Visitei hai poucos días, na Caixa Forum de Barcelona a exposición: Els Pilars D’Europa L’edat Mitjana al British Museum, que remata o próximo día 18 dos correntes. Ás maioritarias pezas pertencentes ao museo londinense, que aquí se expoñen, están acompañadas doutras dos diversos museos europeos. O mais fantástico e deprimente, á vez, foi encontrarme co pantocrátor do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), que está exposto desde hai moitos anos no Museu Marès de Barcelona. Reparei na delicada beleza desa escultura da escola mateana, que formaba parte do tetramorfos do pórtico principal de Carboeiro. O Pai eterno sedente, coroado e con manto esplendoroso, prototipo da maxestade dun emperador ou rei que dirixía os destinos das nacións e dunha maneira omnímoda, como sátrapas deste mundo. Mais a súa cándida e doce face é atraínte, coa ollada distraída nos destinos da terra, transmite esa cálida e rigorosa exuberancia con que respiran as esculturas do Mestre Mateo e da súa escola. A grandeza deste pantocrátor, en todos os seus matices estéticos, ten o seu respiro nesa luminosidade que o individualiza nesta exposición. Un que está acostumado a velo nunha instancia escura do devandito museo recobra a especial beleza que esta figura expresa.

 

Por outra banda, tiven a impresión de que ese pantocrátor, especialmente tan noso -no sentido mais auténtico dun formato que pertence a unha idea artística e conceptual, tan galega como as que podemos observar nos pórticos das catedrais de Santiago e Ourense, Carboeiro, Portomarín, Santo Estevo de Ribas de Miño, Noia e un longo etc.- transmite as esencias galegas do medievo que, dunha maneira tan sinxela e de enorme rigor podía estar noutro espazo, mais illado do seu entorno non se concibe. Coido que non estamos habituados a presenciar estes formatos fóra do noso contexto e do que podemos valorar dunha obra de arte que forma parte dun conxunto arquitectónico, escultural e simbólico. O mesmo sucedería como se colocamos unha das maxestáticas esculturas románicas do século XII catalán, dos mestres Cabestany e Arnau Cadell, nun museo do románico galego -que non existe- moi poucos entenderían esas expresións do románico pleno pirenaico fóra de contexto.

 

A grandeza deste pantocrátor, en todos os seus matices estéticos, ten o seu respiro nesa luminosidade que o individualiza nesta exposición

 

Mais o espolio e a depredación da nosa arte medieval, sobre todo a relixiosa, predominou dunha maneira escandalosa, por parte de quen lle tocaba administrala, coidala e defendela, como legado artístico e transmisor da nosa idiosincrasia que nos proporcionan os tempos pretéritos. Non sabemos ben quen lle vendeu o pantocrátor de Carboeiro, aínda que o intuímos, a Frederic Marès (1893-1991), un excelente escultor e coleccionista de arte románica, que acaparou en todo o Estado español. Un verdadeiro lince en detectar curiosidades en igrexas románicas e dar con perfectos espoliadores que, ante o diñeiro contante e soante, non vacilaron en venderlle grandes pezas como as que estamos comentando. Moitos párrocos sen respecto polo herdo e a pertenza abasteceron a estes coleccionistas de numerosas pezas de arte, en detrimento do patrimonio local e comunitario que teñen o deber de custodiar. O Museu Marès nútrese, en parte, desa espoliación acometida por mentores sen escrúpulos e dignidade. Eses ladróns eran os verdadeiros administradores dese patrimonio que se lles encomendou. Frederic Marès mercou e acaparou esculturas románicas para un museo de enorme elocuencia, onde figura a procedencia desas pezas. Isto quere dicir que o fixo legalmente, nun tempo escuro da ditadura, onde todo era lícito no tráfico de obras de arte, cando isto o facían membros de institucións relixiosas que apoiaban a ditadura.

 

O mosteiro de Carboeiro non deixa de ser o símbolo da arte galega, espoliada e depredada pola insidia duns e polo lucro doutros. No pórtico central é ben visíbel a ausencia do pantocrátor, do cal falamos, e de dúas figuras do tetramorfos, a representación dos evanxeos de Xoán e de Lucas, que estaban neses dous ocos baleiros que esperan o retorno deses símbolos a esa posición. Non me consta que Patrimonio explorase a posibilidade de recuperar ese magnífico pantocrátor ou obter unha reprodución do mesmo. En troques, fíxoo unha persoa moi interesada en recobrar esa escultura ou poder reproducila e colocala no seu apousento de orixe. Hai mais dez anos presentouse en Barcelona e falou coa dirección do “Museu Marès”, refírome ao estudoso e defensor do románico, o profesor Carlos Sastre, que tomou a iniciativa e apelou a altas instancias das institucións galegas, sendo desoído ou silenciado. Unha acción que lle honra e que nos estimula a verificar e reivindicar o noso patrimonio. Un firme apelo ao comunal, aínda que o noso patrimonio material e inmaterial non pasa por vontades voluntaristas para salvalo, e si por accións conxuntas, por grupos de presión en determinados núcleos de poboación, como son os concellos. Mais precisamos de iniciativas individuais como a de Carlos Sastre, que dan confianza,  firmeza e determinación a protexer todo o patrimonio histórico, artístico e cultural galego, desde os petróglifos até a última creación artística actual. Non nos conformamos con simples inventarios que dormen no baúl das lembranzas e só serven para xustificar que, nas instancias burocráticas do poder, algo se move. Mais eses inventarios son paraugas impermeábeis que non nos deixan ver a frecuencia da desfeita que soporta o noso patrimonio, en estado de catástrofe.

 

O mosteiro de Carboeiro non deixa de ser o símbolo da arte galega, espoliada e depredada pola insidia duns e polo lucro doutros

 

Con relación a este patrimonio en desfeita, precisamos dunha mobilidade que xorda de asociacións cívicas e populares e organizadas a nivel de concellos e comarcas que aspiren a unha loita reivindicativa que fomenten o estudo, a protección e a conservación deste patrimonio local, dándolle rango de lexitimidade identitaria. Faltan debates consistentes para articular e valorar o grande espolio que, dunha maneira persistente, está eliminando o enorme volume patrimonial galego. Mais o debate necesario ten que darse no Parlamento da Galiza, por parte dunha oposición firme e sensata, que constate cientificamente e con especialistas de determinadas áreas, que o Patrimonio orgánico non funciona, nin como norma e menos como defensa do mesmo.

 

En todos estes fuscos aconteceres, temos a esperanza dun amencer defensivo que se proclame desde a recente creada “Asociación para a Defensa do Patrimonio”, que nos presente proxectos e contidos tan serios como contundentes, que animen a cidadanía en xeral a tomar conciencia, interese e iniciativa co fin de salvar o noso patrimonio, partindo dunha organización que vele e protexa, con contundencia, un patrimonio ferido e vulnerado pola desprotección administrativa, en moi determinados ámbitos e lugares.

 



x