Máis que a independencia -valentemente proclamada polo Parlament esta sexta feira 27 de outubro-  o importante é o procés ou, se o preferides, a independencia é o procés, visto este como unha dinámica obxectiva, auto-organizada, do pobo catalán. A independencia non é nen pode ser un episodio fortuíto, unha imaxe icónica, un momento fundacional epifánico ou un arrebato glorioso (aínda que tamén se pode constituír de todo iso). Non, a independencia é un proceso, produto dunha vontade social masiva, da participación e da loita populares, do protagonismo das masas, do seu empoderamento. A independencia é unha construción social auto-consciente. E, sendo iso, descansa unica e exclusivamente na forza do pobo, imparábel cando marcha unido e coeso, imparábel cando se sabe dono de si e do seu futuro.

 

Ben, dito isto, non nos enganemos. Diante do procés, para o inviabilizar, están forzas formidábeis. Un Estado que é a cuarta economía da zona euro. Un Estado que dispón de forzas armadas e dunha Constitución que as mandata para intervir se a súa integridade territorial está en risco. Un Estado que conta co apoio de Bruxelas, Berlín e Washington. Un Estado que mostra agora cal é a súa verdadeira face, neofalanxismo puro e duro, con Cs como vangarda primo-riverista e o PSOE como corrente interna do PP.

 

República e Resistencia, receitaba o argumentario interno de JxSí para o debate nas súas asembleas de base. Fai falta iso e moito temple. Construír pobo, país, desde o pacifismo, como acertadamente proclamou Puigdemont no seu breve e emocionado discurso desde a escalinata do Parlament. Dirección e talento político de primeira, claro, iso é imprescindíbel, mais a chave continúa a estar no compromiso dos centos de miles de persoas que vertebran o movimento soberanista en Catalunya. Manter ese nervo cívico é a chave. Se hai vontade de resistencia, se hai vontade de ser, o Estado será derrotado nas próximas semanas en Catalunya como o foi o 1 de outubro, cando miles de persoas obraron o prodixio de disponibilizar miles de urnas e millóns de papeletas, invisíbeis durante días para gardas civís, policías españois e axentes do CNI.

 

Felizmente, e pola torpeza do Estado español, Puigdemont recuou e non convocou anticipadas. Preservou así o maior tesouro do procés, a alianza de clases que se expresa na unidade de acción entre JxSí e a CUP, un fenómeno único, sen parangón, en todo o mundo desenvolvido. Que as clases populares e segmentos da pequena e mediana burguesía partillen un mesmo proxecto é o sustento da revolución democrática catalá, unha dinámica social anti-oligárquica que hai décadas que non se vive en ningún país europeu. A demostración, aliás, de que todo movimento nacional-popular -e o procés éo en estado puro- contén un enorme potencial revolucionario.

 

A resposta de España é de libro. Rajoy viola a súa propia legalidade e dá un golpe de Estado arrogándose competencias que o 155 en absoluto lle outorgan (e que tampouco o Senado lle conferiu). En ningún lugar da Constitución española se di que un goberno do Estado poda disolver un Parlamento autonómico e moito menos convocar eleccións a unha asemblea sub-estatal. O Estado expresa tamén unha vontade de poder. É a súa esencia. Neste caso, antidemocrática e oligárquica, mais como na fábula do escorpión este Estado é así, esa é a súa natureza e non pode ser doutro xeito. Loita real polo poder. Esa é a política con maiúsculas. Un Estado e as súas estruturas anti-sociais e anti-populares. Unha República nacente e o contra-poder popular. Emocionante, non?

 

Aquí hai agora dúas legalidades que confrontan. A nova e a vella. A da República nacente, respaldada por un proceso de participación popular con 2 millóns de persoas a votaren nun referendo boicotado polo Estado con violencia policial. E a da autocracia española, que perpetra a aberración xurídica dun presidente dun executivo -Rajoy- a cesar o titular doutro executivo -Puigdemont- e a disolver un Parlament. Son estes os estándares democráticos que a UE considera razoábeis? Se iso é así, que razón hai para negar o ingreso a Turquía?

 

O tripartito golpista -PP, PSOE, Cs- reúnen 72 por cento dos parlamentares no Congreso dos Deputados. O que fica para completar o arco das forzas estatais, Podemos, non fai parte directamente do réxime, mais bebe das mesmas fontes. "A DUI non é lexítima", di Pablo Iglesias nun chío, a ecoar o seu argumento de que referendo, si, mais pactado. Pactado con quen? Co neofalanxismo ao mando na Moncloa e os seus aliados de Ferraz? Alguén imaxina Rivera, Rajoy e Sánchez a pactaren un referendo? Entón se esa opción non existe no mundo material, que se supón que debe facer o movimento nacional-popular catalán? Agardar a que o rexime de 1978 se faga o hara-kiri como as vellas cortes franquistas? Nen iso valería porque as vellas cortes franquistas non se suicidaron para daren lugar a un sistema político que puxese o contador realmente a cero. Non, non: aquí non houbo ruptura, houbo reforma. E apandamos coa monarquía, e apandamos cun sistema eleitoral elaborado por un goberno autoritario e tardofranquista e apandamos coa definición primoriverista de España como "patria común e indivisible de todos los españoles".

 

Non vai ser doado. Non vai ser debalde. Dixo Marta Rovira (ERC) na súa espléndida intervención no Pleno do Parlament en que se proclamou a independencia.

 

Claro que non. Mais se hai algunha opción de derrota do réxime de 1978, se hai algunha opción real neste momento de avanzo sustantivo da causa democrática e progresista na península, pasa por que a nacente República catalá se faga forte alí onde se ten que facer, na base da sociedade, onde a multitude manda, onde non ordena nen o autócrata da Moncloa nen os seus títeres dos poderes xudiciais.

 

A independencia non se materializa por que un órgao lexislativo a proclame. A independencia non se disolve por que un poder imperialista fracasado dicte decretos de demolición dunha institución, a Generalitat, preexistente ao propio estado español. A independencia é un procés e acabará por ser real se hai suficiente forza social trás dela, se hai determinación para parar o golpe en primeira instancia e para avanzar decisivamente despois. Se iso existir, a independencia é inevitábel, fixer o que fixer o Estado e os partidos que continúan a concebir España como unha realidade eterna, inmanente, ahistórica, como a concebía José Antonio Primo de Rivera.

 



x