Saltar ao contido
19:09 h. Cuarta feira, 30 de Xullo do 2014

Opinión

Xosé Mª Lema

Xosé Mª Lema

Catedrático (xubilado) de Xeografía e Historia de E.S. Acaba de publicar a novela "Costa do Solpor", finalista do Premio Xerais 2011".
Vota:

Un accidente por culpa do galego (a realidade supera a ficción, e non vos riades)

Hai anos, cando o tan criticado bipartito de Touriño e Quintana gobernaba Galicia e se dera inicio desde medios xornalísticos madrileños á campaña contra “la imposición del gallego” que, logo, dunha maneira tan seguidista fora secundada por certos comentaristas dos nosos xornais, quen subscribe publicara un artigo irónico titulado (en castelán) “Un accidente por culpa del gallego”. Parodiando o castelán de Galicia –o auténtico castrapo- contaba que un meu familiar tivera un accidente por culpa dos sinais inintelixibles que algúns concellos empezaban a poñer en galego, e dicía: “Iba mi hijiño con su bicicleta a todo dar por una carretera secundaria y, al llegar al cruce con la principal, no dio entendido una señal  de tráfico que estaba rotulada en gallego ‘Ceda o paso’ –en vez del castellano ‘Ceda el paso’-, el pobriño no se detuvo y se fue esnafrar contra un coche que por allí pasaba. Mi filliño hubo de morir del golpe, pero afortunadamente no pasó nada e se dio recuperado rapidiño, rapidiño, pues solo tenía un croque en la cabeza. Pero bueno, ahí queda la denuncia: por la manía esa del gallego tuvo ese lamentable accidente”.

"Tamén houbera quen crera o que se contaba nalgún medio madrileño de que moitos colexios de Vigo (¡mesmo os privados!) poñían ós profesores vixiar nos recreos para que os rapaces e as rapazas falasen en galego e non en castelán". 

Nin que dicir ten que moitos creron na veracidade daquela parvada, como tamén houbera quen crera o que se contaba nalgún medio madrileño de que moitos colexios de Vigo (¡mesmo os privados!) poñían ós profesores vixiar nos recreos para que os rapaces e as rapazas falasen en galego e non en castelán. 
E miren Vdes. por onde aquela brincadeira retranqueira miña se acaba de facer realidade co que acabo de ler hoxe na prensa: que Tráfico multa con tres mil euros por sinal á empresa de autoestradas da A9 por rotular en galego Peaxe no canto do castelán Peaje, en base ó artigo 142 do regulamento de circulación, porque seica a indicación en galego “puede confundir a los conductores de fuera de la comunidad”. ¿Tan poucas ‘entendedeiras’ lles supón Tráfico a esa xente de “fuera de la Comunidad” como para non seren capaces de traduciren ó seu idioma unha palabra na que só cambia unha letra, o –x- polo –j-? Palabra que, por certo, está calcada do castelán, pois nin sequera se recorreu a unha adaptación da equivalente en portugués, portagem.  Ante o recoñecemento de tamaña incapacidade non é estraño que esteamos á cola de Europa no coñecemento de idiomas. Tales sinais en galego seica se levaran a cabo a partir de 2009 e nunca orixinaron ningún problema, pero tanto ten: se non o hai créase, e despois a algúns éncheselles a boca co requilorio do bilingüismo cordial e outras argalladas.  

"¿Por qué no saen agora a ridiculizar estas multas dignas do esperpento máis valleinclaniano? ¿Que non farían se fose ó revés?"

¿Onde están agora os ‘opinadores’ de quenda de boa parte dos medios escritos e falados, galegos e non galegos, que, ó mínimo intento de que o noso idioma asome a cabeza tratando de igualarse ó castelán, xa están co dedo inquisidor denunciando as inadmisibles pretensións do idioma propio de Galicia? Lembremos a tinta que gastaron uns e outros cando o tripartito catalán de hai uns anos disque multaba ós comercios e empresas de Cataluña por non rotularen en catalán (tamén o facía por non rotular en castelán, pero iso calábase). Así mesmo, encheron de lixo o bipartito galego cando este empezara a facer unha moi tímida campaña a favor da introdución do noso idioma na publicidade das empresas. Fora un dos alicerces de “la imposición” coma aqueloutra mentira de que nas galescolas se obrigaba a cantar o Himno e a desfilar marcialmente. Ubi sunt? Ulos? ¿Por qué no saen agora a ridiculizar estas multas dignas do esperpento máis valleinclaniano? ¿Que non farían se fose ó revés?

Xosé Mª Lema

Outros artigos
Outras voces