O nacionalismo revolucionario na historia de Cuba remítenos ao ideario de Fidel Castro. Á coñecida frase: “La Historia me absolverá”, pronunciada no xuízo sobre o asalto ao cuartel Moncada, o 16 de outubro de 1953. Nesa autodefensa verificamos unha serie de matices que confirman a continuidade da historia revolucionaria cubana. Naquel famoso xuízo, Fidel respondeu á pregunta de quen era o mentor do asalto ao Moncada, dicindo: “Martí é o autor intelectual do 26 de xullo”. Neste sentido, a conexión entre a loita de Martí pola independencia de Cuba e a acción revolucionaria de Fidel, en defensa dos oprimidos, vencéllanse nunha serie de temarios que unifican os dous próceres nacionalistas e revolucionarios. Fidel tivo un sobresaínte no ideario nacionalista de José Martí, fundador do Partido Revolucionario Cubano no que desenvolveu a conquista das liberdades fronte ao colonialismo español. A revolución independentista de Martí conflúe na revolución socialista, de matiz campesiña e proletaria, protagonizada por Fidel.

O triunfo revolucionario de independencia de 1898 e a consolidación revolucionaria de 1959 teñen símiles nacionalistas que non se deben esquecer nin desfigurar. Nos dous estadios revolucionarios, non houbo exclusividade étnica (caso das forzas mambisas) nin rexeitos á integración solidaria de internacionalistas de dirixentes non cubanos, como é o caso do xeneral dominicano, Máximo Gómez, estratega da loita de independencia. Ese internacionalismo maniféstase coa integración do arxentino Ernesto Che Guevara, guerrilleiro en Sierra Maestra e protagonista da liberación da Habana baixo a ditadura de Batista en 1959. Respecto a estas similitudes, Martí matizou o valor revolucionario nunha carta dirixida en 1887 a José Dolores Poyo: “O que mais dá que temer da revolución aos mesmos que a desexan é o carácter confuso e persoal con que até agora se presenta; a falta dun sistema revolucionario, de fins claramente desinteresado, que afaste do país os medos que hoxe a revolución lle inspira e a cambie por unha merecida confianza na grandeza e previsión dos ideais que a guerra levará consigo na cordialidade dos que a promoven, no propósito confeso de facer a guerra para a paz digna e libre, e non para o proveito dos que só vexan na guerra o adianto do poder e da fortuna individual”. 

A revolución independentista de Martí conflúe na revolución socialista, de matiz campesiña e proletaria, protagonizada por Fidel

Esta incuestionábel dignidade revolucionaria ten un valor sorprendente contra o oportunismo daqueles que se involucraban sen un ideario revolucionario co fin de aproveitarse da revolución. José Martí saíu ao paso destes factores de risco e Fidel Castro advertiu, o 26 de xullo de 1966, conmemoración do XIII aniversario do asalto ao cuartel Moncada, sinalando: “Conciencia revolucionaria, cabalmente, non a posuímos nin os mesmos homes que estivemos dirixindo esta revolución. Ideas revolucionarias, intencións revolucionarias, bos desexos revolucionarios, pero conciencia revolucionaria, unha verdadeira cultura revolucionaria a teñen moi poucos. Porque as masas o que sentían era a opresión, o que sufrían eran as necesidades, e tiñan, todo o demais, unha conciencia vaga de que algo andaba mal, unha conciencia vaga de que era explotada, de que era preterida e humillada”.

A ideoloxía como necesidade revolucionaria vémola harmonizada, cientificamente, nos máis diversificados parámetros da dialéctica fidelista. Neste contexto, aínda resoa ese impacto exclamatorio sobre a ideoloxía dun revolucionario socialista como Fidel, no II Congreso do Partido Comunista de Cuba, ao dicir: “Ideoloxía é ante todo conciencia; conciencia é actitude de loita, dignidade, principios e moral revolucionaria. Ideoloxía é tamén a arma de loita fronte a todo o mal feito, fronte ás debilidades, aos privilexios e ás inmoralidades. A loita ideolóxica ocupa hoxe para todos os revolucionarios, a primeira liña de combate, a primeira trincheira revolucionaria”. As trincheiras revolucionarias en Cuba teñen un significado baseado na dignificación dun pobo, cun longo aprendizaxe de significada proxección na loita contra as humillacións coloniais e imperialistas.

A converxencia do ideario revolucionario de Martí co de Fidel confirman experiencias nacionalistas e, tamén, internacionalistas. A revolución cubana de 1959 foi unha referencia para a liberación da clase oprimida de América latina e de todos os países chamados do Terceiro Mundo. Fidel Castro foi o máximo mentor ideolóxico daqueles procesos. Jean Paul Sartre, nas súas crónicas de Cuba, tituladas Furacán sobre o azúcar, comentou: “Cuba quere renunciar á súa economía colonial, e iso quere dicir que ás estruturas clásicas do subdesenvolvemento (industrias de extracción con grandes investimentos estranxeiros, produción agrícola), o Goberno proponse engadir un sector esencial desenrolando as industrias de transformación”. Neste tema, Fidel foi contundente na estratificación de crear novas condicións que liquidasen o vello sistema de explotación colonial e de clase. Neste sentido, razoaba Carlos Marx en O dezaoito brumario de Luís Bonaparte: “Os homes fan a súa propia historia pero non a fan a seu libre arbítrio, baixo circunstancias elixidas por eles mesmo, senón baixo aquelas circunstancias con que se atopan directamente, que existen e transmite o pasado”.

Aquelas vías cara ao socialismo, que Cuba adoptou non as fotocopiou nin as homologou doutras experiencias revolucionarias alleas ao contexto cubano

A revolución cubana a partir de 1959 entra nunha serie de fases e acondicionamentos de cambios internos e de combates externos contra as intromisións dos Estados Unidos, cando ven perigar seus intereses imperiais na illa. Ante eses acontecementos, na década de 1960, Fidel introduce un novo modelo social estruturado para consolidar unha sociedade sen clases. Aquelas vías cara ao socialismo, que Cuba adoptou non as fotocopiou nin as homologou doutras experiencias revolucionarias alleas ao contexto cubano; si que pediu apoio á súa revolución ameazada, polas inxerencias dos Estados Unidos. O apoio xurdiu da Unión Soviética. Aquelas actitudes revolucionarias incidiron en comandar varias accións combativas contra os terratenentes e dar as terras aos campesiños, aplicando unha radical reforma agraria; o combate contra o analfabetismo e a nacionalización dos monopolios norteamericanos, que foron as credenciais da revolución cubana. Estas decisións contra os intereses imperialistas levaron a Fidel Castro a non admitir vacilacións nin lecturas gratuítas, fronte a uns feitos consumados pola inxerencia ianqui. O pobo cubano sabía do que falaba o Comandante. Despois de Playa Girón e de Bahía de Cochinos, as sabotaxes a granxas  colectivizadas e a escolas, asasinando alumnos e profesores, o pobo cubano comprendeu a firmeza de Fidel. Estes acontecementos activaron varias frontes revolucionarias con dispositivos de autodefensa popular, co fin de salvagardar a revolución e ampliar as vías ao socialismo. Nesta dirección, houbo cambios cualitativos, harmonizando sentimentos e valores de crear o home novo e restablecer a dignidade negada. Despois daquelas frustradas invasións ianquis, Fidel reactivou procesos revolucionarios cara ao socialismo real.

Nos escritos de Fidel e do Che hai leccións de fraternidade e de renuncia a intereses persoais. Un novo humanismo revolucionario saltaba á palestra, de raíces profundas e robustas que floreceron en todo o planeta. A solidariedade de Cuba con países ameazados polo imperialismo e en contendas bélicas como Angola, con tropas e antiaéreos que frearon a invasión do sur angolano por tropas sudafricanas do apartheid. No cemiterio de Boa Vista en Luanda hai centos de cubanos alí sepultados. Isto indica a solidariedade e compromiso que tivo Fidel cos países en loita contra o colonialismo e o imperialismo. Outros países africanos e latinoamericanos, nestas circunstancias, recibiron axuda de médicos e de enxeñeiros agrícolas cubanos. Sorprende este internacionalismo por parte dun país como Cuba, sometido a un drástico bloqueo que dura décadas e que frustrou varias vías dun proceso produtivo, aniquilando e sometendo ao pobo cubano a diversas miserias. Fidel concretou: “O bloqueo é a arma mais innobre: aproveítase da miseria dun pobo para sometelo por fame. Iso non o aceptaremos. Negámonos a morrer nesta illa sen erguer un dedo para defendernos ou para devolver os golpes”. As contundencias dese comportamento innobre, orientado polos gobernos reaccionarios e polos monopolios imperialistas é unha das agresións mais repugnantes contra un pobo, como o cubano, que detesta de ser satélite do monstro imperial. Os cubanos coñecen ben e repiten aquela frase antiimperialista de José Martí: “Coñezo o monstro, porque vivín nas súas entrañas”.

No cemiterio de Boa Vista en Luanda hai centos de cubanos alí sepultados. Isto indica a solidariedade e compromiso que tivo Fidel cos países en loita contra o colonialismo e o imperialismo

Reflexionando sobre os dous máis grandes procesos históricos de América latina, atopamos a dous dos mais altos dirixentes, Simón Bolívar foi o prócer da liberación de Suramérica e Fidel, o prócer da liberación da clase oprimida nun país antillano, que repercutiu en todo América. Dous grande dirixentes que encarnan un tempo e un espazo diferentes, mais que teñen unha relación que marcou o proceso de loita anticolonial e de loita de clases. A obra de Fidel Castro, como dirixente da revolución cubana, continúa sendo referencia para loitar contra calquera opresión e optar polo home novo. Sobre este tema, quero reproducir as palabras do poeta catalán, Salvador Espriu, dunha entrevista que lle fixen e se publicou en 1974. Respondendo á pregunta de que opinaba de Fidel, Espriu respondeu: “Non estou a favor das críticas que se fan contra Fidel Castro, é mais importante a súa obra e a súa personalidade que a de todos os seus detractores. Cando se fai unha revolución hai que axudala e non entorpecela”. Fidel faleceu, mais o seu legado e patrimonio revolucionario continúa