A declaración de independencia posíbel

Xosé Mexuto - Director do diario dixital Sermos Galiza


Ás veces, cando defrontas monstros internos e externos, a mellor declaración de independencia é aquela que non se explicita ou que só se insinúa, mais que si ten efeitos plenamente reais. Este 10-O, xa histórico, Carles Puigdemont ofereceu unha lición de alta política, a que che fai gañar espazos, evitar danos irreparábeis nas túas filas e coloca problemas no adversario. A política que te achega ao poder real. Esa política é a que fai o Govern. O Govern ten unha estratexia. Sabe onde ir. En troca, Madrid só practica o monólogo da violencia e a represión, bunquerizado na defensa dunha legalidade, a do Estado como cadea de pobos, que non é compatíbel cunha concepción minimamente avanzada da democracia. O Govern ten un propósito: que a nación catalá se desenvolva en plenitude. O Madrid de Rajoy e Rivera (e unha parte moi substancial do PSOE) só aspira a que ninguén lle tire o nó á proclama franquista do "atado e ben atado".

 

Puigdemont deixa en suspensión a declaración de independencia para abrir un proceso de negociación e mediación. É neste momento a declaración de independencia posíbel. Non dá nengún paso atrás, simplesmente administra os tempos e interpela a todos os axentes a se pronunciaren. A pelota pasa agora ao tellado do Estado. Aínda ecoa o discurso de Pablo Casado. Nada que negociar. Nada que ceder. Nada que transferir. Non, non e non. Ben, os ollos do mundo están postos neste momento no conflito entre Catalunya e o Estado. Se Madrid volta a opor un muro intransixente e autoritario ás demandas catalás, Puigdemont terá as mans definitivamente libres para resgatar da suspensión a declaración de independencia e proclamar de vez a República catalá nas mellores condicións posíbeis.

 

A política vai da conquista do poder e, cando xenuína, non é mera representación teatral. O Govern non é un clube de burócratas, é a expresión dun potentísmo movimento social que non só é quen de reunir millóns de persoas nas rúas, senón tamén de organizar un referendo -miles de colexios abertos, miles de urnas, millóns de papeletas- contra o aparato represivo do Estado. O simples facto de o referendo se ter realizado é a proba máis palpábel da existencia dunha Catalunya emancipada e auto-organizada.

 

Esta partida xógase en distintos taboleiros. No nacional e no internacional. Na esfera catalá o prioritario para o soberanismo é que se manteña a alianza de clases que expresa a entente entre JxSí e a CUP, ese é o corazón real do procés, a converxencia que produce pánico non só en Madrid, senón nas chancelarías europeas, non se vaia estender o exemplo por todo o continente. Nada do dito por Puigdemont compromete realmente a unidade de acción no fulcral -na procura da soberanía- coa CUP e certos acenos, ou certo distanciamento discursivo por parte de Anna Gabriel no Pleno do Parlament, remiten máis para un coidado reparto de papeis do que para disensos relevantes entre as distintas sensibilidades do soberanismo (como, aliás, demostrou o facto de parlamentares de JxSí e a CUP asinaren conxuntamente, xa fóra da sesión plenaria, unha declaración de independencia a seguir a intervención de Puigdemont)

 

Castelao costumaba dicer que a política é luxar as mans. A pureza só existe en determinadas condicións nos laboratorios. A vida real é impura. A vida real avanza sempre desde a contradición. Ás veces a palabra máis clara, a máis contundente, é aquela que nen sequer se pronuncia. O procés é iso, un procés, un movimento social, unha concatenación de acontecimentos, non se esgota nun só día, nen no 1-O nen no 10-O. O soberanismo catalán suma pontos e mantén a iniciativa. Fico com esa idea na cabeza. O conflito continúa aberto, mais a sensación é que Madrid vai perdendo.

 

 



x