A mudanza dos tempos e dos costumes, na preocupación que Camões manifestou hai cincocentos anos,  lévanos a meditar sobre ese sarillo de desfeita das nosas tradicións populares que albiscamos desde diversas frontes depredadoras. A cultura das nosas tradicións está lexitimada nas raigañas dun sentimento ben nutrido de orixinalidade e de resistencia que, en parte, impermeabilizou os piares no que o pobo galego configurou e dignificou ese longo inventario de modalidades de festas e romaxes, tanto de distingo de santoral como cívico e laico. O universo rural, dador de nación, privilexiou nas festas comunitarias ese ardor de ser para estar na solidez do necesario, para agrandar convivencias e manter protección ante imposicións foráneas, que os que nos desgobernan intentan atrapallar a nosa cultura e a nosa convivencia. E nesta dimensión humanista, polo de ser popular e allea a desencontros, o noso poeta Manuel María, no poemario Versos para cantar en feiras e romaxes, relatou: “Á sombra das vellas carballeiras / xa non se escoitan muiñeiras / como no tempo dos avós”. Os nosos poetas sempre cantaron ao que se perde das esencias mais puras da tradición. Eles presentiron o que se desconfigura abrindo fendas de extinción. E no ir deste laio do que se perde, o poeta brañego Noriega Varela en 1904 advertía: “O que a Galicia mal queira / pode vivir sosegado: / fun o vinteoito á feira / e non vin unha monteira, / nin un dengue colorado. // Quezais alguén me non crea: / os sombreiros de Sevilla / están de moda na aldea, / e n’hai bonita nin fea / que non chufe coa toquilla”. 

 

O universo rural, dador de nación, privilexiou nas festas comunitarias ese ardor de ser para estar na solidez do necesario, para agrandar convivencias

Que visión mais nítida tiveron os nosos poetas cando nos alertaron do que se perde e do que deixamos perder das nosas tradicións festeiras. Estas queixas veñen de lonxe, xa no século XVI, o quiñentista portugués -tamén noso-, Gil Vicente alertaba da alteración tradicional, ao dicir: “Em Portugal ví eu já / en cada casa pandeiro, / e gaita em cada palheiro; / e de vinte anos a ca / não ha gaita nem gaiteiro. (...) Se olhardes as cantigas / do prazer acostumado, / todas tem som lamentado, / carregado de fadigas, / longe do tempo pasado”. 

 

Nesta Galiza actual o pasado histórico non se renova, aniquílase por decreto. Aos colonizadores actuais moléstalles a perpetuación do pasado refacendo presente e futuro. E no prodixio do pasado, a tradición aínda respira nestas manifestacións festeiras.  Ante tais carencias debemos practicar un código de conducta que axude a manifestar e proclamar as nosas festas nesa dimensión tan singular e de admirada convivencia. As nosas festas tradicionais son un dos atributos que revelan autoridade comunal, da nosa singular personalidade que marca un dinamismo contundente, o de ser galegos. De vivir e convivir dentro dos lindes xeográficos dun idioma, dunha psicoloxía propia, na extensión dunha antropoloxía e etnoloxía que nos diversifica dos demais. 

 

As nosas festas tradicionais son un dos atributos que revelan autoridade comunal, da nosa singular personalidade que marca un dinamismo contundente, o de ser galegos

 

Na trascendencia da tradición festeira do ciclo castrexo, dixo o cronista romano Estrabón: “Os galegos eran frugais pero non desprezaban a fartura e a ledicia dos banquetes festeiros. No intre de beber o viño executaban danzas ao son de frautas e trompetas, consistindo en pórse en rolda, choutar no ar, e axeonllarse”. Mais os cantos e as danzas non se reservaban só para as festas, como refire o cronista romano Silio cando describe os mozos galegos do exército de Aníbal dicindo que “cantaban versos descoñecidos, divertíanse facendo resoar seus escudos e emitindo un 'ululare' (aturuxo)”. Velaquí os vestixios e as frecuencias da tradición que aínda permanecen connotando a súa presenza en nós.

 

Como podemos explicar esa trascendencia do pasado que permanece no presente, sen valorar ese sentimento nacional aínda que non teñamos conciencia de nación? O proceso histórico destas manifestacións festeiras anticípannos á orixinalidade destas prácticas. Aínda que os nosos colonizadores pretendan dicirnos que hai unha ruptura entre o pasado e o presente, no caso galego. Mais, coidadiño coas pretensións de homologación e das tendencias que afloran no desprestixio das nosas manifestacións culturais erixidas polos colectivos populares. Unha das tradicións máis potentes e comunitarias son as festas, non as que nos veñen de fóra, senón as que se sustentan co noso espírito comunal e identitario. Non fai falla entrar en metafísicas do comportamento dos galegos, só o estímulo destas manifestacións festeiras aclaran moito da nosa existencialidade, que nos estimula a extirpar pautas foráneas.

 

Cando o pobo recoñece a súa autenticidade e se reafirma na tradición de festas e romaxes feitas á medida de súas necesidades, está cultivando o herdo cultural dos nosos devanceiros para non perder o seu protagonismo. O que sempre teremos é que potenciar o fundamento desa orixinalidade creadora para dar continuidade ás esencias identitarias. É por isto, polo que temos que reivindicalas e sostelas criticamente fronte ao despoxo, á voracidade e ás deformacións interesadas, rescatando e potenciando esa luz festiva que a mediocridade tenta escurecer.