña. Ese “escoita España” e “adeus España” non deixa de ser unha advertencia moi seria por parte dun intelectual involucrado na devolución da personalidade e das institucións nacionais de Cataluña, prohibidas, castradas e masacradas pola ocupación castelá de Felipe V, en 1714, e as substanciosas represións contra as diversas reivindicacións que os cataláns realizaron desde a data citada até hoxe. Neste contencioso, a resposta do centralismo mesetario sempre tivo un activo militarista, mais de ameaza que de intervención, a excepción da guerra civil española. Parece que agora as medidas a tomar subiron de grado, ameazando Cataluña co famoso artigo 155, sobre a Organización Territorial do Estado, integrado na Constitución Española de 1978. Indirectamente están aplicando esta cláusula coa presenza de oitocentos gardas civís e policías, chegados a Cataluña de diversos lugares do Estado español. Unha pose de advertencia tipificada na manu militari, fronte aos organizadores do referendo do 1 de outubro, e de millóns de cidadáns de Cataluña que demandan un referendo democrático, que lles é negado.

 

A demanda ecuánime da cidadanía catalana, de querer votar un tema como é o de poder decidir o seu futuro e aceptar o si ou o non que manifesten as urnas, tópase coa intransixencia do goberno do PP, enrocado nos mesmos preconceptos militaristas, aceptados como idea transgresora, por aqueles políticos conservadores e liberais que acataron a fórmula decimonónica da unidade invariábel dun patriotismo españolista e extirpador da diversidade ibérica, ben contraria á idea federalista que a I República proclamou e protexeu, e a II República negou, creando os concertos autonómicos que entronizou na Constitución de 1931. En todos estes espazos históricos, Cataluña estaba presente como parte contraria ao statu quo dun Estado omnímodo que se impuxo pola prédica e pola forza, contra as súas lexítimas reivindicacións. O ouveo da prepotencia gobernamental continúa sonorizando ameazas, contra algo irreversíbel como é a incontinencia da voz dos cataláns, que flúe da autoestima e da normalización dun país que quere ser libre e pór en uso as urnas.

 

A demanda ecuánime da cidadanía catalana, de querer votar un tema como é o de poder decidir o seu futuro e aceptar o si ou o non que manifesten as urnas, tópase coa intransixencia do goberno do PP

 

O Escolta Espanya de Joan Maragall continúa tendo un sentido moral e defensivo do pobo catalán expresado en 1885, cando enviou a Alfonso XII, o famoso e rotundo Memorial de Greuges (Agravios), que o poder central ignorou, os diversos contidos reivindicativos nacionais, sociais e económicos que se manifestaban nese histórico documento. Por tanto, o Memorial de Greuges marca un inicio sen regreso para os dereitos reclamados polo pobo catalán que foi definíndose nun in crecendo imparábel, que ningún goberno cabal non pode ignorar. Mais a miopía desta dereita bunkeriana abriu varias frontes, prohibindo votar, intervindo as contas e  paralizando os pagos que corresponden á Generalitat. O inmobilismo da autarquía política decimonónica fai acto de presenza nesa exhibición de forza, mobilizando unha institución independente como é a de xustiza e, tamén, cando o problema é político. Menosprezar o diálogo e tomar este tema con pedantería ten os seus riscos. Utilizar políticas e medios de difusión adheridos ao goberno, desde un amplo círculo propagandístico contra Cataluña, é o mellor exemplo separatista fomentado desde o poder centralista mais casposo. Sabemos do empeño que certos xornais lanzan obsesivamente seus panfletos contra Cataluña. Unha cousa é discrepar, e outra ben distinta é mentir e incitar a crear un clima perverso contra os cataláns, dunha maneira insidiosa. 

 

Neste contencioso, os agravios tomaron outra ruta provocadora. Apróbase un Estatut -lembremos- e o PP levouno ao Constitucional por non estar da cordo con certas cláusulas e premisas, o Constitucional despois dunha tardanza de tres anos invalida as mesmas, cando a Andalucía e a Valencia se lles considera válidas e lexítimas. Esta provocación tivo resposta. Mais dun millón de persoas manifestáronse en Barcelona, baixo o lema: “Adéu Espanya!” Aquí remata a Oda a Espanya, ese “Adéu” apoteósico encetaba unha novo proceso para Cataluña, que continúa sendo ignorando polos que gobernan o Estado español. A negativa pode que sirva de preludio de acontecementos imprevisíbeis e non desexados. A improvisación, nun caso como o catalán, págase caro. Hai tempo que o goberno central e os partidos que lle prestan o seu apoio non se decatan de que os cataláns teñen un plan A, B, C, D, cada un con diversos apéndices, cando falle un plan teñen outro que o substitúa.

 

Unha cousa é discrepar, e outra ben distinta é mentir e incitar a crear un clima perverso contra os cataláns, dunha maneira insidiosa

 

O medo centralista a perder Cataluña increméntase con esa hostilidade de negar as evidencias, optando pola instigación e non polo diálogo, tiñan que aprender máis dos canadenses e dos británicos en non negar o plebiscito aos quebequeses e aos escoceses, respectivamente. Con todo ese despregue de forzas e de impedimentos xudiciais tentan non permitir un referendo democrático, lapidando a vontade popular dos cataláns. É evidente que o desafío se agranda e o día 2 de outubro comezará o plan B ou o C. Os cataláns son pragmáticos na creación dos tempos e no control dos espazos políticos. Todos sabemos, pola experiencia de Irlanda, Polonia, Finlandia e outros países, que as súas respectivas independencias as conquistaron pola violencia, sería inadmisíbel que se chegara a estes extremos, extraordinariamente nefastos, por falta dun diálogo concertado e didáctico que provoque cambios constitucionais que admitan un novo concerto constitucional onde a pluralidade democrática permita un avance na liberdade das nacionalidades, onde a vella España “escolti” (escoite) aos que trata de ignorar. Neste caso debíase mirar no espello da desfeita Iugoslavia.             

 

 

  



x