Nuns tempos en que está devaluado o concepto de “político” eu reivindico o orgullo de ser un representante do meu pobo nos órganos institucionais e, tamén, da formación política á que pertenzo.

Nuns tempos en que está devaluado o concepto de “político” eu reivindico o orgullo de ser un representante do meu pobo nos órganos institucionais e, tamén, da formación política á que pertenzo. Nunca desempeñei un cargo institucional até o de agora, mais os veciños e veciñas da miña vila, Baiona, decidiron que era merecedor de tal honra.

"Reivindico a honra de ser representante do pobo nos órganos institucionais como algo que supón un esforzo persoal, sendo éste pagado co recoñecemento, non con privilexios".

Gustaríame mudar tantas cousas que estou abrumado desde que se confirmaron os resultados electorais, mais són consciente de que nada ou pouco poderei facer sendo o meu grupo a novena parte da Corporación Municipal. Eis ún dos problemas da xestión institucional, as presas. Pretender mudar ún só as ideas da veciñanza, a idea dunha vila, o concepto que podan ter dunha organización e outras tantas cousas supón unha quimera, sobre todo si pretendes facelo en catro anos. Xa que logo, a clave é o traballo colectivo. Dez teñen máis posibilidades que ún, e cen máis que dez. O principal obxectivo desas dez persoas debe ser conseguir convencer a noventa máis para que colaboren. Semella sinxelo, mais poucos chegan a esa conclusión e claudican na labor da transformación social e política.

Reivindico a honra de ser representante do pobo nos órganos institucionais como algo que supón un esforzo persoal, sendo éste pagado co recoñecemento, non con privilexios. Eis a clave para que os políticos sexan as persoas máis honestas e xenerosas, non precisamente ao contrario do que estamos habituados. O exercicio da política municipal, nomeadamente nas vilas e pobos, é un sacrificio que non todos e todas están dispostos a asumir. Por iso persoas que serían moi válidas para xestionar os recursos públicos néganse contínuamente a dar un paso á fronte, non digamos xa si engadimos a esa dificultade ter que posicionarse e visibilizarse a favor dun proxecto nacionalista e de esquerdas como é o BNG.

"Só unha sociedade que valore positivamente aos seus representantes pode erguerse e transformar".

A nosa sociedade esquenceu, si algunha vez os coñeceu, eses esforzos que supoñem ser representante público. Xa non só na política institucional ou orgánica, sinón tamén en asociacións e comunidades varias onde os directivos e representantes non só non perciben honorarios, sinón que teñen que pór cartos do seu peto e horas da súa vida persoal para exercer altruistamente unhas labores que si ben son voluntarias, tamén é certo que poucos están dispostos a realizalas.

Cómpre, pois, recuperar e fomentar esa consideración. Só unha sociedade que valore positivamente aos seus representantes pode erguerse e transformar. Teño a certeza de que isto comeza a acontecer, mais dun xeito en certa medida errado. Existen demasiados tópicos inculcados ano tras ano que serán difíciles de erradicar.

Agardo poder aportar o meu humilde grao de area, pido só que sexan máis os que fagan o mesmo e así construamos unha montaña transformadora.



x